“Dende que primeiro nos vimos arrastrados pola Grande Recesión de 2008 e, despois, polo Grande Confinamento de 2020 teño para min que as análises previas -como as miñas propias- sobre os retos sociais aos que neste século XXI nos teríamos que enfrontar, foron quedando rebordadas por múltiples e xigantescas incertezas que se nos van amoreando”. Así presenta o catedrático de Estrutura económica e colaborador de Tempos Novos, Albino Prada,o seu novo ensaio (Galicia. Un país desnortado e minguante, Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2024)
Non só as climáticas, financeiras ou dunha globalización orientada polo neoliberalismo, cousa que xa se viña observando dende hai medio século, senón pola estratexia de posta ao servizo dos chamados mercados de variados e emerxentes avances tecnolóxicos (xa sexa na dixitalización ou na intelixencia artificial, na descarbonización enerxética ou na manipulación xenética). Forzas e tendencias que se están acelerando como nunca antes, e que nos deixan abraiados cando non impotentes.
“Ao mesmo tempo -continúa dicindo- comprobamos que a influencia dos axentes económicos dominantes (bancos, enerxéticas, dixitais) condiciona as análises -cando non as evitan- que se fan e divulgan polo mundo fóra (tamén en Galicia). Mentres que os esforzos académicos, salvo en moi contados casos, afánanse apenas en asuntos de detalle ou especialización -que se di que son os produtivos-, quedando orfos os máis transversais e interdisciplinarios”.
Nestas coordenadas, o texto procura enfrontar eses retos e paliar aqueles vesgos e baleiros para o caso da sociedade e da economía de Galicia. E facelo na altura desta terceira década do século XXI. “Con esa intención -afirma- tentei artellar cunha ollada poliédrica -non economicista- argumentos de fondo que axuden a centrar unha estratexia de desenvolvemento acaida para o país, aínda que non dubido que os voceiros do ideoloxema dominante os cualificarán de utópicos e antisistema. Pois sempre preferirán que sigamos desnortados, axudados da man invisible dos chamados mercados”.
E remata: “Prefiro non sumarme á santa compaña galega dos caladiños. O cal non quita para recoñecer que a tarefa que debullo nas páxinas deste libro reborda o empeño dunha soa persoa, e que -a bo seguro- debía terse enfrontado cunha maior actualización e detalle empírico en non poucas das súas pasaxes máis debedoras de textos e achegas das últimas dúas décadas. Asumido o anterior, poño a andar a roda deste feixe de argumentos na confianza de que outros collan o relevo dende estas coordenadas, pondo ao día datos e documentos de referencia”.
O autor presentará o libro en Vigo (Ateneo Atlántico) o vindeiro día 12 deste mes, as 19,30 na biblioteca da EMAO (Escola Municipal de Artes e Oficios) García Barbón, 5. https://ateneoatlantico.gal/eventos/presetancion-libro-albino-prada