Fusións? A banca é un servizo público

A banca é un servizo público. Ademais, esencial. Agás casos excepcionais, hoxe non é posible pagar impostos ou recibos de subministracións esenciais non sendo a través de bancos, nin recibir nóminas, subvencións ou pensións. As operacións a través de tarxetas limitan o uso de moeda e, por tanto, do efectivo que os cidadáns teñan “baixo os colchóns”, co que todos os seus aforros xestiónaos o banco. A banca manexa un ben público como é o diñeiro de curso legal e crea diñeiro coa concesión de crédito. O anómalo é que este servizo público estea exclusivamente en mans privadas. Non ocorre coa sanidade ou o ensino, onde o Estado non se limita a regular que uns negocios privados cumpran certas normas, senón que decide intervir directamente na súa xestión para garantir o ben común. Hoxe acéptase tamén a presenza pública en sectores estratéxicos.

En España produciuse xa un proceso de desaparición dun eficiente sector público bancario e, posteriormente, diversas medidas que levaron á práctica desaparición dunha parte do sector financeiro de carácter social como as Caixas, que foron saneadas con fondos públicos para despois ser basicamente regaladas á banca privada, finalmente receptora desas axudas ademais das que tamén recibiu pola súa propia crise.

Véndennos as bondades de ter entidades financeiras potentes. Xa son tan grandes como para condicionar o poder político por riba da democracia. Tan grandes como para ter que rescatalas, coa escusa de que o país non se pode permitir a súa crise.

Esa crise terminou nunha concentración en moi poucos bancos. O resultado foi unha perda de competencia que prexudicou aos cidadáns e incrementou o beneficio desas empresas (só no tres primeiros meses do ano, os grandes bancos españois gañaron máis de 6.676 millóns, un 17% máis que no mesmo período de 2023). Non é casualidade que paguen menos que a banca europea polo diñeiro depositado e cobren máis polos créditos que outorgan. En segundo lugar, aforran custos ao reducir oficinas (e empregados nelas), o que afecta especialmente á España baleirada. As tecnoloxías, que permiten que os cidadáns fagan a operativa bancaria desde as súas casas, só redundan en beneficio para o xestor e o accionista, producindo exclusión financeira para quen non dispoñen desas capacidades.

Con independencia de que se produza ou non a fusión ou a OPA hostil do BBVA sobre o Sabadell (o que agravaría os problemas expostos) véndennos as bondades de ter entidades financeiras potentes. Xa son tan grandes como para condicionar o poder político por riba da democracia. Tan grandes como para ter que rescatalas, coa escusa de que o país non se pode permitir a súa crise, cando asumen demasiado risco na procura dos maiores beneficios. A banca é un negocio que depende da confianza porque presta moito máis que os seus recursos propios e porque os aforradores poden saír do banco en multitude. Un risco que leva a crises recorrentes, crises que antes asumía o banqueiro pero que agora se resolven con diñeiro público.

É falso, e hai múltiples exemplos diso, que non poida ser pequena unha entidade de crédito xestionada con criterios de prudencia e atención comprometida socialmente coa súa clientela. O noso país non necesita esa fusión que elevaría aínda máis a concentración oligopolística e os enormes beneficios desa banca, senón unha banca pública que introduza competencia actuando con criterios de servizo público. A anomalía internacional de ausencia en España de banca pública no sector debería comezar a reverterse mediante a potenciación do pouco público que queda. Primeiro, potenciando o papel de Correos para loitar contra a exclusión financeira en liña do que xa foi unha exitosa Caixa Postal. E segundo, potenciando o ICO como instrumento de investimento e apoio crediticio naqueles sectores que se determinen como social e economicamente necesarios.