por Albino Prada
Non hai moitos días razoaba que a catástrofe do coronavirus enfrontábanos a unha colosal incerteza, cousa moi distinta dun risco. E que iso tiña consecuencias sobre o tipo de medidas que unha sociedade pode tomar, tanto para previr tales situacións como para xestionalas unha vez que se desatan.
A idea clave é aplicar o principio de precaución. Porque recoñecida a nosa ignorancia e impotencia debemos evitar a soberbia, a compracencia tecnocrática ou a temeridade. Por exemplo: tomando medidas cautelares e urxentes de confinamento no canto de persistir en manter as usuais mobilidades sociais. Aínda que iso poida impactar gravemente coa actividade económica ou a vida social habitual. Ou decretar moratorias ou prohibicións respecto de formas de alimentación sobre as que non temos unha plena seguridade sanitaria.
Pero non é menos certo que unha situación deste tipo sitúanos, retrospectivamente, ante disxuntivas e eleccións sociais previas que poderían considerarse temerarias. Para avalialo o concepto clave aquí é o de resiliencia. Considérase tal cousa segundo a “capacidade dun material, mecanismo ou sistema para recuperar o seu estado inicial cando cesou a perturbación á que estivo sometido” (dicionario RAE) (Wikipedia), sexa esta perturbación ou alteración de tipo social ou ambiental (ou unha mestura de ambas como é o caso do Covid-19).
A resiliencia convértese así nun atributo de máxima importancia para avaliar como estamos facendo as cousas. Poñerei algúns exemplos que creo pertinentes en relación ao coronavirus. Para que da UCI social e produtiva na que entramos saiamos cun modelo económico máis resiliente. Non co mesmo.
Un sistema sanitario público (e isto é aplicable ao conxunto do noso sistema de dependencia) podería acabar xestionándose ao límite da súa eficiencia e produtividade xa para situacións habituais de riscos para a saúde. Por seguir un catecismo neoliberal ou para deixar negocio crecente para empresas privadas. E, isto así, quedaría inerme para enfrontar unha situación de incerteza. Non me refiro aquí a que poida quedar desbordado nunha situación de risco (como unha gripe anual) máis ou menos masiva, como desgraciadamente adoita suceder e padecín por propia experiencia.
Defendo que, a partir de agora, debe contar cunha folgura ampla de instalacións e persoais activos para enfrontar situacións de incerteza. Para ser así resiliente ante unha incerteza como a do coronavirus. Porque esta calidade ten que dalgún modo explicar que á altura do día 21 de marzo en Alemania faleceran 72 infectados (de 21.000) por coronavirus, mentres en España levabamos 1350 (de 25.000).
Hai aquí un enorme potencial de emprego digno e cualificado para absorber os excedentes que xera a robotización e a economía do big data. Excluíndo estas actividades da tentación a amortizar horas de traballo humano. Porque nos momentos críticos este factor é imprescindible para ser máis resiliente e máis inclusivo como o modelo xaponés.
Polo mesmo motivo os nosos sistemas de fornecementos básicos (alimentarios, farmacéuticos, enerxéticos…) non deberían estar conformados á medida dunha situación garantida de bonanza ou de riscos comúns nos mercados. Neste punto cómpre lembar que a política agraria europea tivo na súa orixe distanciarse desa filosofía: buscou garantir unha autonomía e suficiencia alimentaria por exemplo ante unha ruptura dos mercados por un conflito bélico. E como se puxo de manifesto no caso das máscaras e outro material básico “nun momento de pandemia mundial como o actual as cadeas de fornezo empresarial están totalmente rotas” e é crítica a capacidade de produción nacional ou doméstica. Porque esta é unha guerra do século XXI.
Xa que logo un sistema agroalimentario, ou sanitario, ou enerxético… debería sospeitar que conformalo á medida da opción máis barata ou á máis eficiente cando todo transcorre con normalidade, pode converterse nunha ratoneira cando as cousas se torcen. Aquí resiliencia significa: sistemas descentralizados, alimentos de proximidade, autonomía alimentaria, canles curtas de comercialización, evitar os megacentros de produción ou distribución… porque só facelo así nos permitirá xestionar e recuperar unha certa normalidade en situacións de incerteza sobrevida. E iso debe ser así por máis que en situacións de normalidade ou de riscos comúns poidan parecer menos eficientes, competitivos ou baratos. Porque o máis barato pódenos custar moi caro.
Outro bo exemplo de escasa resiliencia ante incertezas sobrevidas coa irrupción do coronavirus témolo na dependencia letal de España respecto ao turismo e ao financiamento externo. O noso saldo exterior sería insostible sen ese turismo masivo e a nosa débeda pública colócanos en xaque mate (prima de risco, non financiamento) ante turbulencias globais.
Por tal motivo un sistema económico máis resiliente para España debería frear a bóla de neve de débeda (cuxo maior acelerador é o gorroneo fiscal duns poucos) e reducir a súa enorme dependencia da actividade turística (co que, de paso, freariamos non poucas insostibilidades ambientais). A loita contra o gorroneo fiscal pode abrir camiño a empregos decentes na inspección fiscal e laboral, pero as alternativas de emprego á hostelería deberían pasar (en Xapón pasan) por: “Optimizar a cadea de valor energético, sistemas de transporte intelixentes, promover sistemas integrados de atención comunitaria, de sistemas hospitalarios e sanitarios, sistemas intelixentes de cadea alimentaria, información sobre o medio ambiente, mantemento e actualización de infraestruturas ou lograr unha sociedade resiliente contra os desastres naturais”. Afortunadamente a roda está inventada.
En todos os casos que acabo de enumerar podemos seguir actuando co sonambulismo daqueles que imaxinan que o peor nunca vai pasar, que nada hai que facer contra os cisnes negros (hoxe coronavirus, mañá manipulación xenética, pasado intelixencia artificial, logo nuclear, etc.), que ao final a ciencia e a tecnoloxía nos sacará da lameira, que no peor dos casos os máis avezados sobrevivirán… ou aplicar o principio de precaución en relación á resiliencia de todas as nosas opcións: dixitais, sanitarias, big data, alimentarias, enerxéticas, financeiras, de visitantes, etc, etc.
Non elixir a opción aparentemente máis barata ou competitiva senón aquela que nos permita (con soberanía ante corporacións xigantes) manexar mellor situacións de incerteza. Fagamos da necesidade virtude, que este xigantesco batacazo se transforme nunha oportunidade. Para non entrar noutra situación de incerteza coas mesmas feblezas que esta vez. Para non tropezar de novo na mesma pedra.
______________________