por Manoel Barbeitos
Moitas das elites políticas (de dereitas e de esquerdas) e económicas (maiormente bancos e fondos de investimento) apoiadas por expertos ao seu servizo consideran que a atención ás persoas maiores (prestacións económicas, transferencias, servizos) son un gasto público tan elevado, que os estados non poden atender por si sos. Subliñan que se trata dun gasto inabordable, pois que a porcentaxe de xente maior é cada vez máis grande, e moi especialmente nas sociedades occidentais. A conclusión deste razoamento é obvia: se a administración pública non pode cubrir todo este gasto, é necesario acudir á iniciativa privada.
Sen negar as evidencias como, por caso, que a porcentaxe de xente maior medra, non deixa de ser significativo que estas elites sempre se refiran a un prato da balanza e non a toda ela. Unha ausencia que non se pode xustificar pola ignorancia, sí polos seus intereses políticos e económicos. Porque estas elites, e moi especialmente os seus expertos, saben que todo GASTO ten como contrapartida un INGRESO: “o teu gasto é o meu ingreso” en todas as facetas da economía. Así, pois, todo gasto público transfórmase sempre nun ingreso privado, como veremos de seguido.
En Galicia, e segundo fontes da Seguridade Social, hai 479.475 maiores (homes e mulleres) que cobran unha pensión media mensual de 975,22 euros. Isto supón un gasto público anual (14 pagas) de 6.550 millóns de euros, cantidade respectable pero que non resultará tanto se temos en conta que equivale ao 10,5% do PIB galego: unha porcentaxe menor que en moitas das comunidades españolas, e xa non digamos en relación coas medias europeas. Como primeira conclusión, xa se pode asegurar que, a pesar do elevado número de pensionistas, o gasto público en pensións de vellez en Galicia non resulta demasiado elevado, e moito menos resulta inasumible.
Xa sabemos, pois, que Galicia ten anualmente un ingreso privado -derivado das pensións públicas de vellez- de 6.550 millóns de euros que, como dicíamos, equivale ao 10,5% do PIB. Un ingreso que é das familias.
Que pasa con estes ingresos privados? Que, como sucede con todas as rendas, ten un dobre destino: consumo e aforro. Dado que o importe medio é baixo, cabe supoñer que unha porcentaxe media moi elevada (80%) desa renda vai ao consumo, quedando para o aforro un importe menor (20%). Ese consumo destínano basicamente as familias a tres conceptos: alimentación, vestimenta e vivenda, gasto que se realiza na propia comunidade galega. Asimesmo, ese consumo podémolo avaliar en 5.250 millóns de euros (8,4% do PIB galego) e o aforro en 1.300 millóns de euros (2,1% do PIB galego).
Esas cifras confirman unha evidencia: os homes e mulleres maiores de idade fan unha contribución directa nada despreciable ao crecemento da economía galega, derivada de que como diciamos as súas pensións (gasto público) comportan un ingreso privado para a nosa economía. Ademais, dada a estrutura produtiva de Galicia, ese ingreso queda maiormente na propia sociedade galega. Ese gasto privado destínase maiormente ao consumo e en moita menor medida ao investimento privado vía aforro, axudando desta forma ao fortalecemento da demanda privada e, xa que logo, ao crecemento económico e a creación de emprego
Pouca veces veremos recollida esta evidencia nos numerosos foros en que se debate sobre o sistema público de pensións. Obedece iso a que a ortodoxia oficial parece ignorar, as máis das veces voluntariamente, o que sinalaba con anterioridade: “os teus gastos son os meus ingresos e os meus gastos son os teus ingresos”.
Esa contribución podía incluso ser maior, pois que empeza no ámbito familiar e se extende tanto ao mercado laboral como á empresa privada e ao sector público.
É de sobras coñecido o papel que os maiores desempeñan en moitas familias no coidado dos/as cativos/as. Aporta un triple beneficio social: ás familias, á sociedade e á administración pública. Por unha parte, favorece a conciliación (dada a división do traballo que aínda pervive en moitas familias galegas, a existencia de maiores nunha vivenda facilita que as mulleres poidan buscar traballo fóra da casa); incrementa a oferta de forza de traballo (coloca no mercado laboral unha man de obra maiormente cualificada), e compensa o déficit público no benestar (atención á familia e á infancia).
Finalmente, pero non menos relevante: a experiencia dos estados europeos cun nível de benestar elevado mostra como a atención aos maiores é unha función pública que xera moito emprego e de calidade. En Galicia non sucede isto porque, como moi ben explica Paula Vázquez Verao neste mesmo medio (https://temposdixital.gal/outros/residencias-de-maiores-do-negocio-co-aparcamento-na-vellez-a-desinstitucionalizacion-trato-humano-e-emprego-digno/) a atención pública aos maiores en Galicia é moi deficitaria.
Se se tiveran en conta todas estas evidencias, moitas das voces que claman polo elevado gasto público que as persoas maiores supoñen en Galicia estarían caladas. Claro que nestes tempos, nos que os bulos e as trolas dominan a información, sempre é doada a eficacia do “sementa que algo queda”.
_________________