Agora que moito se fala sobre si os ingresos fiscais derivados da súa riqueza (PIB) deberan quedar en cada nacionalidade ou rexión do reino de España, e tamén que o orde ou ranking do PIB non debera modificarse pola intervención pública (a chamada ordinalidade), véñome ocupando (en TEMPOS e no xornal Nós) de argumentar que esas caixas estancas e esa xerarquía depende doutras caixas que están abertas de todo, e de outras xerarquías invertidas.
Traducido: que o PIB dos máis ricos podería non selo se os recursos laborais, enerxéticos ou os mercados non fosen partillados por todos. Tal como resumía na miña sección “Desnortados” no Tempos Novos deste pasado novembro.
Hoxe cada quen tería un PIB derivado dunha “sociedade de gananciais” no conxunto do reino de España e sería discutible daquela que os ingresos fiscais derivados dese PIB, en cada nacionalidade ou rexión, se xestionasen cunha “separación de bens”. Porque o “mérito” do PIB non sería cousa só do esforzo de onde se fai o seu cómputo. Co que, de camiñar cara un encaixe confederal de facto nos ingresos públicos derivados do PIB, habería que trasladalo tamén a todos os factores produtivos que o fan posible.
Vou achegar brevemente nesta ocasión un novo argumento neste sentido, centrado nas denominadas “biocapacidades” dentro do reino de España. Biocapacidades das que depende a resiliencia alimentaria (vexetal, animal, pesca), forestal, climática e para asentamentos residenciais ou produtivos varios.
Defínense as biocapacidades como as superficies reais das que dispón un ámbito territorial de estudo nas súas diferentes categorías (cultivos, pastos, bosques, mar e superficie artificializada). O valor da suma destas superficies coñécese como biocapacidade ou capacidade de carga local, e defínese como a superficie produtiva dispoñible para cada habitante dentro do territorio considerado. Os analistas que elaboran este indicador inclúen ademais para o seu cálculo o territorio necesario para a preservación da biodiversidade e que debe restarse á suma do resto de superficies (ver páxina 23 de Cálculo da pegada ecolóxica de Galicia, Xunta de Galicia, 2022).
O factor das biocapacidades debera fundamentar unha redistribución federal dos ingresos derivados do PIB e non unha caixa separada. Pois, de tomar unha solución confederal, debera selo en todos os eidos que explican o PIB e non só nos ingresos que derivan del.
O Ministerio de Medio Ambiente (MMA, 2007) na súa pioneira Análise Preliminar da Pegada Ecolóxica en España, páxina 22, estimou e divulgou as biocapacidades dentro do reino de España. Sendo máis que preocupante que non se teña continuado e actualizado esta estimación dende entón, pois permitiría deseñar estratexias de resiliencia e para poder reducir a conxestión demográfica.
As estimacións por habitante presentadas naquela publicación podemos referilas á media española (valor 100) e así comparalas co nivel relativo de riqueza naquel mesmo ano 2000 (INE). Os resultados aparecen na seguinte gráfica na que o Reino de España marca o nivel 100 para os dous indicadores por habitante. Na parte superior figuran aquelas nacionalidades e rexións con menores biocapacidades por habitante e na parte inferior as que teñen maiores biocapacidades per cápita.
Sobra dicir que nunha formación social capitalista como é o actual reino de España todos os factores produtivos englobados nas biocapacidades poden ser aproveitados e comercializados con plena liberdade de mercado por empresas de calquera parte do territorio, pois as barreiras internas son inexistentes. Non se considera nestes casos ter a “chave da caixa” ou “quedar con todos os recursos” tal como se está propoñendo que suceda cos recursos fiscais derivados do PIB de cadaquén.As oito rexións ou nacionalidades que preceden a Galicia na gráfica teñen moito mais PIB que a media española, pero teñen unhas biocapacidades moi inferiores. Euskadi, Madrid, Catalunya, Baleares ou a Comunidade Valenciana entre elas. Moi probablemente non poderían acadar ese PIB de non partillar as biocapacidades das rexións da parte inferior da gráfica (as dúas Castelas e Estremadura, Aragón e -menos- Andalucía). Navarra, A Rioxa, Murcia e Galicia amosan un certo equilibrio entre o seu nivel de PIB e as súas biocapacidades, polo que se podería considerar que, no caso deste recurso produtivo, non dependen das asimetrías e ordinalidades invertidas do resto de España.
O dato que dá o MMA (2007) para Galicia é de 2,1 hag (figura 13, páxina 19) sobre 2,6 de media española de biocapacidades para o ano 2000. Pola súa banda, a Xunta de Galicia (2022) no estudo xa citado estima para 2016 unhas biocapacidades de 3,5 hag, un dato que con moita probabilidade nos faría superar o índice 100 medio español, colocándonos nunha situación máis semellante á das Comunidades Autónomas da parte inferior da gráfica.
Pero no resto dos casos sinalados, só a actual plena mobilidade dos factores dentro de España pode explicar a conxestión e nivel de riqueza dos casos máis elevados do PIB e, xa que logo, este factor das biocapacidades debera fundamentar unha redistribución federal dos ingresos derivados do PIB e non unha caixa separada. Pois, reitero, de tomar unha solución confederal, debera selo en todos os eidos que explican o PIB e non só nos ingresos que derivan del.
Sen esquecer que as xa de por si maiores biocapacidades absolutas dos territorios menos ricos vense amplificadas en termos per cápita pola súa regresión demográfica. Un baleirado que ten a outra cara na conxestión, litoralización e escasa resiliencia das grandes conurbacións urbanas. Tamén neste crucial asunto a solución e redistribución federal debe ser belixerante coa polarización derivada da actual sociedade de mercado. Por caso, na localización das entidades, administracións e investimentos públicos (de entrada en enerxías renovables).