Martes 24, Maio 2022
HomeEconomíaA GALICIA TRIUNFAL DE FEIJÓO

A GALICIA TRIUNFAL DE FEIJÓO

por Albino Prada

A comezos do mes de marzal, Alberto Núñez Feijóo presentou o novo Plano Estratéxico de Galicia 2022-2030 ao mesmo tempo que se postulaba para presidir un Partido Popular que sexa quen de recuperar a Moncloa. Supoño eu que a súa acreditada xestión da Xunta de Galicia é un activo que lle permitiría replicar as maiorías electorais galegas en toda España. Non entendo de maiorías electorais, pero teño dúbidas de que, se iso se decidise polos méritos da xestión, o presidente leve moito capital ao seu favor. Vexamos.

Antes de subirse nun novo globo de papel -inflado por consultoras e expertos amigos- para o 2022-2030, sería cousa de facer balanzo do Plano Estratéxico anterior (2015-2020). O asunto é doado. Non fai falla máis que consultar o documento de seguimento elaborado pola propia Xunta de Galicia en xullo de 2021.

Defínense dez retos e catorce indicadores para dar conta dese seguimento, tendo en conta que “o obxectivo xeral do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 é impulsar o crecemento económico de Galicia partindo dun modelo baseado na innovación e o capital humano, que colabore a acadar unha Galicia moderna e cohesionada social e territorialmente e que permita diminuír o desemprego, aumentar a produtividade e a renda dos galegos e das galegas colaborando a retomar a senda do crecemento demográfico”. Impresionante.

Pois ben, os indicadores que contan con datos para o período completo 2015-2020 son os que presentamos resumidos na seguinte táboa.

 

Fonte: elaboración propia con datos da Xunta de Galicia

Dos once indicadores, só en dous deles o balanzo é lixeiramente positivo ao situarse por riba do cen por cen do obxectivo previsto. Na inmensa maioría dos indicadores non se acadou o obxectivo previsto polos propios planificadores. A xestión dos retos e dos indicadores do Plan Estratéxico para o conxunto de período 2015-2020 debe ser cualificada cun suspenso categórico. Sendo especialmente negativa a avaliación do esforzo innovador e da mellora das exportacións, o crecemento do PIB e o crecemento do emprego.

Chama a atención que sobre o obxectivo final global de acadar o crecemento demográfico, este informe de seguimento faga un espectacular mutis polo foro no epígrafe 2.7. Aquí non hai indicador previsto de crecemento demográfico e os redactores marean o asunto cun feixe de detalles.

Daquela, temos que botar man do que nos di o Instituto Nacional de Estadística (INE) sobre o asunto. Se tomamos como base 100 a situación do ano 2015, o conxunto de España chega a 2020 cunha poboación maior (102) mentres que Galicia segue a perder poboación (99). Nin rastro de crecemento demográfico, algo que non nos debera estrañar á vista do resto de indicadores de seguimento: nove de once negativos.

Surfeando con tamaño éxito e grande estilo as ondas planificadoras entre 2015-2020, o lector vaime permitir que sobre os dous tomos presentados este mes co que imos a surfear ata 2030 me limite a recoller aquí unha simple imaxe sobre a nova versión deste xogo da oca: de éxito en éxito.

Porque a imaxinación é todo nesta vida. Catrocentas páxinas imaxinativas sobre o que chaman diagnóstico no tomo I, máis outras case duascentas cincuenta páxinas no tomo II. O papel aguántao todo. Mesmo nos informes que chaman de seguimento.

 


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]