O novo rural galego

| Dossier

Como é sabido, a Real Academia Galega vén de escoller a figura de Xosé Neira Vilas como o escritor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano vindeiro. Cremos que constitúe unha boa ocasión para regresar, da man do imperecedoiro Balbino, a esa Galicia rural que ocupou un lugar  esencial na construción de algúns dos sinais identitarios da nosa tradición. Un rural que obviamente xa non é nin pode ser o mesmo, que precisa ser descrito e pensado de novo. Non é algo, naturalmente, que se resolva nun único dossier, senón que será máis ben un compromiso que deixaremos aberto ao longo do tempo que nos separa do 17 de maio de 2026. Xosé López González, Mestre e investigador, vinculado ao Museo “O Recuncho das Argalladas” de Vilanova de Lourenzá e ao Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, proporciónanos neste número unha primeira ollada sobre o rural na obra e na propia biografía de Xosé Neira Vilas. María del Camino Pereiro González, que foi directora dunha CPI, ofrécenos un perfil persoal do que significa hoxe unha escola rural. Finalmente, Mar Pérez-Fra, profesora e investigadora do Campus Terra da USC, axúdanos a reflexionar sobre a paisaxe actual do noso rural. 

Adiantamos que, no número de outubro, TEMPOS NOVOS continuará esta revisión da problemática asociada ao rural con dous artigos centrados na escola: unha entrevista, a cargo do profesor Francisco Xosé Candia Durán, de Roser Boix Tomás e Pilar Abós Olivares, profesores respectivamente da Universidade de Barcelona e Zaragoza e investigadores sobre a escola rural, que preparan a publicación inminente do seu último traballo sobre o tema; e un texto de Mario Outeiro Iglesias, profesor da USC e director do IES Pedregal de Irimia.

A coordinación, tanto do dossier que publicamos neste número como dos artigos xa previstos para publicar en outubro, correu a cargo de Jesús Rodríguez Rodríguez, catedrático da área de Didáctica e Organización Escolar na Facultade de Ciencias da Educación da USC e coordinador do grupo Cavila de materiais didácticos integrado en Nova Escola Galega. 

· O RURAL DE NEIRA VILAS. CRIANZA E XOGO – Xosé López González
· UNHA OLLADA SOBRE TERRITORIOS TAN DIVERSOS COMO DESCOÑECIDOS – M. Mar Pérez-Fra
· A ESCOLA RURAL: ONDE A VIDA APRENDE A QUEDAR – María del Camino Pereiro González

 

Se dispós dunha subscrición a TEMPOS NOVOS, rexístrate de balde en TEMPOS DIXITAL e accede xa a estes contidos (activación en 24-48 horas). Se non tes subscrición, elixe na nosa tenda a que mellor se axuste ás túas preferencias ou merca a edición en papel deste número.