Domingo 1, Outubro 2023
HomeEconomíaA PRÉDICA DO ORFO FINANCIEIRO

A PRÉDICA DO ORFO FINANCIEIRO

por Lara Graña

Os financeiros teñen un problema de sensibilidade. Se cadra non é culpa deles, pero non poden negalo. Pense vostede en canto valora o recordo da súa nai. Canto custan seus fillos? Pode calcular o prezo da súa infancia? Eis a cuestión. Se mo pide a min, e chegamos a ternos mutuo respecto, podería redondear cara arriba. Pero se non o coñezo de nada, e malia non terme por mesquiña, non dou un duro polo seu matrimonio (non se moleste). O que acaba de pasar en Galicia é que o futuro económico non tivo un prezo, tivo un desconto. E que acabamos de vivir en primeira persoa como pode desaparecer todo un sistema financeiro en poucas semanas sen maiores contratempos. Nós mesmos deixamos que outros taxaran a nosa riqueza. Nós fomos os mesquiños con nós mesmos.

O resumo sería o seguinte. Galicia exercía ata hai escasas cinco semanas o control sobre cinco entidades financeiras. De distinto nivel, por suposto. Mais unha delas, Novacaixagalicia, achegaba un 3 por cento ao Produto Interior Bruto (PIB) do país e ata un 7 por cento inducido. Podemos seguir falando de músculo financeiro en Galicia, mais só se asumimos que é unha postura autocompracente. Se optamos pola realidade, habería que recoñecer o seguinte: Banco Etcheverría e Caixa Rural de Lugo. Máis nada. Outros argumentos son prédicas políticas.

O caso de Novacaixagalicia

Polo seu carácter, historia e implantación en Galicia, a fusión –primeiro– e bancarización –despois– de Novacaixagalicia converteuse nun suceso informativo de primeiro nivel no país. Os “escándalos” causados pola súa equipa directiva, enzoufados de millóns, trasladaron o debate ás primeiras páxinas dos diarios xeralistas de todo o Estado.

Caixa Galicia, dirixida entón por José Luis Méndez López, e Caixanova, presidida por Julio Fernández Gayoso, decidiron fusionarse o pasado ano. A Xunta de Galicia actuou como baluarte dunha integración que foi realidade hai menos de doce meses. Novacaixagalicia, con tres millóns de clientes, nunca tivo un momento de respiro. O 1 de decembro de 2010 comezou a rodar. A mediados de xaneiro xa se sabía que non ía poder manter a súa estratexia. Que pasou? O solapamento botou a perder Novacaixagalicia? Este desastre foi culpa da fusión? Non. Son moitas as circunstancias que provocaron a desfeita.

No ano 2007, as caixas de aforros de todo o Estado investiron 1.824 millóns de euros en obra social, fundamentalmente en actividades de lecer e de asistencia sanitaria. Segundo un recente informe de UBS, en 2013 apenas destinarán 463 millóns para esta finalidade. NCG, a caixa galega, nada. Polo seu interese, coido que é importante botar a vista atrás e volver, por exemplo, a ese 2007.

Foi un exercicio de boas noticias. Iniciáranse máis de 532.000 novas vivendas en toda España (38.000 en Galicia), o crecemento económico era espectacular, as taxas de xuro estaban ao nivel máis alto dos últimos seis anos e os beneficios das entidades de crédito eran moi elevados. Tomemos como exemplo unha das caixas galegas. Nese exercicio tanto o financiamento hipotecario como os investimentos inmobiliarios experimentaran un gran crecemento, así como a rede de oficinas (máis de oitenta). O seu consello de administración, ben nutrido de políticos, recibiu máis de 400.000 euros. A alta dirección aumentou a súa retribución, respecto a 2006, en case un millón de euros. No seu balance aparece como propietaria ou socia de máis de vinte sociedades adicadas á promoción ou venda de inmobles, a meirande parte delas de fóra de Galicia.

Nese ano, e na outra caixa, un dos sindicatos con representación rexistrara ata sete preguntas relativas á remuneración, designación ou ascenso do staff directivo. Que pretendo ilustrar con estes datos? Que a exposición inmobiliaria de NCG –en xaneiro deste ano–, superior aos 30.000 millóns de euros, non foi cousa dun día. Houbo erros na xestión se hai caixas máis prexudicadas polo ladrillo ca outras. E hóuboos, asemade, se hai caixas que sobreviven e a nosa non.

A bancarización de Novacaixagalicia

Unha bancarización implica, per se, a privatización. Un primeiro experimento da entrada de capital privado témolo no caso de CXG Corporación Caixa Galicia, que chegou incluso a estudar a súa saída á Bolsa. A entrada do empresario Manuel Añón Rey, cun investimento de cen millóns de euros, volveuse na contra do brazo industrial de Caixa Galicia cando houbo que negociar a saída do presidente de Hierros Añón. “Estamos vendo un exemplo do que significa a entrada de socios privados”, confesárame un empregado de NCG.

Cando se facilitou a privatización das caixas? Malia que non se lembre en exceso, hai dous pasos claros. Un deles, o pacto entre o PSOE e o PP en Moncloa. En maio de 2010, Rajoy e Zapatero mantiveron unha reunión na que acordaron poñer en marcha a reforma da Lei de órganos reitores de caixas de aforros (Lorca), en vigor desde 1985. Aquí abríronse as portas á entrada de socios privados mediante un proceso de segregación financeira. En termos máis sinxelos, permitiuse que unha caixa transferise o seu negocio a un banco, e que este xestionase toda a súa actividade financeira. Este paso, solicitado por Bruxelas, tamén fora reclamado polo G-20 ou o Fondo Monetario Internacional (FMI). Isidre Fainé, máximo responsable de La Caixa, foi un gran defensor destes cambios. Para sufragar integracións de caixas (con peches de oficinas, perda de cota de mercado, despedimento de traballadores…) creouse o Fondo bancario. O chamado FROB podía entrar nas entidades con cartos públicos cambiados por cotas participativas, non accións.

Ante a non bancarización das caixas (houbo fusións e SIPs, mais o proceso ía moi lento), e supostamente como resposta á creba da banca irlandesa, o Goberno decidiu obrigar as caixas a ter unha ratio de solvencia do 10 por cento. Unha auténtica barbaridade. Un órdago ao sistema de caixas e un empurrón claro cara ás mans privadas. Póñanse neste caso. O seu rapaz ten cen euros no peto, e vostede esíxelle que garde cinco sempre. Que non os use. O neno fai a súa vida, ben saben, con gastos propios da adolescencia. Para gañar autoridade non esquezan unha ameaza. Que sei eu…! “Non hai consola se non tes unhas reservas de cinco euros”. Pero un día dálle por aí e pídelle que duplique o aforriño ata os dez euros. E non os ten porque os gastou. E temos leria.

Algo así sucedeu aquí. A caixa galega, cunha ratio que apenas superaba o 5 por cento (cinco euros líquidos de cada cen), topouse con que precisaba 2.622 millóns de euros para chegar ao 10 por cento de core capital (indicador de solvencia). Ou iso, ou adeus…

“Unha putada!”, confesou daquela un directivo. Si, é verdade. Aínda que o rapaz ben podería ter gardado algo máis e non vivir de empréstitos. Aquí, co decreto do 19 de febreiro, o FROB ía por todas. O capital ía cambiarse, agora si, por accións. Banco ou banco. Caixa Rural, cómpre lembralo, non tiña unha dependencia superior ao esixido de capital de fóra. Non tivo ningún problema para asumir os novos requisitos de capital.

A desaparición

O que sucedeu a continuación ben o coñecen. Aparecido de súpeto, o presidente de Ono, José María Castellano, presentouse como o líder que ía conseguir investidores para o novo proxecto de NCG. Non 2.622 millóns, certo é. Pero si prometeu ata 500 co obxectivo de facerse co control do banco que asumiu todo o negocio da caixa. Sen inxección de capital, Castellano foi nomeado presidente. O FROB tivo que entrar con 2.465 millóns (amais dos máis de 1.100 cos que sufragou a fusión) e quedou co 93 por cento de Novagalicia Banco. A entidade pasa de ter un valor de 1.714 millóns a 181. “Moitas caixas non valen nada”, díxome un gurú de Londres este verán. Que lles dixen? Os financeiros non son nada sensibles coa parte sentimental e histórica dun activo empresarial. A obra social, auténtica punta de lanza da caixa única de Galicia, non é xa viable –como recoñeceu Guillermo Brea, o seu responsable–. Cómpre preguntarse, daquela, como é posible que o único ‘deber’ de NCG, a obra social, non poida ser realidade.

O caso do Banco Pastor, segundo banco máis antigo de España (por detrás, curiosamente, do Etcheverría), é completamente distinto. É unha empresa privada, coa Fundación Barrié como accionista de referencia. A deterioración da entidade, moi afectada polo ladrillo e por unha xestión “sen modernizar” –segundo fontes financeiras–, acaba de terminar cunha absorción por parte de Banco Popular. O Pastor, no que Pedro Barrié de la Maza tomou o control en 1939, pasou de cotizar a 18,3 euros no primeiro trimestre de 2007 a marcar un mínimo de 2,8 euros este mesmo ano. Unha enorme perda de valor que se sumou á perda de credibilidade despois de ter suspendido os pasados test de tensión.

Manterá a marca en Galicia. Ao igual que Novagalicia Banco, que imprime o azul –de Caixa Galicia– a un logo que soamente é iso. Un debuxo. Os nomes seguen estando aquí. O poder, non.

Esta foi a miña prédica, pero de orfa financeira.


Lara Graña é xornalista económica e financeira