As tarifas de Trump: España e Galicia

Segundo se informaba na prensa o método de cálculo da tarifa arancelaria para cada país que utiliza o goberno actual dos Estados Unidos é moi sinxelo. Pois abonda con dividir a cifra de déficit comercial polas importacións que fan os Estados Unidos en cada caso. Un país terá unha tarifa por riba do 10 % si Estados Unidos ten saldo comercial negativo con ese país, e a tarifa ou arancel será proporcional a ese déficit dividido polas exportacións que o país fai aos Estados Unidos.

Cos datos que manexaba nunha análise miña previa para o ano 2024 coa UE (con valores -237/606 en miles de millóns de dólares, e por cen) daría un 39 % para a UE. E para o caso da China (-295/438 e por cen) daría un 67 %. O arancel vai ser, redondeando, a metade desa cifra: 20 % para UE e 34 % para China. Tal como se recolle nunha táboa que fora moi difundida ao estilo hiper mediático trumpista coa imaxe que abrimos esta análise.

Neste armadillo, que penaliza sobre todo a aqueles países ou áreas nos que EE.UU. non é quen de vender o suficiente para compensar o que compra, paga a pena analizar cal sería o arancel para España e para Galicia (de non estar na UE e aplicando esa vara de medir). Non facilitan datos concretos na BEA dos Estados Unidos pero si temos os datos do noso Ministerio de Economía e Comercio.

O primeiro vai ser comprobar que os Estados Unidos non anotaron un déficit comercial con España, senón un superávit por dez mil millóns en 2024. Daquela España non contribúe ao déficit que teñen os Estados Unidos coa UE (de – 235.000 millóns), pois somos nós os que temos un déficit con eles por dez mil millóns. E convén saber que sobre todo contribúen a aquel déficit tres países: Alemaña, Italia e Irlanda. Países que deberan ser, se acaso, os afectados por esta guerra.

E, xa que logo, o Reino de España por vez de padecer o arancel trumpista dun 20 % (de acordo cos datos globais da UE), tería que impor a Estados Unidos (se seguise o método trumpista, e de acordo cos seus datos) un arancel (para -10,8/28,2 por cento) dun 36% que redondeado á metade sería do 18 % ao noso favor. Por vez de apandar cun 20 % teríamos que aplicarlle aos EE.UU. esa porcentaxe. Segundo o seu método e a súa menciña comercial.

Cos datos para Alemaña da BEA por vez do 20% do arancel mancomunado que ese país -como España- soportará en base as cifras globais da UE, debera ter un arancel (resultado de dividir o déficit que Estados Unidos ten con este país, polas importacións procedentes do mesmo, -85,1/161, e por cen) de case o 54 % que na súa metade da fórmula trumpiana daríanos un 27 %. A cara e a cruz: España debera impor un arancel aos Estados Unidos do 20%, e Alemaña soportar un arancel do 27%.

Para o caso de Galicia sucede algo semellante ao conxunto de España. Estados Unidos non ten déficit comercial con Galicia, somos nós os que temos déficit comercial con eles.

Pois exportamos 800 millóns en 2024, pero importamos de Estados Unidos por 1.300 millóns. Son eles os que teñen superávit con Galicia, e nós déficit (duns 535 millóns). Nestas circunstancias non podemos asumir dende Galicia que temos un problema que solucionar con 800 millóns exportados. Non hai tal, si eles colocan aquí 1.300 millóns de ventas.

Pois é xusto ao revés. Estados Unidos consigue en Galicia un superávit comercial que nos debera deixar fora das consecuencias dos castigos inventados polo trumpismo. De nós aplicar o seu invento teríamos que cargalos a eles cun arancel do 38 % que redondeado á metade -como eles fan- quedaría no 19 %. Por vez de apandar en Galicia cun 20 % deberamos cargarlle a eles case un 20 %.

Fonte: Faro de Vigo (4/4/2025)

En resumo: nin no conxunto de España nin en Galicia teñen os Estados Unidos contas comerciais negativas, senón moi positivas. Non contribuímos ao seu problema de saldo negativo coa Unión Europea.

Algo que ao menos debera terse en conta -dentro da UE e dentro de España- para repartir os custos e a factura que van a provocar as disparatadas medidas arancelarias da administración Trump.