Converxencia nas nacións minguantes

Con datos recentes de Eurostat -para o ano 2023- na prensa galega (Faro de Vigo) informábase que superamos a Asturias e Cantabria no PIB por habitante (en relación á media da UE), así como que dende o ano 2019 non facemos máis que avanzar, estando xa no 83,7 % dese indicador (PIBpc, UE27=100). Como sucede sempre nestes casos a información non precisaba canto de ese mérito é do numerador (o PIB que medra) ou do denominador (a poboación que apenas medra). Vexamos.

O noso éxito en ter superado en 2023 a Asturias e Cantabria no ranking europeo non se debe a ter medrado máis o noso PIB tal como certifican os datos de Eurostat (que confirman os xa coñecidos do INE):

Fonte: Eurostat [ampliar cadro]

Si isto é así para o numerador o “sorpasso” galego só se pode explicar por un comportamento demográfico menos expansivo de Galicia (o que nos confirma como un país minguante porque mentres no conxunto de España medrou a poboación ese ano un 1,3 % en Galicia fíxoo un 0,2 % … a sexta parte).

Respecto do segundo asunto (o imparable avance de Galicia na converxencia en PIBpc coa media europea dende 2019) de novo paga a pena separar o que pasa co numerador (o PIB) para ver claro o asunto, e non vender triunfalismos.

Á vista destes datos resulta evidente que o avance de Galicia en PIBpc entre os anos 2019-2023 non se pode explicar por un maior crecemento do PIB. Pois entre nós fíxoo en catro puntos do índice (112,9-108,9) namentres que no conxunto da UE fíxoo en cinco puntos (116,3-111,3). De novo resulta que a nosa converxencia coa UE só se explica por medrar menos a nosa poboación, non por medrar máis o noso PIB.

Para rematar, na seguinte gráfica recollo a evolución minguante de Galicia na UE entre os anos 2014-2023 no numerador (PIB, serie en negro) e no denominador (Poboación, serie en roxo), os dous datos cos que se calcula o “triunfal” PIBpc:

Fonte: elaboración propia con datos de Eurostat [ampliar cadro]

E así ímola virando. Para quen queira profundar en como saír deste círculo vicioso de “éxitos” do PIBpc (e doutros varios) grazas a ser minguantes,  penso que lle pode ser de utilidade o meu recente ensaio “Galicia. Un país desnortado e minguante” (Universidade de Vigo, 2024).