Sábado 10, Xuño 2023
HomeEconomíaAS BOLSAS E A RECESIÓN ECONÓMICA

AS BOLSAS E A RECESIÓN ECONÓMICA

por Manoel Barbeitos

Seguramente que a aqueles que teñen curiosidade por coñecer como marcha a economía, e por non seren expertos nos mercados financeiros, lles chame a atención que as Bolsas pareza que teñen nos últimos tempos un percorrido diferente e mesmo se manifesten como se estiveran á marxe do conxunto da economía. Como é posible que suceda isto se ao dicir dos teóricos a Bolsa -ese lugar no que se compran e se venden accións das sociedades anónimas- non fai máis que reflectir a realidade da economía, e son algo asi como o seu barómetro? Porén, se isto é asi como parece, como é posible que no contexto da recesión máis recente a Bolsa permitira grandes ganancias?

Que é o que sucede? Se como din son mercados eficientes e se constata que están en mans dunhas poucas sinaturas que, posuíndo en cada momento unha información precisa, están encargadas de controlar os seus movementos, por que  tales comportamentos erráticos? Como entender que en plena recesión económica as empresas do IBEX 35, por caso, obtivesen as maiores ganancias de historia bolsística en España. Outra interrogante referido á máis inmediata actualidade: é o coronavirus responsable da caída actual?

Para mellor entender o que está pasando no mercado bolsístico empecemos por aclarar como son as Bolsas de agora e como funcionan na economía do mundo capitalista, dominada polo capital financeiro.

Nos anos oitenta, ao tempo que se poñía en marcha a desregulación financeira e a liberdade de movementos do capital, as Bolsas pasaron a ser entidades privadas dedicadas a regular e controlar a compravenda de títulos que pasaron a ser obxecto de especulación como por caso pasa coas accións e as divisas. Este paso tivo a súa repercusión na propia Bolsa, xa que como entidades privadas que son teñen por si mesmas os seus propios produtos financeiros, que tamén cotizan en Bolsa como os de calquera outra sociedade. A Bolsa ten, xa que logo, o seu propio interese, que non é outro -como o de calquera accionista- que a ganancia ou o incremento de valor das súas propias accións. Un obxectivo que conduce a que superen a súa función reguladora da compravenda de títulos para centrarse maiormente no negocio bolsista.

Outro cambio importante foi o impacto que os avances tecnolóxicos tiveron neste negocio. Hoxe a Bolsa apóiase en grandes pantallas de terminais de ordenadores, nas que podemos visualizar os movementos no mercado bolsista a nivel mundial, o que permite realizar operacións instantáneas por millares, o que se converte en millóns de operacións diarias. Eses movementos provócanos os os grandes grupos financeiros, que son os que xestionan, encarreiran e regulan os movementos de capitais e de divisas a nivel internacional. Esta operativa internacional, facilitada pola liberación e desregulación do movemento de capitais, conduciu asemade tanto á cooperación e integración das distintas Bolsas a nivel internacional como á competencia entre elas, xa que as súas ganancias dependen das comisións que perciben que, a súa vez, dependen das transaccións que realicen.

Este novo escenario bolsístico (privatización, internacionalización, liberalización) facilitado polo enorme avance nas telecomunicacións conduciu a que as Bolsas, como sinalabamos antes, teñan agora os seus propios intereses, a súa particular visión do mercado bolsista, que nada ten que ver coas antigas bolsas de valores e si máis cun gran casino. Porén, eses intereses coinciden cos dos mercados financeiros, que teñen a especulación como principal fonte de negocio que, como sabemos, non se proxecta en paralelo coa marcha normal da economía. Podéndose dar o caso por iso, tal como sucedeu na fase anterior, dunha economía en recesión e dunha bolsa en alza.

Ora ben, sustentada sobre pés de barro, pois no hourizonte emerxe unha crise bolsista de consecuencias imprevisibles para os mercados financeiros. Como é iso? Esa crise é a que se presume que deriva da sobrecapitalización ds grandes empresas, que aproveitan a súa gran liquidez, froito tanto das ganancias propias como da expansión cuantitativa do BCE, para mercar a gran escala tanto accións propias como doutras sociedades o que, baixo a presión da nova demanda, disparou o seu valor e incrementou artificialmente os capitais desas sociedades, creando así unha nova burbulla. Todo isto coincidindo cun contexto recesivo a nivel mundial.

Pero sabendo que toda burbulla remata por estourar, e vendo o posible impacto do coronavirus, as grandes sociedades cambiaron a tendencia, e empezaron a vender co gallo de sacar a maior ganancia posible antes de que se producira a grande caída. Unha acción das grandes empresas que, por seren posuidoras dun elevadísimo número de títulos, producen un efecto contaxio, o que por mor do exceso de oferta fai caer o prezo dos títulos. Isto é o que explica a crise actual na que está inmersa a Bolsa. Cómpre subliñar que as grandes corporacións, ao tempo que vendían as accións, mercaban títulos da débeda facendo incrementar os prezos dos mesmos.

Estas operacións non son máis que un reflexo a día de hoxe da realidade da economía do mundo capitalista, na que a actividade financeira, que é maiormente especulativa, domina sobre a actividade produtiva e que, como pasa agora coa Bolsa, crea burbullas que rematan por estourar, provocando crises sistémicas.

______________