Martes 28, Novembro 2023
HomeEconomíaA GAIOLA DA UNIÓN ECONÓMICA E MONETARIA

A GAIOLA DA UNIÓN ECONÓMICA E MONETARIA

por Manoel Barbeitos

Hoxe xa sabemos que Alemaña non tería aceptado asinar os tratados de constitución da UEM, se os demais estados non aceptaban o que os seus gobernantes (con H. Kohl a cabeza) consideraban principios monetarios innegociables: a adopción dunha moeda forte na liña do antigo marco (euro) e a creación dun banco central europeo (BCE) segundo o modelo alemán de independencia dos poderes públicos (Bundesbank).

Os argumentos utilizados xiraron en torno a que era necesario impedir que se repetira o acontecido durante a república de Weymar, cando unha inflación disparada, froito segundo as actuais autoridades alemás dunhas políticas fiscais e monetarias demasiado laxas, favoreceu unha grande recesión que sería a antesala do ascenso dos nazis ao poder, coas consecuencias de todos coñecidas. Un argumento falso, xa que a crise inflacionista en Alemaña tivo lugar nos anos 20, mentres que o ascenso dos nazis ao poder foi nos anos 30. Non houbo, xa que logo, tal relación entre inflación e auxe do nazismo.

Non cabe dúbida de que o cambio da peseta ao euro comportou para España e, en xeral, para os estados do sur de Europa unha inxección monetaria moi potente. Unha abondosa liquidez en mans da grande banca europea e uns tipos de xuro moi baixos que facilitaron, a través da conexión interbancaria, que o crédito se disparara e con el o investimento privado. Un gasto privado que en España, como por caso estaba sucedendo nos Estados Unidos, se concentrou maiormente no mercado inmobiliario. O boom inmobiliario viuse estimulado polos cambios lexislativos aprobados polo goberno español de quenda (PP), que liberalizou o mercado do solo facendo que practicamente todo fora susceptible de urbanización.

Mentres as burbullas inmobiliaria e crediticia inchaban, e medraban con elas o emprego e mailos ingresos, os problemas derivados tanto dunha moeda tan potente (euro) como da perda de soberanía monetaria non se fixeron visibles. Pero as burbullas, como sempre pasa con todas, estouraron. Caeron os ingresos, e quedaron en evidencia os déficits estruturais da economía española. Un dos déficits máis relevantes é o da balanza comercial -España ten un déficit comercial estrutural- que se viu incrementado durante esa fase expansiva. Con eses déficits estruturais, se queren reverter a situación, os gobernos precisan acudir aos instrumentos da política comercial, en concreto á modificación dos tipos de cambio, rebaixando o valor da súa moeda para así facilitar o auxe das exportacións  grazas as melloras na competitividade. Pero España, pola súa pertenza a UEM, perdeu a súa soberanía monetaria e non pode depreciar a súa moeda. En consecuencia, tivo que acudir ao que se chama desvalorización interna, que non é outra cosa que a rebaixa salarial e os axustes fiscais en temas claves como o sistema público de pensións.

Unha desvalorización interna que, pola caída de ingresos, debilitou a demanda e con ela o crecemento económico e a creación de emprego, transformando deste xeito o que era unha crise financeira nunha grande recesión con elevados niveis tanto de desemprego como de débeda pública e privada. Unha situación da que para saír precisaría dispoñer dunha soberanía monetaria e cambiaria, o que non é o caso.

Neste marco, a única solución que lle quedaría a España para iniciar a recuperación económica, como lle sucede a Portugal, Italia e Grecia, sería a saída da zona euro e o establecemento dunha moeda propia. Pero entón, como poderían impedir a fuga de capitais e a crise do seu sector bancario?

Claro que, por outra parte, por moito que se empeñe Alemaña nestas condicións, o futuro do euro tampouco está asegurado. E se o futuro do euro non está asegurado, tampouco o está o da actual UEM.