E digo eu… en xuño

| E digo eu...

Fachosfera

Anda a esquerda que sempre pensa ben revolta en España. O resultado das eleccións europeas amosa de novo tres eixos na dereita. Antes tiñamos a Ciudadanos, Vox e o PP, e agora temos ao PP, Vox e Alvise. A sociedade española esvara cada vez máis cara a dereita. Hai tempo que veño dicindo, e non son o único, por suposto, que a esquerda ten que dar a batalla pola hexemonía cultural. Defender o que se aproba no BOE está moi ben, dignifica a un país e coesiona á sociedade, pero a política non pode ser só iso. Non só é político o escudo social, os ERTE´s, o SMI e a loita pola igualdade. Todo iso é importantísimo: é o que fai superior ao proxecto da esquerda con respecto ao da dereita. Pero a política tamén é emoción, sentimento e poesía. A boa política fai vibrar con discursos dos que aceleran o corazón. Pola razón que sexa, a dereita domina mellor os códigos da comunicación actual e, a través deles, crea emocións que se transforman en votos. Primeiro foi Vox, e agora novos artefactos cada vez máis aberrantes e ridículos.

Estarían dispostas o resto das comunidades a asumir un sistema paccionado e a xogar co risco de vivir dos seus propios recursos e da súa propia recadación? Se así o fixeran, polo menos deixaríamos de escoitar os choros diarios de Pages, xornais de localismo paleto e demais ignorantes que só teñen dous inimigos: cataláns e vascos.

O teléfono

A mudanza máis determinante do noso tempo é a do teléfono móbil. Ese aparello é decisivo en todos os niveis das nosas vidas: o teléfono permítenos estar illados baixo a trola de que estamos máis conectados e interrelacionados ca nunca; danos a inmediatez de recibir calquera aviso mentres interrompemos conversas, olladas e momentos; e, ademais, os teléfonos móbiles van camiño de ser a principal fonte de información da cidadanía. Vivimos días de scroll infinito cara a ningún destino concreto. Xa non hai quen poida comprobar que é real, que foi tuneado con intereses descoñecidos, ou que é falso. Ao igual que Hitler comprendeu antes ca ninguén a importancia da propaganda e da oratoria polos medios de comunicación, a dereita antidemocrática leva vantaxe para tratar de destruír as democracias liberais. Hai que preparar unha boa liña de defensa, porque o deterioro da convivencia vai a máis. E non van deterse ata conseguilo.

O papel dos medios

A gran reflexión do momento xornalístico é a de como navegar no tsunami dixital. Está o xornalismo para combater a cada friqui que apareza na escena? Debe limitarse a facer o que fixo sempre, de costas á nova selva telefónica? O que está claro é que non dá para estar en todas partes todo o tempo. O xornalismo seguramente tiña moitos defectos e malas praxes, pero exerce un filtro sanador para que a sociedade non reciba mensaxes destructivas. O bo xornalismo é un colador para deixar fóra as virutas de quincalla. A cidadanía ten que decidir como quere acceder a unha información veraz e contrastada. Se quere xogar con estas regras, nas que vale todo e se lexitima a calquera que envíe un guasap como fonte fiable, haberá que asumir as consecuencias.

E unha delas é o deterioro da convivencia e, posteriormente, da propia democracia. Coidado con xogar en campos enlamados.

Un cupo catalán

A proposta do PSOE para que Cataluña teña un novo sistema de financiamento abriu de novo a caixa dos tronos do españolismo máis atroz, desde o interior da M30 ata Sabón. O primeiro que hai que salientar neste tema é como se empregan palabras desde o máis absoluto descoñecemento. Déixenme facer un breviario: 1. Cupo: é a cantidade que as facendas vascas pagan ao Estado polas competencias que o Estado exerce en Biscaia, Guipúscoa e Álava. O mesmo sistema opera para Navarra. 2. Concerto económico: é o sistema bilateral e pactado que permite ás facendas vascas recadar a maioría dos impostos que declaran os cidadáns, empresas e organizacións en Euskadi (en Navarra é semellante, e ten a denominación de Convenio). Algúns ignorantes, pode que incluso algúns deles co título de catedráticos, din que o concerto foi por ETA, por Arzalluz e pola conspiración roxosatanista que nos ten sometidos. Calma. O concerto deriva de diversos acordos que naceron hai máis de 140 anos. É, posiblemente, un dos pactos políticos máis antigos e estables dos que pode presumir España. 3. Constitucional: o concerto e o convenio son tan constitucionais, que a dereita máis sensata sabe que dinamitar semellante pacto sería o mellor pasaporte para o medre do independentismo vasco. De feito, unha das últimas renovacións foi asinada por Cristóbal Montoro. 4. O 6’24%: é a cantidade dos orzamentos do goberno vasco que se transfire anualmente a Madrid. Esa referencia, 6’24, calculouse a partir do peso que a economía vasca tiña no conxunto da economía española, xunto co peso poblacional. Aí figuran os servizos de seguridade que exerce o Estado, fronteiras e inmigración, exército, coroa, infraestructuras como o AVE (que, por certo, Euskadi é a única que aínda non ten alta velocidade nin se lle espera a curto prazo). 5. Autorresponsabilidade: o concerto, moitas veces calificado como “privilexio” por ignorantes do sistema, é unha fórmula que implica riscos: cando vai ben, a caixa enche de camiño, pero cando veñen mal dadas, Euskadi e Navarra non poden acudir aos sistemas de rescate que implementa o Estado. De feito, durante a crise financeira, a recadación afundíuse, e obrigou a recortes importantes. Mentres as comunidades autonómicas pedían axuda a papá Estado a través do Fondo de Liquidez Autonómico, as do “privilexio” axustaban como podían. Dato: o último orzamento aprobado por Urkullu neste 2024 foi de 15.000 millóns. O do 2012, de 9.000.

Será válido?

Podería unha fórmula semellante funcionar en Cataluña? En primeiro lugar, tería dubidoso encaixe legal, porque a Constitución necesitaría unha reforma. A cousa sería buscar unha fórmula intermedia, que non desborde o marco actual. Lembren que algo semellante foi o que lle demandou Artur Mas a Rajoy, e recibiu unha sonora negativa. Aquel foi o principio do procés, de feito. Pedro Luis Uriarte, o pai do actual concerto económico, lembra sempre que no seu día os dirixentes da vella CiU dixeron non a un concerto porque Jordi Pujol consideraba impopular a tarefa de recadar impostos, e pensou que sempre sería mellor que iso o fixera Madrid. Non foi precisamente un visionario nesa xogada, porque o equilibrio da Cataluña actual está claramente decantado de maneira negativa. En todo caso, a pelota non está tanto no tellado de Cataluña como no resto das comunidades, empezando pola galega: estarían dispostas a asumir un sistema paccionado e a xogar co risco de vivir dos seus propios recursos e da súa propia recadación? Se así o fixeran, polo menos deixaríamos de escoitar os choros diarios de Pages, xornais de localismo paleto e demais ignorantes que só teñen dous inimigos: cataláns e vascos.