A votar
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou o que se escoitaba no medio do balbordo político galego-español, e situou a data das eleccións no 18 de febreiro de 2024. Unha vez máis, o moi estable mapa parlamentario galego voltará a xogarse a dúas bandas: o Partido Popular, esa maquinaria perfectamente engraxada para gañar eleccións, por unha; e toda a oposición en conxunto, pola outra. O mundo cambia, Europa avanza, pode haber crises e catástrofes, fatalidades e feitos históricos marabillosos, que en Galicia todo se mantén sempre igual. Nin mellor nin peor que noutras partes, pero simplemente different. Galicia is different. En Francia case que desapareceron os dous partidos chave de bóveda da República, socialistas e conservadores; en Alemaña apareceu a extrema dereita; Ucraína e Rusia enfróntase nunha guerra desde hai case dous anos; España viu pasar á nova política e agora voltou a vella, con Vox; América Latina bascula entre Mileis e Borics; e nos Estados Unidos houbo unha tentativa de golpe de Estado, confirmando que o mundo non é que estea tolo, é que xa se convertiu noutro. Pero en Galicia a película sempre é a mesma: ou o PP, ou todos os demáis xuntos.
Ingredientes
Que elementos poden facer diferencial esta cita electoral galega? Como feitos inéditos temos poucos. Quizáis convén subraiar que será a primeira convocatoria para o sustituto á forza: Alfonso Rueda comparece como número 1 do PP despois de sustituir a un Núñez Feijoo que, despois de máis dunha década en San Caetano, deu por salvada a Galicia e prestouse voluntario a salvar ao seu partido. De momento, por certo, non parece que lle vaia ben. En segundo lugar, o BNG semella ser a principal referencia para obter a presidencia no caso de que Rueda non xunte os 38 escanos máxicos. Agora ben, isto non é a primeira vez que acontece. En terceiro lugar, e isto será moi relevante á hora de facer o reparto entre votos e representantes no parlamento, a esquerda confederal non ten aínda cando escribo nin marca nin candidato nin proxecto claro. A disolución do fenómeno das Mareas, e a sucesión de multimarcas podemitas deixou a ese espazo na néboa, e coa néboa sabemos o que acontece: cando comeza a esvaecer vaise ata que non queda nada. Conclusión: a menos de dous meses vista, se non tes proxecto claro, o máis probable é que máis que axudar ao cambio, sexas un atranco. Por cuarta banda, temos no Partido Socialista un novo ensaio de bicefalia, cun secretario xeral que non será candidato, e cun candidato, Besteiro, en plena rehabilitación política, pendurado loxicamente dun partido que acadou a Moncloa cando ninguén o agardaba, tras pagar un prezo elevado. Conclusión: non vexo demasiados elementos para a euforia entre quen desexe cambio.
Rueda
O aspirante con máis opcións é o actual presidente. Non importa moito que Alfonso Rueda sexa Alfonso Ninguén: ten detrás un partido granítico, no que non existen a diferenzas e que funciona de xeito marcial; conta, ademáis, cunha forza motriz que fai do PP unha máquina de gañar eleccións a nivel autonómico (Andalucía, Madrid, Valencia, Aragón…); e, ademais, xoga co árbitro dos medios de comunicación máis influintes comprado. En consecuencia, con non cometer erros un pode dar por segura a súa vitoria. Aparte, o seu proxenitor político, que segue a exercer de titor legal, non ten o máis mínimo cargo de conciencia en empregar os votos de quen faga falta para acceder ao poder, de tal xeito que se Rueda sumara 37 e fixeran falta, poñamos por caso, os votiños de Vox, Democracia ourensana ou do Partido Antivacinas, pois teríamos 38 e goberno en coalición, sen ningunha dúbida. É como se a calquera de nós nos puxeran de dianteiros na selección do Brasil en 1970: algunha seriamos capaces de empurrar adentro da portería.
Se estamos dacordo en que o PP é o vello, e que a súa xestión deu síntomas de esgotamento, os que aspiran a gobernar deben conectar urxentemente con esa Galicia que desexa un país mellor. Caer na trampa do ayusismo é, precisamente, iso: falar dela a todas horas, faga o que faga e diga o que diga.
A estratexia
Paréceme interesante deterse na estratexia que está a desenvolver Rueda. Onde non había nada, agora hai un candidato que se está a criar un personaxe a través dos medios e das redes sociais. Trátase de emular ao ayusismo, pero sen tanto pemento picante. Entrevistas en programas amables de prime time, vídeos para as redes nas que se lle chisca un ollo a Rajoy, Ayuso, Feijoo e o espectador medio da TVG, ao estilo dos vídeos do Gadis; e reportaxes televisivas nas que Rueda mete gol, encesta e ata é protagonista das vodas doutros. O presidente moteiro empatiza coa Galicia media, esa que non se queixa, á que non lle vai mal e que non necesariamente le as epístolas da prensa local contra Pedro Sánchez, pero a ver, que se lle vai facer, éche así e non hai máis. En definitiva, o presidente proxecta unha imaxe amable e cercana. Gracia non ten, pero tampouco lle fai falta, porque se el se rodea de graciosos, o discurso xirará ao seu redor. Deberían os seus adversarios falar menos do que fai Rueda, e dos seus vídeos, e máis de proxectar valores positivos. Se estamos dacordo en que o PP é o vello, e que a súa xestión deu síntomas de esgotamento, os que aspiran a gobernar deben conectar urxentemente con esa Galicia que desexa un país mellor. Caer na trampa do ayusismo é, precisamente, iso: falar dela a todas horas, faga o que faga e diga o que diga.
A data
Por vez primeira nas últimas catro convocatorias, Euskadi e Galicia non votarán o mesmo día. Rueda falou con Urkullu para comunicarlle que a súa elección era convocar o 18 de febreiro e, sutilmente, os dous coincidiron en que unha convocatoria despegada pode axurdar a cada un deles. Os presidentes autonómicos mandan moito, pero a única atribución que ninguén lles pode arrebatar é a de fixar a data das eleccións. E a data sempre se escollerá en función dos mellores intereses para os seus. A Feijoo faille falta urxentemente unha nova victoria electoral para reforzar esa mensaxe de que el gaña eleccións, e Sánchez sempre perde (cousa que lle vai servir de pouco, porque vai pasar outros catro aniños á sombra); e a Feijoo tamén lle resulta necesario acumular poder autonómico para combater á Moncloa en todos os frentes (vaino facer nas Cortes, está a facelo nas rúas con manifas constantes, e se ten á maioría de autonomías aliñadas co seu proxecto, aumentará o pressing). Polo tanto, era evidente que o día escollido non o era en clave galega, senón en clave española, o que desmerece bastante, de novo, a nosa autonomía. A campaña, por tanto, será deseñada polo PP como unha loita entre o simpático moteiro que dá estabilidade, e os “socios de Sánchez”. Teremos desembarco de líderes madrileños a tope. Só unha mensaxe de ilusión, cambio e confianza en que outra xestión máis eficaz é posible pode mover esa inercia.