E digo eu… en maio

| E digo eu...

A Lampedusa vasca

As eleccións vascas do 21 de abril tiveron un tinte lampedusiano: mudou case todo para que, no fondo, non cambie nada. Un resumo eficaz sería que gañou o PNV (outra vez máis), que EHBildu foi segundo, a uns poucos votos, e que subiron o PSE e o PP, coa entrada testemuñal de Sumar e de Vox. A suma do PNV e o PSE dá unha confortable maioría absoluta, polo que haberá unha terceira edición desta alianza da estabilidade ao pil-pil, que tan ben lle sentou socialmente a un país que vivíu case un século marcado pola guerra, o franquismo e a violencia e o terrorismo. Case un 50% dos electores premiaron aos dous partidos que xestionan, sen estridencias e sen liortas no día a día, facendo da política vasca algo tan vibrante coma, digamos, o debate político de Luxemburgo.

EHBildu, pilotado por Otegi, cousas que ten a política, que segue a ser a arte do posible, está a facer unha conversión exprés nun partido socialdemócrata clásico. E, grazas a iso, e a unha eficaz estratexia nas institucións vascas, está a acadar avances notables de apoio popular.

A mudanza que vén

Dito o anterior, que é certo, tamén hai que abrir os ollos ante unha mudanza de fondo que está a experimentar o país. Desde hai unha década, e por diferentes e complexos factores, a cidadanía vasca vén reclamando algo distinto. Desde o 2020, a forza política que mellor sabe interpretar esa evolución é Euskal Herria Bildu. Os votantes van apoiando de xeito crecente a súa estratexia e, pese a que non acadou o sorpasso nesta ocasión, reducíu a diferenza de votos dos 100.000 de hai catro anos, aos menos de 30.000 do día 21. É dicir, por vez primeira, o PNV ten un adversario que desafía a súa hexemonía e que lle vai desputar a victoria de hoxe en adiante. Destas eleccións, a principal conclusión é que en Euskadi xa hai unha alternativa. E se ollamos ao mapa electoral, o verde de EHBildu xa tapa a maioría dos concellos, limitando o verde jeltzale ás zonas máis urbanas, nomeadamente Bilbao e a súa área de influencia, que se está a converter na derradeira columna do PNV. O sorpasso electoral non foi, aínda; o sorpasso sociolóxico xa se producíu. O cambio de goberno é cuestión de tempo.

Resistencia

Despois das eleccións de febreiro en Galicia, compartín con vostedes a diagnose de que Galicia era o territorio politicamente máis estable de Europa. Mentres todos os países europeos estaban a rexistrar sismos políticos que transformaban os seus parlamentos con artefactos populistas, de nova esquerda e ultradereita, en Galicia a imaxe continúa conxelada, cunha maioría pepeira infranqueable. Pois ben, o segundo territorio máis estable chámase Euskadi. O PNV gañou en votos todas as eleccións autonómicas celebradas nos últimos 40 anos. É certo que no 1986, despois da súa traumática escisión da que naceu Eusko Alkartasuna, o PSE superou en dous escanos ao vello partido nacionalista, pero iso non impedíu que o PNV faltara á súa cita co goberno. E no 2009 a victoria non lle servíu de nada porque a suma de escanos do PSE e do PP abríu as portas á alternancia, co lehendakari Patxi López.

Ese executivo socialista foi iso mesmo, unha excepción. Por iso, hai que suliñar o feito de que, por riba de convulsións, terrorismo (de ETA e de Estado), crises industriais, económicas e financeiras, pandemias e transformacións sociais, o PNV demostra unha extraordinaria resistencia e capacidade de adaptación. Sabin etxea ule como a máis rápida das especies o que demanda a cidadanía, e nun contexto de máximo risco e retroceso electoral, apostou por mudar de candidato, prescindindo dun Urkullu que estaba en máximos de valoración cidadá, dando paso a un descoñecido Imanol Pradales. A aposta resultou, o partido reaccionou e agora teñen outros catro anos por diante para neutralizar o acoso de Otegi. O partido manda, por riba do lehendakari. Esa é a marca PNV. E algo debe de ter, porque nas eleccións, funciona.

Esquerda confederal

Cando era neno, tiña unha pequena moto da marca Mecatecno. Por aquel entón, non era frecuente ver motos infantís de gasolina, de maneira que nas Pontes, cando saía a rodar, nenos e maiores miraban con curiosidade a moto. Unha tarde, anuncieille á miña mai que ía dar unha volta á praza cos ollos pechados. Ela advertíume, incluso a berros, que non fixera tal parvada, pero non a quixen escoitar. O resultado foi que acabei batendo contra o bordo. Saín por riba da moto e petei contra unha papeleira, que daquela eran de ferro. Unha cicatriz na frente certifica aquela fazaña. Pois ben, a esquerda confederal sería eu de neno, e o resto do mundo sería a miña mai. Todos lles dixeron que por separado ían fracasar, e así foi. En Galicia, nin Podemos nin Sumar obtiveron representación. En Euskadi, Sumar rabuñou unha cadeira, grazas a que a marca está no 3% dos votos. Un dato esmagador para esta corrente política, de moita tradición en Euskadi, por certo. De se ter presentado conxuntamente, terían 3 representantes, e a suma de PNV e PSE non daría maioría absoluta. Ese era, precisamente, o eixo descursivo dos dous partidos durante a campaña electoral.

O futuro

Das 61 veces que a cidadanía vasca votou na etapa autonómica, o PNV gañou 55 veces. As outras 6 foron 3 para os socialistas (unha con Felipe González, outra con Zapatero e a última con Sánchez), dúas para Podemos, e só unha para a esquerda abertzale. Foi nas europeas de 1987, cando Herri Batasuna colleitou unha das súas mellores marcas, cunha lista encabezada por Txema Montero, hoxe un dos intelectuais máis influíntes da órbita do PNV. A loita histórica das dúas familias do nacionalismo vasco é, por tanto, unha historia de victorias para o PNV, malia que a habilidade dos fillos políticos de ETA consiga converter todas as súas derrotas en victorias a través da retórica. A desaparición de ETA, precisamente, precipitou que todos aqueles que non encaixan no molde jeltzale se foran arremiuñando en EHBildu. Este partido, pilotado por Otegi, cousas que ten a política, que segue a ser a arte do posible, está a facer unha conversión exprés nun partido socialdemócrata clásico. E, grazas a iso, e a unha eficaz estratexia nas institucións vascas, está a acadar avances notables de apoio popular. Son o primeiro partido en Gipuzkoa, obtiveron a victoria en Álava e na súa capital, Vitoria, tradicionalmente a menos abertzale, e avanza en todas as comarcas e franxas de idade. Entre o 18 e os 40 anos, Bildu é o partido máis votado. Só as súas amarras ao pasado de ETA fan desconfiar a moitos electores. Pero ETA xa non existe. Como tampouco existe a pulsión independentista. A cidadanía quere desfrutar do seu benestar, e pasar páxina. Algo tan humano como o que fixo España na Transición. ¿Ou quizáis aquela España estaba tan enferma como din algúns que está a sociedade vasca? En 1986, ninguén en España falaba de Franco, da guerra ou das cunetas. ¿Cando se supón que se poderá facer política sen meter en cada campaña a ETA? Isto debería servir para comprender o éxito de Bildu, que acabará chegando ao goberno.