Os datos do mes de maio do emprego (cotizantes á Seguridade Social) en Galicia semellan ser para tirar foguetes. Así un dixital titula “Galicia acada tras 17 anos tantos cotizantes como antes da caída de Lehman Brothers” (refírese a xullo de 2008), un diario de moita difusión titula “Galicia marca su mínimo histórico de paro y acaricia el récord de ocupados” e outro xornal de referencia remacha: “Galicia registra tanto empleo como en el mejor momento de su historia”. Vaiamos por partes.

En primeiro lugar, quedo parvo ao ver como se vende como un éxito o ter tardado case dúas décadas en volver aos niveis de emprego (os ocupados ou cotizantes) dunha burbulla especulativa financeira-inmobiliaria que segundo uns (promotores, banqueiros, supervisores) nunca ía suceder, e segundo outros (moi poucos entre os que me atopo) podía suceder e íamos pagar moi cara. Dúas décadas perdidas.
En segundo lugar, o que se vende como un éxito na Galicia do ano 2025 -os recuperados niveis de emprego do ano 2008- compre relativizalo tendo en conta que no conxunto de España eses niveis de emprego xa se recuperaran en outubro de 2019… Hai máis de cinco anos! Co que levamos cinco anos de retardo en recuperármonos da crise financeiro-inmobiliaria en termos de emprego.
E isto lévame a terceira precisión a estes foguetes mediáticos. Que ten que ver co título do meu recente libro “Galicia, un país desnortado e minguante” (Universidade de Vigo, 2024). Porque aínda tendo acadado -con cinco anos de retardo- os niveis de emprego do ano 2008, o que se oculta é que en termos relativos somos hoxe un país cun emprego que ten menor peso no conxunto de España: pois se eramos 5,6% en maio de 2008, en maio de 2025 xa só somos o 5%. Pode semellar pouco descenso pero equivale a non contar con 124.000 empregos, que si teríamos se o emprego medrase en Galicia ao mesmo ritmo que no conxunto de España. É o prezo de ser un país minguante.
Un prezo -o ser un país minguante- que se traduce nunha emigración permanente e nunha parálise demográfica derivada. Que se retroalimentan e que, iso si, permítenos presumir de que a cada paso temos menos parados. Certamente é este un “éxito” paradoxal porque non se debe a ter un crecemento do emprego para tirar bombas, senón a ser minguantes.








