Desde hai algún tempo, diferentes informes de institucións sanitarias, como a OMS, alertan do incremento nas doenzas mentais a nivel mundial. Espállase simultaneamente a consciencia de que a medicina psiquiátrica non marcha ao mesmo ritmo dos avances que se teñen producido na ciencia médica en xeral. Ademais, se poñemos o foco no noso ámbito máis próximo, Galicia, constátase, tal como vén denunciando reiteradamente o Movemento Galego de Saúde Mental, unha particular desatención respecto deste problema por parte dos gobernos da Xunta de Galicia desde a primeira presidencia de Feijoo. Nos artigos que compoñen este dossier propomos catro olladas sobre esta situación. En A atención psiquiátrica en Galicia faise un percorrido desde o peche, nas últimas décadas do século XX, dos vellos centros de internamento segundo o modelo dos “manicomios”, ata a posta en marcha dos Plans de Saúde Mental autonómicos, coa tensión non resolta entre o vello modelo e o novo modelo de atención aos doentes mentais, ademais da descontinuidade nas decisións políticas por mor de intereses partidistas. En A experiencia innovadora do Hospital de Piñor entrevistamos a Chus Gómez e Antón Casais, dous psiquiatras que, cun amplo equipo multidisciplinar, levan adiante nun hospital ourensán unha das experiencias de transformación da atención hospitalaria psiquiátrica máis esperanzadoras. Con Da experiencia balbucinte á semántica fosilizada damos a palabra a Jordán e Obregón, dous activistas do movemento militante louco, que reivindican o seu xusto dereito a falar “en primeira persoa” sobre as súas experiencias. Pecha o dossier Problemas e posibilidades do Sistema de Saúde Mental, artigo do doutor psiquiatra Xosé M. André Rodríguez no que fai unha reflexión crítica sobre o pasado, presente e posible futuro da asistencia psiquiátrica. Se, como di o doutor André, a psiquiatría moderna ten fracasado no cumprimento de dúas promesas, aquela coa que naceu a finais do século XVIII, e aqueloutra coa que en certo xeito se refundou na segunda metade do XX coa irrupción dunha nova farmacoloxía, a sociedade democrática contemporánea pode (e aínda engadiremos: debe) comprometerse para dar pulo ao novo modelo de asistencia comunitaria, vencer as inercias das vellas prácticas, e facer definitivo o recoñecemento do outro/a, mal chamado/a alienado/a ou tolo/a, coma un ser humano que sofre, cos mesmos dereitos que calquera outro ser humano que precisa dunha atención médica.
· A ATENCIÓN PSIQUIÁTRICA EN GALICIA – Miguel Vázquez Freire
· ENTREVISTA / CHUS GÓMEZ, ANTÓN CASAIS. A EXPERIENCIA INNOVADORA DAS UNIDADES DE REHABILITACIÓN PSIQUIÁTRICA DO HOSPITAL DE PIÑOR– MVF [Versión ampliada dispoñible aquí]
· PROMESAS E POSIBILIDADES DO SISTEMA DE SAÚDE MENTAL – Xosé M. André Rodríguez
· O ECO DOS CONCEPTOS REPTADORES NOS ACTIVISMOS LOUCOS – Jordán e Obregón





