Que pasou
Andan as mentes pensantes da esquerda galega preguntándose aínda que pasou o día 18 de febreiro. Buscan atopar a resposta de que fallou cando todo parecía ir ben. Que mudou a última hora para que as enquisas amosaran que era posible, e logo todo rematara coma sempre, co Partido Popular (de Galicia) renovando unha maioría absoluta. Foi, acaso, unha burbulla artificial creada polo CIS e por mensaxes excesivamente entusiastas? A cousa é que o xoves previo ás eleccións, á noite, cando competían en Vigo os actos do PP con Díaz Ayuso, e do BNG, e os nacionalistas reuniron a moita máis xente, a esquerda galega que desexaba un cambio, por fin, na Xunta sentiu un arrepío no corpo: desta vez, vai. O que un mes antes semellaba non só improbable, senón de todo imposible, estaba rabuñándose. Os politólogos amateurs e profesionais establecían nas redes sociais teses que semellaban escritas nas rochas da Costa da Morte desde tempos inmemoriais: se chegamos ao 65% de participación, Rueda pincha. E canto máis suba desa cifra, mellor para a esquerda. Tezanos cebaba esa tese con estimacións de representantes que se aproximaban ao orgásmico para un BNG que medraba un chisco cada día. Pero o CIS non amosa esas estimacións por provincia, e iso convertía o dato nunha carta aos Reis Magos. Total: que fallou? Por que non se deu o que todos pensabamos que ía pasar? Seguen a preguntarse no medio dunha vaga de melancolía. A resposta está ben clara.
Se EHBildu se peneuviza para tratar de gañarlle ao PNV, por que non o BNG pode seguir ancheando o seu espazo? Por que non poñer como exemplo eses concellos onde xa goberna e ninguén se come aos nenos no almorzo?
A resposta
O BNG non dá penetrado o suficiente no electorado do Partido Popular, e se non se erosiona ao electorado do PP, non pode revirarse o resultado que encadea cinco maiorías absolutas para o PP, convertendo Galicia no territorio máis estable politicamente de toda Europa. Non hai en todo o continente un lugar máis previsible que o noroeste peninsular. Nin tan sequera Alemaña, onde a gran coalición da CDU e o Partido Socialista se fixo formigón armado pode presumir de ser a illa da estabilidade permanente, incluso alí o medre da ultradereita racha todos os esquemas. Calquera país ao que se mire destrozou o seu sistema de partidos tradicionais para moverse nunha enguedellada de siglas, novos partidos, plataformas e artefactos varios. Pero iso en Galicia non aconteceu, se exceptuamos a aparición das Mareas, cun alcance notable, pero efímero. É igual que a participación sexa moi elevada ou moi baixa, que a situación dos servizos públicos semelle a peor en moito tempo, que o prestixio da TVG estea polo chan ou incluso perforando a terra. Nada diso importa porque para o 50% do país as cousas están ben. Esa xente non quere líos e amósase moi cómoda co actual estado de cousas: unha autonomía sen sobresaltos, afastada da conflictividade política do Congreso e sen alteracións importantes nas pulsacións diarias. Se a esquerda e nomeadamente o BNG non xoga aínda que sexa un chisco nesa liga, os ascensores entre os dous estratos da política galega (a dereita representada no PPdeG, e a esquerda dividida entre o BNG, o PSdeG e outros microproxectos) non variarán máis que internamente. O 18F o que gañou o BNG perdeuno o Partido Socialista, cunha importante aportación por parte da abstención. Se non se entra nese 47% do PP, nunca haberá posibilidade de competencia electoral.
Como?
Os máis recalcitrantes das redes sociais afirman que buscar a competencia directa co PPdG suporía renunciar á tradición histórica do que é o BNG. Non concordo. Os países múdanse desde os gobernos e os boletíns oficiais. Non hai mudanza plena só a través de manifas e comisións parlamentarias. Para rematar a sensacional tarefa que leva liderando Ana Pontón nos últimos oito anos hai que xogar con máis cobiza, no sentido positivo. Segue a existir moita reticencia cara o BNG. Cada vez menos, pero aínda existe, e non é pouca cousa. O PPdG retomou folgos tras a súa campaña errática cando nos derradeiros días buscou a confrontación directa con Bloque. Sacou as vellas armas: o BNG é o anticristo, son amigos da ETA, van obrigar a que nas escolas só se fale en galego. Todo moi primario. Xa o dixera Fraga antes. Pero eses hits de orquestra aínda funcionan en determinadas capas da sociedade. O Bloque ten catro anos por diante para eliminar esa efervescencia do medo. E pódeo facer sen renunciar aos seus principios, e non só iso, tamén apoiándose no mellor que ten, que é a súa militancia.
O caso PNV
Ultimamente, moitos dirixentes do PNV falan de que o resto dos partidos queren parecerse ao PNV. Díxoo Aitor Esteban ao día seguinte das eleccións galegas, en referenza ao BNG. O lehendakari Urkullu comentou algo semellante uns días despois. É certo que moitas formacións están a copiar o esquema peneuvista de organización: unha figura institucional convive cun líder de partido, de maneira que o lehendakari fica ao cargo da xestión, e o presidente do partido pode facer política con liberdade. Curiosamente, un dos que copiou esta dualidade é o principal adversario do PNV: EHBildu. Agora, Arnaldo Otegi lidera o partido, e Pello Otxandiano será o candidato a lehendakari. O primeiro reparte leña, e o seguro aparece de maneira institucional, case anxelical. Só o PP e o PSOE se manteñen alleos é bicefalia, o cal acaba penalizando en tempos de crise: se cae Pedro Sánchez, a estrutura do PSOE non ten recambio preparado; se Feijóo fracasa, terán que mover o banco autonómico, e aí hai de todo. As bicefalias equilibran. Pero, por riba de todo, a grande vantaxe do PNV está en ser capaz de albiscar con moita anticipación cara onde vai a sociedade, que demanda e que necesita. Un partido interclasista, catch all, que sabe que fora do goberno un pode ter moitas conviccións, pero só dentro del se acadan as leis e os decretos que moldean as sociedades. A norma é “gaña todas as eleccións que poidas, chega ao goberno o antes posible, e mantente aí todo o tempo”. Se EHBildu se peneuviza para tratar de gañarlle ao PNV, por que non o BNG pode seguir ancheando o seu espazo? Por que non poñer como exemplo eses concellos onde xa goberna e ninguén se come aos nenos no almorzo? A diagnose seguro que é máis complexa, pero os resultados do 18F son claros: puido ser, pero non foi. E para que poida ser, hai que xogar aínda con máis finura. Un non está en política para vivir confortablemente sempre na oposición.