Sábado 3, Xuño 2023
HomeEconomíaBANCOS E FUNDACIÓNS: AS OBRAS SOCIAIS EN ESPAÑA

BANCOS E FUNDACIÓNS: AS OBRAS SOCIAIS EN ESPAÑA

por Albino Prada

Capital con/sen ánimo de lucro

Na actualidade destacan –de entre as entidades financeiras que contan con capital sen ánimo de lucro- tres polo seu tamaño: a que está por detrás de Caixabank (terceiro posto no ranking bancario español) e as que están detrás de Kutxabank (noveno posto). No primeiro caso a Fundación Bancaria La Caixa controla o 40% do capital, e no segundo tres fundacións (BBK, Kutxa e Vital) controlan o 100% do capital. De Unicaja (sétima no citado ranking) a súa Fundación controla o 50% do capital.

Ben diferente folla de ruta tomaron entidades como Bankia (na cuarta posición no ranking bancario actual) que está controlada no 62% polo Estado mediante o FROB, como resultado dun conglomerado de Caixas (Madrid, Avila, Segovia, etc.) que deron en quebra polas súas temeridades inmobiliarias e financeiras. Neste caso ningunha Fundación ten aí cota de capital.

Caso aparte é tamén o de Abanca (na octava posición[1] no ranking), pois sobrevive por un lado a Obra Social das antigas Caixas galegas quebradas, pero A Fundación que as xestiona non ten ningún control de capital sobre un negocio financeiro que conta como accionista maioritario cun grupo bancario privado hispano-venezolano. Estariamos diante dun capital no que todas as accións o son con ánimo de lucro.

Agás, de momento, o caso de Bankia, en todos os demais casos temos Fundacións sen ánimo de lucro que utilizan os seus recursos en obxectivos sociais (culturais, deportivos, asistencia social, etc.) con dúas situacións extremas: en Kutxabank, as Fundacións controlan a totalidade do seu capital e en Abanca a Fundación non controla nada do seu capital.

No concreto caso da proxectada fusión ou absorción de Caixabank con Bankia, a cota de capital refundida da Fundación La Caixa e do FROB tendería a perder peso en favor de inversores globais como Vanguard, Blackrock, Norges Bank, etc. que teñen xa cotas significativas na actualidade. Unha absorción a cada paso máis lonxe, polo tanto, do modelo vasco de control de Kutxabank polas Fundacións (con nula presencia de accionistas privados), para acercarse máis ao control maioritario que no modelo de Abanca teñen os accionistas privados (estando aquí a Fundación subordinada ao banco e aos seus accionistas).

Non paga a pena resaltar que dende o punto de vista do control do negocio por axentes de proximidade, e o destino dos resultados do mesmo, o modelo de Kutxabank é moito máis potente socialmente que o de Caixabank e, non digamos, do de Abanca.

Non é este o lugar para realizar unha análise polo miúdo dos variados ámbitos de responsabilidade social destas entidades financeiras (como é a calidade e cantidade do emprego xerado, a accesibilidade e proximidade aos clientes, a competencia real en comisións e condicións de creto a particulares e empresas, etc.). Imos supoñer aquí que neses aspectos actúan de xeito moi semellante por mor do presunto ditado dunha competencia ou man invisible que en España non é moi intensa.

Destino dos beneficios bancarios

Isto así, ten especial relevo o avaliar o volume dos recursos que destinan a Obra Social, que é o obxectivo esencial das súas Fundacións. Para os datos máis recentes temos colleitado a información corporativa que presentamos na gráfica seguinte.

No caso de Kutxabank, lemos no seu informe financeiro 2018: “Bilbao Bizkaia Kutxa Fundación Bancaria, con domicilio social en Gran Vía 19-21 de Bilbao, tiene la facultad de ejercer el control sobre Kutxabank”. O seu resultado era de 262 millóns de euros no 2018, “en materia social, el dividendo que se distribuirá a las fundaciones bancarias accionistas del banco con cargo a los resultados de 2018 ascenderá a 166 millones de euros,… representando la mayor aportación a Obra Social en función a su tamaño de todo el estado español” (p. 476), de ahí ese 63 % de beneficio para Obra Social no noso gráfico.

A Obra Social La Caixa conta con 530 millóns, una cifra que supón o 25 % do beneficio de 2000 millóns estimado para 2018 en Caixabank. En Unicaja para 2019 esperábase dotar con 39 millóns a súa Fundación, unha parte dos 172 millóns de beneficios (un 20 %); recursos que mesmo corrían o risco de caer á metade por causa da crise do Covid-19 para facer provisións.

No caso de Bankia, con 541 millóns de beneficio, destinou 22 millóns de euros a Inversión Social, o que supón apenas un 4 % do mesmo.

Daquela: un 25 % (Caixabank), un 20% (Unicaja) e un 4 % (Bankia) que figuran, respectivamente, no noso  gráfico.

Finalmente Afundación, a obra Social financiada por Abanca, que non ten cota de capital nesta entidade, recibiu do banco uns ingresos que ascenderon  a 10 millóns en 2019. Como queira que os beneficios de 2018 foron de 430 millóns, aquela cifra comporta algo máis do 2%, cifra que figura no gráfico. No citado informe de auditoría desa Fundación lemos: “en cada uno de los años desde 2018 a 2044, ABANCA aportará 5 millones de euros más, en su caso, una cantidad complementaria hasta alcanzar el 3 % de los beneficios que obtenga ABANCA en cada uno de los años 2018 a 2043” (p. 27). De xeito que aquí o hourizonte é, polo tanto, do 3%. Estariamos máis cerca do modelo dunha entidade bancaria sistémica como o Santander, na que todo o capital o é con ánimo de lucro, e con apenas un 1% dos beneficios destinados á súa obra social.

A tipoloxía que se deriva do que antecede é sinxela de resumir: canto maior é o control dos accionistas particulares (Abanca), e nulo o da Fundación, menor é a porcentaxe de beneficios para Obra Social (2 %). E canto maior é esa cota de accións da Fundación (en Kutxabank) maior é esa parte nos beneficios (63 %). Trinta veces máis en Kutxabank que en A Banca.

Nunha situación intermedia está Caixabank, cun 25% dos beneficios para os obxectivos sociais dunha Fundación que controla o 40% do capital. Ou Unicaja cun 20 % e 50 %, respectivamente. Desequilibrios que se deberán corrixir.

Situación insólita é a de Bankia que, sendo pública nun 62%, apenas destina un 4% do seu beneficio á súa Obra Social. Claro que Bankia non debera tomarse como un exemplo de normal xestión pública, senón un banco zombi á espera dunha festa para tiburóns financeiros. Mentres, todos os seus beneficios destínanse a tapar o buraco público que provocou. Tal sería a súa patética obra social.

Alguén teceu a conciencia unha Bankia grande de máis para poder rematar dun xeito alternativo. Á vista da nosa análise, para recuperar a Obra Social dese zombi, Caixabank puidera ser o tiburón menos malo. Non o é para mellorar a competencia bancaria, nin para evitar o risco moral en España. Tampouco para evitar un control crecente por grupos de investidores globais da criatura resultante.

Para conseguir todo iso ten moito interese, na miña opinión, o modelo de Kutxabank, e, dende logo moi pouco o de Abanca. Nesta e en novas operacións, das que xa se fala.


[1] Deixamos fora desta análise dúas entidades xa de menor tamaño que Kutxabank: Ibercaja (10ª posición / 90% capital da súa Fundación) e Liberbank (11ª posición / 23% do capital da súa Fundación)

Albino Prada é membro do Consello Científico de Attac España