logo-tempos-exclusivo E digo eu… en agosto

| E digo eu...

Punto morto

A lexislatura española non acaba de coller velocidade. Despois dun ano das eleccións xerais que Feijoo sempre di que gañou aínda que non o fixo parlamentariamente, que é o que vale, o mandato renovado para Pedro Sánchez atópase en punto morto. Ninguén dixo que fora a ser doado, porque a aritmética apontaba desde o principio que o PSOE necesitaría a todos os partidos todo o tempo, o que acaba convertindo o terreo de xogo en algo impracticable. E iso, a pesar de que a inmensa maioría dos partidos do bloque de investidura actúan con xenerosidade e lealdade, comezando polo BNG, seguindo polo PNV e pasando por unha EHBildu que lle colleu o gusto a ser responsábel e decisiva. Non é preciso ter unha ollada a vista de dron para decatarse de que ningún partido se quere poñer excesivamente exquisito nin vai a apretarlle as torcas a Sánchez se iso precipita unha chegada de Vox á Moncloa pola vía interposta do señor dos Peares. Xa sabemos o que fan e a que xoga a ultradereita. Temos sobrados exemplos en Europa e en moitas comunidades autónomas. Quizáis, por iso, se pode tensar a corda de maneira case crónica, pero sen chegar a rachala. A ninguén se lle pode vender o argumento de que é igual que goberne o PSOE ou o PP, porque recuperando aquel vello berro do soberanismo galego, a merda non se reparte a partes iguais.

A partir da amnistía e, tras rexistrar unha derrota nas urnas, Puigdemont tampouco pode amosar un capital político que o convirta en imprescindible na Cataluña de hoxe. Antes ao contrario, estase a converter nun atranco para a normalización definitiva da súa vida política e civil.

O factor Puigdemont

Desde a mesma noite das eleccións xerais de 2023 afirmei que Waterloo non tiña outro carreiro polo que tirar que pola investidura de Pedro Sánchez. O xoguete posconverxente da neomanifa dixital, o pulso ao Estado e botar peito para adiante xa non ten marxe no actual contexto. Puigdemont sabe que as súas bases, por moi repunantes que sexan, non poden deixar de recoñecer que a lei de amnistía foi un factor de risco total que asumiu Sánchez, e que esa lei, malia as dificultades que lle vai poñer a brigada Político-Xudicial, libera moitísimas tensións na sociedade catalana. O axóuxere de Junts de que o PSOE “non ten palabra” neste contexto é un bumerán que se lles voltará en contra, porque despois de semellante aposta política, se eles non dan algo a cambio quedarán retratados coma un partido xustamente sen palabra. O President do exilio está envolto nunha épica valiosa, pero pouco efectiva no intre actual. A súa épica é que mareou ao Estado español no epílogo de procés, con xogadas arriscadas e audaces que lle permitiron sortear ao Tribunal Supremo en repetidas ocasións. Pero iso xa é pasado a partir da amnistía e, tras rexistrar unha derrota nas urnas, Puigdemont tampouco pode amosar un capital político que o convirta en imprescindible na Cataluña de hoxe. Antes ao contrario, estase a converter nun atranco para a normalización definitiva da súa vida política e civil. O tema pasou de “independencia ou caos” a “eu ou o caos”, e así nada constructivo pode erguerse. As persoas non son a clave de bóveda case nunca.

Dioptrías

Hai xa dous anos, o líder político con maior autoridade no independentismo, o ex presidente de Ómnium Jordi Cuixart, afirmou nunha entrevista que o independentismo catalán precisaba de novos liderados. Cuixart, que sempre tirou do carro da desobediencia civil nun estrato superior ao dos propios partidos políticos, xamais quixo polemizar con ninguén, nin sequera cando ERC e Junts comezaron a súa loita fraticida pola hexemonía. Pero naquel diálogo estivo clarividente, ao apuntar que nada novo se podía construir “coas gafas do 2017”. Efectivamente, a realidade de entón era unha moi distinta á actual. Seguir coa mesma marcha só producirá máis frustración e polarización política, en Cataluña e máis en España. Aféctannos ambas as dúas, pero no caso catalán semella que, despois dun decenio de tensión permanente, a cidadanía reclama estabilidade. Por iso votou o que votou e non outra cousa. En conclusión, Puigdemont debe abandonar o taboleiro, e semella que el mesmo está forzando que iso aconteza pasando á oposición de xeito traumático.

Vasalaxe

Hai uns meses, nunha conversa informal (pero seria) no despacho dun moi importante dirixente de ERC en Madrid, pregunteille como se sentían eles cando trataban cos de Junts. Respostou o seguinte: “trátannos coma se foramos servos. Interpretan que, como eles mandaron case toda a vida en Cataluña, sempre lles toca facelo por vontade divina, e agora que estamos a punto de superalos, seguen a falarnos con menosprezo”. A historia mudou: ERC gañou as eleccións, pactou con Junts que, meses despois, Puigdemont ordenou saír daquela coalición para voltar a superar a ERC e esixirlles agora que o fagan president de novo. Sendo así o tema, algúns non acabamos de comprender como Esquerra non é quen de sacudirse un certo complexo de inferioridade con respecto á dereita indepe. Está claro que non obtiveron un bo resultado nin nas xerais nin nas autonómicas tras o seu plan de “ensanchar a base do independentismo” e a aposta pola responsabilidade política no Congreso e coa presidencia de Pere Aragonés; pero a saída non pode ser sobrevivir sempre vendo como os de Junts lles cuspen na cara. ERC non ten outro remedio que rexenerarse e buscar un plan a medio prazo, pero non poderá desbrozar o seu propio camiño ata que non se quite esa sensación de vasalaxe permanente. E iso pode logralo se saca a Puigdemont da escena e obriga a unha refundación, outra máis, de Junts.

E Sánchez que?

Mentres, Pedro Sánchez gaña tempo, que é a súa gran virtude, e reármase cunha campaña, outra máis, de victimismo de manual a conta da investigación da súa muller. Se Illa acaba sendo president, e o caso Begoña Gómez remata arquivado, como debería ser, Sánchez proxectará unha nova lexislatura coa néboa despexada, mentres Feijoo comeza a dar síntomas de esgotamento ante a falta de resultados, e a súa loita non xa con Vox, senón tamén con toda esa recua de friquis aos que alimentou nas redes e nas súas televisións, comezando polos Alvises, Vitos, Negres e demáis fenómenos da fachosfera. Con ese horizonte, non só é factible pensar en que a lexislatura española vai para longo, senón que unha volta ás urnas podería ser un escenario incluso atractivo para Sánchez, a uns meses vista. Apoiado nas simpatías de cataláns, vasconavarros e outras periferias, o presidente vai esvarando, pero sempre esquivando os baches. E aos progresistas non nos vai mal así. Calquera cousa antes de caer nas redes do neofascismo. Por iso, é importante que os socialistas traten ben aos seus socios. A lealdade debe pagarse con xenerosidade. Iso si, debe quedar claro que non está ben asinar cartas de recomendación nin organizar xuntanzas na Moncloa para temas privados da súa dona. Unha cousa non debe tapar outra.