Galicia en 2026: poucas incógnitas pero moitos desafíos 

| Dossier

Foto de apertura de Xavier Carvajal

Inicialmente caben poucas incógnitas sobre a Galicia do ano 2026. Así, non son previsibles cambios políticos relevantes como, por caso, quen dirixirá o goberno galego (Xunta de Galicia) que seguirá en mans das dereitas conservadoras (PPdeG). Tampouco son previsibles cambios que tanto axuden a mellorar a súa posición en España e en Europa, como que a nivel interno se avance decididamente en riqueza, benestar e igualdade. Que sexan poucas as incógnitas non significa que Galicia non afronte desafíos, incertezas e posibles retrocesos xunto aos que temos o dereito a esperar que apareza algún que outro raio que anuncie para o futuro inmediato a posibilidade dun cambio a mellor.  

Desafío demográfico e mestizaxe 

Todo apunta a que Galicia manterá no 2026, e seguramente nos anos seguintes, as dinámicas demográficas destes últimos anos. Así e vendo a situación nos países de orixe (Latinoamérica, Europa) non resulta arriscado subliñar que se manterá, e incluso pode incrementarse ainmigración que seguirá contribuíndo a que nesta década medre o volume de poboación censada (en 2021, 2.698.177; en 2025, 2.714.741). Esta maior contribución da poboación non nativa (en 2021, 4,2%; en 2025, 6,4%) conducirá a que en Galicia apareza un novo fenómeno demográfico: a mestizaxe.

Unha dinámica que non poderá impedir que Galicia manteña a súa condición de comunidade moi envellecida -a inmigración de xente moza non será quen de modificar esta tendencia- e espérase que a idade media da poboación, que na actualidade está en 47 anos, vaia aproximándose aos 51 anos. Un envellecemento derivado dun saldo vexetativo (-7,16 por mil) que seguirá sendo negativo o que fará que Galicia, a pesar do citado  aumento da poboación habido nos últimos anos por mor da inmigración, continuará enfrontándose a un grande desafío demográfico

Un desafío demográfico que se ve acentuado pola elevada emigración de xente moza (50.000 na última década), con formación superior (“fuga de cerebros”) pero que non atopa emprego axeitado en Galicia. Unha situación que non se revirte por mor da ausencia dunhas axeitadas políticas públicas autonómicas.   

Esta tendencia demográfica seguirá incrementando as diferenzas entre a Galicia rural e a urbana, que irá concentrando cada vez máis poboación (na actualidade é o 65%). Un fenómeno de desruralización acentuada (máis de 2.000 núcleos rurais están deshabitados) que se ve estimulado tanto pola crise de sector agrogandeiro (entre 2016 e 2023 reduciuse o número de explotacións agrarias en 33.500) como pola falta doutras oportunidades de emprego no rural, maiormente por causa da precaria situación neste das funcións públicas de benestar (atención sanitaria, familia, vellez, dependencia…). 

A incerteza laboral verase favorecida polos baixos salarios medios (o salario bruto anual en Galicia equivale ao 89,7% da media española) que son a base do intercambio desigual e a dependencia económica de Galicia. 

Incerteza laboral 

Non hai razóns obxectivas para pensar que a debilidade estrutural do investimento (4,5% da inversión total en España), tanto privado como público, a que contribúen decisivamente os axustes e recortes no gasto público -a súa vez derivados da preferencia que o goberno galego de quenda (PPdeG) ten polas políticas procíclicas- vaia cambiar de dirección. Dinámica que continuará repercutindo negativamente no crecemento económico e na creación de emprego. Algo que iremos comprobando na evolución do mercado de traballo galego que conserva unhas taxas de actividade (53,8%)  e de ocupación (49,5%) claramente por baixo das medias españolas (59,30% e 52,3%). 

Unha incerteza laboral que tamén se verá favorecida polos baixos salarios medios (o salario bruto anual en Galicia equivale ao 89,7% da media española) que son a base do intercambio desigual e a dependencia económica de Galicia. Algo que non se modificará o que seguirá provocando que esta comunidade manteña no 2026 una menor capacidade de creación de emprego. 

Debilidade produtiva 

A terceirización da economía (64,1% da riqueza global) estase producindo a custa dun debilitamento de sectores con maior fortaleza produtiva (agricultura, pesca, industria), maior produción de riqueza e valor, maior impacto económico. Algo que carrexa importantes consecuencias negativas tales como unha maior dependencia alimentaria, maior estacionalidade, maior precariedade laboral e tamén maior dependencia do exterior o que, conxuntamente, conducen a que Galicia se converta, dende o punto de vista produtivo, nunha comunidade mais débil e vulnerable.

Turistificación 

Esta forte aposta política do goberno galego de quenda (PPdeG) que favorece o declive dos sectores primario e secundario así como debilita as funcións públicas de benestar tamén acentúa o perfil da Galicia como unha economía de servizos privados e moi especialmente como un país turístico (8 millóns no 2024 o que supuxo un récord histórico). 

Un fenómeno que como estamos comprobando produce non  poucos efectos negativos -deseconomías- que van dende a inflación de prezos -cun impacto especial na vivenda-, ao deterioro ambiental, pasando pola precarización e a inseguridade laboral, a desculturización do pais e a degradación da convivencia e as entornas. Finalmente unha economía tan dependente do sector turístico é tamén unha economía moi dependente do exterior. 

Tampouco hai razóns obxectivas para pensar que durante o ano 2026 se deteña, e moito menos que se reverta, o crecente deterioro medioambiental que está a sufrir o pais galego froito das políticas públicas e da actividade privada. 

Maior degradación ambiental 

Tampouco hai razóns obxectivas para pensar que durante o ano 2026 se deteña, e moito menos que se reverta, o crecente deterioro medioambiental que está a sufrir o pais galego froito das políticas públicas e da actividade privada. Varios factores contribúen a esta diagnóstico. 

Factores relacionados coas políticas públicas do goberno galego de quenda (PPdeG): a teima por manter políticas forestais que tanto favorecen os incendios como a degradación dos recursos naturais (auga, aire, solo…), o fomento de proxectos industriais con un moi forte impacto ambiental (pasteleiras, mineiras, extractivas, metalúrxicas…), a aposta pola masificación turística e a urbanización libre e sen control público, a falta dunha regulación axeitada e unha correcta planificación do territorio como pasa, por caso, coas autorizacións de instalación de parques eólicos (que chegan a invadir áreas naturais protexidas)…levan a pensar que o deterioro ambiental de Galicia seguirá imparable.

No ano 2026, cando a lexislatura autonómica terá chegado ao seu ecuador, no escenario político galego deberían despexarse algunhas incógnitas políticas que ao día de hoxe están presentes. 

Menos soberanía política e social 

Non caben agardar no ano 2026 cambios relevantes na estratexia política do goberno galego de quenda (PPG) que, ademais de contribuír a que se aceleren as tendencias anteriormente apuntadas, conduce a unha crecente carencia de soberanía.

A pesar dos anos transcorridos (45) dende a aprobación do Estatuto de Autonomía non se pode afirmar que Galicia sexa hoxe un pais máis soberano. A negativa do PPdeG a avanzar no desenvolvemento estatutario, así como a aproveitar todas as súas posibilidades, o desprezo oficial polo idioma e a cultura propios -que leva a que, por caso, menos do 50% dos/as galegos/as falemos galego de forma habitual e o 53% falen máis o castelán-, a despreocupación pola conservación dos seus recursos naturais, o envellecemento poboacional e a emigración, xunto a crecente debilidade do sistema produtivo, son todos factores desartelladores que restan soberanía política e social a Galicia. 

Despexaranse algunhas incógnitas políticas 

No ano 2026, cando a lexislatura autonómica terá chegado ao seu ecuador, no escenario político galego deberían despexarse algunhas incógnitas políticas que ao día de hoxe están presentes. 

No campo das esquerdas e con relación ao partido maioritario (BNG) veremos se o liderado de Ana Pontón avanza tanto na súa consolidación -o que parece máis probable- e clarificación -algo que está por ver- como na procura dunha maior autonomía -especialmente con relación á UPG-. Unha autonomía que lle permita a esta brillante política aparecer diante da cidadanía galega como unha dirixente sen ataduras e quen de presentar unha oferta política ampla e plural para así incrementar as posibilidades reais de alcanzar a Presidencia da Xunta de Galicia. Algo que, hoxe por hoxe, non parece moi factible. 

Máis incerto aparece e futuro do PSdeG. A falta dun liderado sólido e consistente, a ausencia dun proxecto de país, e a persistencia dun enfermizo cainismo fan que as expectativas desta organización aparezan, no mellor dos casos, como nebulosas. Deberían despexalas se queren volver a ser relevantes. 

Claro que para nebulosa a que configuran quen se queren posicionar como terceira forza das esquerdas. A realidade presente fai pensar que as posibilidades de que colla folgos unha terceira forza política alternativa ao BNG e o PSdeG son bastante remotas aínda que non nulas. Os precedentes (EG, Anova, En Marea…) confirman as dificultades a pesar de que hai un espazo para esa terceira forza pero o cainismo, a prevalencia das ambicións individuais sobre os intereses colectivos, unha certa confusión política e ideolóxica… xogaron sempre en contra.

No campo das dereitas hexemónicas (PPdeG) veremos se Alfonso Rueda consolida o seu liderado a pesar das súas claras limitacións aínda que a historia nos ensina que a fortaleza desta organización non está tanto nos seus liderados -coa excepción de Manuel Fraga- como na súa firme hexemonía política e social. 

Un escenario político para 2026 que, con bastante seguridade, se manterá estable aínda que se despexen algunhas das citadas incógnitas políticas. Escenario cuxa estabilidade pode, a pesar diso, ser cuestionada ben por mor das mobilizacións sociais que, con seguridade, manterán a súa puxanza, ben por factores externos -a nivel español, europeo e/o internacional- que son analizados en outros artigos neste mesmo número. 

Maior contestación social 

Como non son previsibles cambios de rumbo nas políticas públicas que nos últimos tempos estiveron provocando unha forte e continuada contestación social (políticas sanitaria, educativa, dependencia, maiores, muller, industrial, forestal e ambiental) que deu lugar a que Galicia sexa nestes últimos anos unha das Comunidades Autónomas con maior actividade contestataria -celébranse miles de mobilizacións cada ano- non resulta ariscado apuntar que a contestación social seguirá viva durante o ano 2026. 

A Galicia do 2026 e do futuro inmediato vai depender moito da fortaleza e amplitude  da actividade contestataria das clases populares. 

Neste actividade contestataria a loita por unha maior igualdade de xénero, o rexeitamento á violencia doméstica e a defensa do medio ambiente seguirán tendo un gran protagonismo xunto a reivindicación duns servizos públicos de benestar acordes ás necesidades da poboación. Seguramente que a estas reivindicacións e dadas as negras perspectivas se vaian sumando mobilizacións das xentes do campo e do mar así como dos traballadores das industrias manufactureiras. 

A Galicia do 2026 e do futuro inmediato vai depender moito da fortaleza e amplitude  da actividade contestataria das clases populares.