por Manoel Barbeitos
O tremendo impacto negativo que a recesión pandémica está tendo sobre o mercado laboral (1.250.000 empregos perdidos en España, 45.500 en Galicia) está sendo aproveitado polos altofalantes de sempre (políticos, medios de información e opinión, elites financeiras…..) para poñer o foco sobre o sistema público de pensións. Coa mesma cantinela de sempre: a inviabilidade financeira do actual sistema.
Algúns dos datos que se utilizan para manter este dogma son indiscutibles: a maior esperanza de vida, a baixa natalidade…, xa que desequilibran a relación entre cotizantes e beneficiarios pois estes últimos medran a maior ritmo que os primeiros. Un desequilibrio que se incrementa por mor de que, dado o baixo nivel medio anterior, as novas pensións teñen un importe claramente superior. En definitiva, que os gastos superan con creces aos ingresos. Son argumentos que foron utilizados para xustificar as últimas reformas do sistema público de pensións, pero tamén para potenciar aos fondos privados. E a primeira vista, parecen convincentes.
Pero sucede que a realidade non é tal como nola contan. Deixemos moi claro en primeiro lugar que o actual gasto público en pensións nin é moi elevado nin en absoluto insostible. A realidade europea así no lo confirma: segundo os datos máis recentes (EUROSTAT), o gasto público actual en pensións supón en España o 12,5% do PIB, cifra que malia estar por riba da media na UE (11,3%), está claramente por baixo da correspondente a estados da UE como Francia, Portugal, Austria, Países Baixos, Dinamarca, Finlandia, Bélxica… É o que confirma que non estamos diante dun gasto público inasumible, e que aínda nos queda unha importante marxe de crecemento no gasto para equiparármonos a eses estados. Preguntémonos, xa que logo: por que España non pode destinarlle ás pensións públicas o mesmo gasto (%PIB) que lle destinan os estados europeos do noso entorno?.
Xa que estamos con contabilidades, pasemos aos ingresos. Os ingresos con que se financian as pensións públicas dependen basicamente das cotizacións (número de cotizantes e importe medio das cotizacións). Dependen, xa que logo, da situación do mercado laboral, que non é unha foto fixa. Como é o mercado laboral en España e Galicia?. Empecemos polos empregos: segundo fontes comunitarias (EUROSTAT), as taxas de ocupación en España (68%) e Galicia (53,2%) están moi por baixo da media tanto na Eurozona (72,7%) como no conxunto da UE (73,9%). E temos un problema!: o baixo número de empregos, que se reflicte directamente nun baixo número de cotizantes. Se en España, en en Galicia, tiveramos o nivel de emprego medio europeo, moi probablemente non existirían problemas para financiar o actual sistema público de pensións. Pode ser entón que os problemas fiscais do sistema público de pensións en España non estean tanto polo lado dos gastos como polo dos ingresos, que non só dependen do número de cotizantes, senón tamén do importe medio das cotizacións. E estas últimas dependen en primeiro lugar dos salarios: velaí outro dos puntos febles, canda o do emprego, do sistema público de pensións en España.
Dende fai décadas, os salarios reais veñen perdendo peso na riqueza española (53,5% do PIB), estando entre os mais baixos da Unión Europea (56,3% na Eurozona, 56,2% na UE). E esa perda de peso vén provocada e acelerada polas continuas reformas neoliberais do mercado laboral (tal que as de 2010, 2012) que atacan os salarios e afectan negativamente a produtividade e, xa que logo, a riqueza producida per cápita.
Velaí onde está a raíz dos problemas fiscais do sistema público de pensións de España: no mercado laboral. Un mercado laboral que depende dos ciclos económicos, das fases expansivas e recesivas, pero que dadas as súas fortes características neoliberais, teñen un maior impacto no emprego que na maioría dos estados europeos do noso entorno. Eis polo que nas fases recesivas, como a que se dá na actualidade, o desemprego en España, e en Galicia, se dispare moi por riba do que o fai naqueles. E ao dispararse o desemprego, caen as cotizacións e xorden os déficits da seguridade social.
Hai evidentemente outros factores que tamén inflúen como, por caso, o abuso das xubilacións anticipadas, a fraude nas cotizacións sociais e o peso da economía somerxida. Pero sen desmerecer a importancia destes fenómenos que deben ser erradicados, o factor central está no mercado laboral, que se ve fortemente debilitado polas continuas políticas neoliberais que se veñen aplicando dende hai décadas.
Como se pode ver, o presente e o futuro das pensións públicas en España non depende de razóns demográficas ou económicas, senón basicamente de factores políticos, das políticas públicas que se apliquen. De se estas políticas crean ou destrúen produción e emprego.