Domingo 28, Maio 2023
HomeEconomíaCONFINAMENTO DE ALTURA

CONFINAMENTO DE ALTURA

por Gonzalo Rodríguez

Estes días Luis Davila publicaba no Faro de Vigo unha viñeta, moi ben traída, na que un mariñeiro dun barco de grande altura lle preguntaba a outro: “¿Como levan na túa casa o confinamento?”, ao que o segundo respondía:

  • Máis ou menos, estoulles gravando un tutorial!

E é certo, a rutina dos mariñeiros no Gran Sol, en Terranova, no Indico e noutros moitos mares distantes constitúe unha particular forma de clausura. Nisto nos levan moitos anos de vantaxe dende que en 1961 Pescanova botou o “Lemos” (nome que, por certo, non podería parecerme máis acaído), inventando a pesca de Altura. Compre dicilo, iso si, no caso das tripulacións en condicións ben duras, con xornadas laborais extenuantes, poucas horas de sono, traballando á intemperie, moito menos espazo que nos nosos fogares e ate ben pouco sen pequenos luxos como internet.

Hai outro fenómeno deste complicado presente que eles xa levan experimentado bastante tempo: os paróns económicos temporais, cuio impacto, tal vez se entenda hoxe mellor que no pasado. As paradas biolóxicas, que de cando en vez teñen que ser establecidas nas pesquerías para recuperar os stocks, sendo entendibles e mesmo imprescindibles, non deixan de ser extremadamente complicadas de xestionar para os armadores e os mariñeiros. A actividade para, os ingresos cesan, pero certos gastos non desaparecen: hai que seguir pagando créditos, taxas, impostos, alugueres, servizos, subministros, etc. Esta, hoxe en día, é a situación dunha parte importante das empresas (non todas) do planeta e non será a última vez que pase. No caso da pesca, este tipo de situacións se entendía (é unha forma de dicilo) porque é unha actividade baseada en recursos naturais, pero, ¿hai algunha que non o sexa? Teño a sensación que nesta e noutras cousas, a pesca vai por diante da maioría dos sectores e ten bastantes cousas que ensinar.

Dende logo, non o digo por aquelo de mal de moitos, consolo de parvos, senón simplemente por lembrármonos o valor do peixe. Estes días, por certo, estavos moi ben de prezo.

________________

Gonzalo Rodríguez Rodríguez é membro do Grupo de Investigación en Economía Pesqueira da USC.