por Manoel Barbeitos
Para mellor entender o devir de ALCOA (San Cibrao) -no momento de escribir isto, o seu futuro aparece moi negro- cómpre ter en conta os cambios que se teñen producido na economía por mor da mundialización neoliberal á que se aplicou o sistema capitalista. Esa que a nivel empresarial comporta maiores facilidades para a deslocalización e a preferencia polas actividades financeiras de carácter maiormente especulativo.
A liberdade de movementos do capital sírvelle ás grandes empresas multinacionais para trasladar toda a actividade, ou unha parte da mesma, a outros estados con salarios máis baixos, menor presión fiscal, regulacións laborais máis laxas e menos preocupación polo medio ambiente, permitíndolles maiores ganancias. Velaí, por caso, que moitas grandes multinacionais estadounidenses se teñan desprazado a China, e grandes sinaturas alemañas a estados europeos do leste como Chequia, Hungría e Polonia. Estas deslocalizacións debilitan a capacidade de negociación dos/as traballadores/as coas direccións que, ante calquera conflito laboral, o que case sempre fan é ameazar con esa alternativa que, como é sabido,ten como consecuencia inmediata que todos eles queden sen traballo.
A financiarización das empresas supón que estas pasen a estar moito máis interesadas polas posibles ganancias a curto prazo xeradas nos mercados financeiros, por caso na Bolsa, que polas ganancias a medio e largo prazo derivadas das súas contas de resultados, das súas vendas e/ou melloras tecnolóxicas. Dado o carácter cada vez máis especulativo das actividades financeiras, as ganancias -neste caso para os accionistas e directivos- acostumbran a ser moi superiores ás derivadas da produción, especialmente en épocas de crise.
Sucede tamén, aínda que pareza paradoxal, que o comportamento destes mercados especulativos vai en dirección contraria aos mercados de bens e servizos. Para confirmalo abonda con que lle votemos unha ollada aos movementos nas Bolsas producidos durante a recesión última. Eis polo que anuncios de redución de persoal, de vendas ou deslocalizacións de factorías se vexan seguidos no curto prazo polas subidas das cotizacións das accións en Bolsa, coas correspondentes ganancias para os accionistas e os directivos.
Velaí a razón pola que os directivos e os accionistas destas multinacionais, controlados maiormente polos fondos especulativos, están máis atentos aos movementos da Bolsa que á marcha da produción ou as vendas que, como sinalaba, poden ir en direccións contrarias. Aos accionistas interésanlles, por caso, as rebaixas no custo do persoal (redución de cadros de persoal, rebaixas salariais, incremento da xornada laboral, deslocalización total ou parcial da actividade…), pois case sempre comportan subidas nas cotizacións. Tamén lles interesa entrar no mercado de produtos derivados, de alto risco, pois son os que maiores ganancias dan a cambio de riscos moi superiores. En definitiva, é a Bolsa quen marca as estratexias empresariais e non os mercados de bens e servizos. A actividade especulativa, non a produción. A visión a curto prazo, non a visión a medio a largo prazo. Non por casualidade é crecente a presencia dos fondos especulativos no accionariado das grandes multinacionais.
ALCOA no escapa, todo o contrario, a esta nova estratexia das multinacionais. Quizás isto axude a entender mellor un comportamento empresarial aparentemente incomprensible.