Domingo 1, Outubro 2023
HomeEconomíaA MOCHILA AUSTRÍACA E O EMPREGO

A MOCHILA AUSTRÍACA E O EMPREGO

por Manoel Barbeitos

Nos últimos tempos, vimos escoitando con relativa frecuencia e reiteración que para combater o elevado desemprego en España, e Galicia, sería conveniente eliminar as supostas rixideces do actual marco laboral e implantar outros modelos europeos que se consideran menos ríxidos. Ahi está, por caso, a coñecida como “mochila austríaca”. De que vai?

Dende hai tempo, eu diría que dende sempre, o emprego é o maior problema macroeconómico de Galicia e de España. Porén, pasan as décadas e ese problema segue sen solucionarse malia que todos os gobernos aseguraban telo como unha das súas prioridades. Unha situación sistémica que fai que nas épocas de expansión económica España sexa un dos estados da Unión Europea que maior emprego crea, especialmente precario, e nas fase recesivas o que máis destrúe, acadando uns niveis de desemprego dos máis elevados de Europa.

Segundo informan os principais medios, entre as reformas que se compromete a levar adiante o Goberno de coalición español (PSOE/UP) para reactivar a economía e diminuír o elevadísimo desemprego provocado pola pandemia, contemplan a posibilidade de introducir a “mochila austríaca“. Dado que resulta un concepto bastante descoñecido pola maioría da poboación galega, tentaremos explicar en que consiste.

Pero antes de entrar nesa explicación, considero necesario facer algunhas puntualizacións importantes. Como que resulta lamentable que, se se trata de copiar o modelo austríaco, non se teñan en conta outros aspectos laborais e sociais moi relevantes. Por caso, que mentres a taxa de paro (finais do 2019) en España era do 14,1%, a de Austria estaba no 4,5%, grazas fundamentalmente a que a taxa de emprego neste país estaba no 73% cando a de España acadaba o 68%; ademais de que no emprego austriaco a precariedade é do 9,2%, mentres que a de España chega ao 30%.

Como vemos, realidades laborais nada comparables, e menos aínda se dicimos que mentres o salario medio mensual en España está nos 1.944,4 euros, en Austria ascende aos 4.034 euros. No que se refire ao gasto público en benestar social, tamén existen diferenzas notables: mentres España, co 25,1% incluíndo o ensino na porcentaxe, está á cola dos países da UE, Austria é un dos que, co 32,9%, vai en cabeza.

Finalmente, e en relación á protección ao desemprego: ademais de que as retribucións son moi superiores, por mor duns salarios tamén moito máis elevados, en Austria o período de pago da prestación pode estenderse ata os 4 anos estando o mínimo en 20 semanas, mentres en España varía dende un mínimo de 3 meses a un máximo de 38 meses.

Como se pode ver, as diferenzas son moi significativas. Claro que para financiar estes gastos públicos mentres Austria ten unha presión fiscal equivalente ao 43% do PIB, España está no 35,2%. Por que, postos a copiar, non copiar todo?. (*)

Centrándonos na situación laboral, preguntémonos por que é tan elevado o desemprego e tan baixo o emprego en España e Galicia? Moitos dos datos comparativos anteriores xa dan algunhas das claves, pero apuntemos ás máis importantes. En primeiro lugar está o baixo nivel do emprego público, dos máis baixos da Unión Europea: co 15,1% dos/as traballadores/as empregados/as no sector público, España está entre os cinco estados da Unión con menor emprego público. En segundo lugar, a maior facilidade para o despido, xa que España está entre os estados europeos nos que máis fácil e máis barato resulta o despido de traballadores: non por casualidade os estados europeos con maior nivel de desemprego son tamén aqueles nos que o despido está máis fácil.

Non menor importancia ten a orientación da economía de cada país como vén reflectida na distribución das rendas. Así, en España o elevadísimo peso das rendas financeiras en prexuízo das produtivas repercute nuns menores niveis de emprego. Finalmente, last but not least, a produtividade da economía tamén incide no número e calidade dos empregos, e neste eido España está entre os estados europeos que menos inviste en I+D+i: un 1,24% do PIB, claramente por baixo da media na UE, que está no 2,12% (Austria: 3,2%)

A mochila austríaca

Pasemos agora a detallar as características da chamada “mochila austríaca“. Consiste en que a empresa aporta un 1,53% do salario bruto mensual do traballador a un fondo de capitalización privado que se vai nutrindo (acumulando), independentemente do contrato que se teña. Un fondo do que o traballador pode dispoñer se, por caso, é despedido, desexa crear o seu propio negocio ou quere utilizalo como complemento da súa pensión de xubilación. Pode incluso deixalo en herdanza. Parece interesante, non si?.

Se analizamos polo miúdo o que sucedeu no país en que se implantou a “mochila austríaca” (Austria), vemos os efectos seguintes. En primeiro lugar, que desaparece a indemnización por despido e, xa que logo, facilítase o despido que ademais remata sendo gratis. Asemade, deprecia a negociación colectiva e con ela o poder sindical. Reduce o importe medio das pensións públicas futuras, que se complementan con ese fondo, e deixa nas mans dos mercados financeiros a xestión dun volume moi elevado de recursos que lles serven tanto para refinanciarse como para cargarlles aos traballadores os custos de xestión. Pero seguramente o mais grave é que esta cesión da xestión supón un enorme risco para o traballador, dadas as experiencias habidas na xestión de fondos por parte duns mercados financeiros (bancos e fondos) moi aficionados ás prácticas especulativas. Como remate, subliñar que as experiencias coñecidas (Austria) poñen en evidencia que en absoluto reduce a precariedade laboral: son temas distintos.

Teñen, xa que logo, razón os que comparan a mochila austríaca a un fondo privado  de pensións. É ben certo que para esta viaxe, señores do goberno, non fan falta alforxas xa que, como sinalan dende Economistas fronte á crise “non debería venderse a mochila austríaca como unha vía de solución aos problemas endémicos do noso mercado laboral e que teñen que ver, sobre todo, coa excesiva temporalidade e a precariedade do emprego e o uso do despido como vía de axuste prioritaria nas empresas, por que nin o é nin pode selo” (Alberto del Pozo Sen)

Cómpre dicir, xa para rematar, que en absoluto se pode afirmar que a mochila austríaca teña incidindo decisivamente na situación do mercado laboral dese país.


(*): Os datos aquí recollidos proceden todos de EUROSTAT: estadísticas europeas.