Desde Hong Kong até Marrocos, pasando polo Quenia, México ou Senegal, unha onda de protestas xuvenís sacude os cimentos de réximes autoritarios e democracias defectuosas. Son mobilizacións sen líderes visibles, coordinadas a través de Discord e TikTok, que comparten símbolos globais como a bandeira pirata de One Piece e un mesmo clamor: dignidade, sanidade, educación e emprego. David Alvarado, doutor en Ciencia Política e antigo correspondente de prensa internacional, que cubriu sobre o terreo as Primaveras Árabes e numerosos conflitos en África e Medio Oriente, analiza polo miúdo este fenómeno que está a reconfigurar a xeopolítica da contestación no século XXI.
Nas últimas semanas asistimos a protestas xuvenís en lugares tan dispares como Marrocos, México, Madagascar ou o Quenia, todas elas protagonizadas pola chamada Xeración Z e moitas compartindo símbolos comúns, como a bandeira pirata do manga One Piece. Semella algo máis que unha coincidencia. Que define realmente a estes movementos e por que emerxen agora con tanta forza en contextos tan diferentes?
Estamos diante dun fenómeno que transcende fronteiras e que require unha análise que combine a teoría dos movementos sociais coa xeopolítica. A Xeración Z, dos nacidos aproximadamente entre 1995 e 2010, constitúe hoxe a franxa de idade politicamente máis activa en moitos países do Sur Global. Son a primeira xeración completamente dixital, que non coñece o mundo sen Internet, pero ademais foron socializados baixo a sombra de crises múltiples que definiron a súa consciencia colectiva, nomeadamente a crise económica de 2008, o cambio climático como ameaza existencial, a pandemia de COVID-19 e o ascenso do autoritarismo a nivel global. Segundo o sociólogo húngaro do período de Entreguerras, Karl Mannheim, unha xeración non se define só polo ano de nacemento senón polas experiencias históricas compartidas. Para a Xeración Z estas experiencias son traumáticas: viron aos seus pais perder empregos e casas, interiorizaron que a precariedade laboral é a norma e que a vivenda é inaccesible, e teñen a percepción de que as franxas adultas non están facendo o suficiente para evitar a catástrofe climática. Comparten perspectivas económicas peores que as dos seus pais, que é algo que non ocorría desde a Segunda Guerra Mundial.
A ausencia deliberada de liderados visibles responde tanto a consideracións ideolóxicas como tácticas, xa que, se non hai cabezas visibles, non se pode decapitar o movemento.
Pero esta indignación xeracional existiu sempre e todas as xeracións tiveron as súas formas de protestar: a xeración do 68, os movementos antiglobalización dos noventa, o 15-M ou Occupy Wall Street. En termos de repertorios de acción colectiva e estruturas de mobilización, que hai de novo nesta Xeración Z que a distinga de anteriores vagas de protestas?
Son movementos con fondas implicacións xeopolíticas e novidades de calado nas súas dinámicas. En canto á mobilización de recursos, estes movementos xa non dependen de estruturas organizativas tradicionais como sindicatos ou partidos; senón que os recursos mobilízanse horizontalmente a través de redes dixitais, micromecenado e solidariedade entre pares. A coordinación realízase en servidores de Discord ou canles de Telegram que funcionan como espazos organizativos descentralizados. Respecto ao repertorio modular de acción colectiva, o que vemos é unha hibridación entre o espazo físico e o dixital que xera novas formas de protesta: concentracións flash coordinadas en tempo real, viralización de contidos que xeran indignación colectiva a unha velocidade que supera a capacidade de control estatal, e apropiación de símbolos da cultura popular global como esa bandeira pirata de One Piece. A ausencia deliberada de liderados visibles responde tanto a consideracións ideolóxicas como tácticas, xa que, se non hai cabezas visibles, non se pode decapitar o movemento. Esta horizontalidade complica enormemente as estratexias clásicas de control autoritario.
Hong Kong en 2019 marca un punto de inflexión na historia dos movementos sociais contemporáneos.

David Alvarado e Francisco Cortez-Lobão durante a entrevista
Vostede menciona frecuentemente a estratexia “be water” que emerxeu nas protestas de Hong Kong en 2019 e logo viaxou a contextos tan diferentes como Myanmar, Quenia ou Marrocos. Como se produce esa difusión transnacional de tácticas e marcos interpretativos, e que vantaxes ofrece esta forma de organización fronte aos mecanismos de control estatal?
Hong Kong en 2019 marca un punto de inflexión na historia dos movementos sociais contemporáneos. A xuventude hongkonesa desenvolveu unha metodoloxía de protesta inspirada, efectivamente, na célebre cita de Bruce Lee, “be water”, que implica ser amorfo, sen forma fixa, capaz de fluír ou estralar segundo as circunstancias. Este principio aplica aos movementos implica ausencia de liderado centralizado, mobilidade constante mediante concentracións que aparecen e desaparecen antes da chegada policial, un repertorio diverso que vai desde marchas pacíficas até a confrontación directa, e a imprevisibilidade como arma política. A difusión prodúcese a través do que poderiamos chamar aprendizaxe transnacional mediada dixitalmente. A xuventude de diferentes países observa en tempo real o que funciona noutros contextos e adapta as tácticas ás súas propias realidades. Desde Hong Kong, esta metodoloxía viaxou a Myanmar despois do golpe de 2021, ao Quenia co movemento RejectFinanceBill, a Indonesia e Nepal en 2025, e a Marrocos co movemento GenZ212. As vantaxes son a resiliencia ante a represión selectiva, a facilidade de difusión porque non require formación complexa, e o apoderamento individual porque os participantes non dependen de estruturas xerárquicas.
Semella unha estratexia case perfecta para enfrontar a réximes autoritarios. Pero se miramos os resultados concretos, desde Hong Kong até Chile, os movementos lograron mobilizacións masivas que non sempre se traduciron en transformacións duradeiras. En termos de estrutura de oportunidade política, cales son os límites desta forma de organización?
A limitación máis evidente é a dificultade para negociar cambios institucionais. Sen cabezas nin representantes lexítimos, con quen negocia o goberno? Pódense lograr cambios puntuais a través da presión, como a retirada dunha lei ou a dimisión dun cargo, pero é moi difícil artellar reformas estruturais en profundidade que requiren negociacións complexas e compromisos sostidos no tempo. A horizontalidade, que é fortaleza táctica, convértese aquí en debilidade cando se trata de traducir a enerxía das rúas en mutacións institucionais. Chile en 2019 ilustra esta tensión. O estoupido social co slogan “non son trinta pesos, son trinta anos” non se traduciu en cambios na arquitectura do poder duradeiros. O proceso constituínte fracasou dúas veces, a dereita reorganizouse mobilizando medo e incerteza, e logrou bloquear as transformacións que semellaban inevitables durante o pleno apoxeo das protestas. A lección é dura. Derrocar a un líder ou forzar a retirada dunha lei non é o mesmo que transformar un sistema de poder.

David Alvarado
Movementos que desconfían das estruturas tradicionais de participación política e prefiren organizarse en rede, multicéfalos, o suficientemente dispersos para resistir vagas represivas, xa que logo. Pero parecen perecer a medio prazo…
Estamos a ver o exemplo de Marrocos, onde a protesta esmorece precisamente polo seu carácter difuso. É difícil manter algo así no tempo. O punto álxido cadrou co momento vacacional. Ten moito que ver coa dispoñibilidade de tempo dos manifestantes. Temos que tomar en consideración que os réximes aprenden a reaccionar ante as mobilizacións. Poden estar a contrapé ao comezo, pero a medida que avanzan as semanas desenvolven mecanismos de represión: control de redes, identificación dos perfís máis activos, emprego da lexislación punitiva… Vemos rapaces menores de idades detidos e condenados á cadea e multas elevadas, o que descincentiva as protestas. Medran o cansancio e a desmobilización, e ademais chega un momento en que o seu contido é moi amplo e difuso, impedindo a existencia dunha tensión que a faga medrar e gañar en amplitude. E ademais as forzas de seguridade aprenden a responder, a conter, a intimidar e restarlles a forza reivindicativa.
En termos de estrutura de oportunidade política, GenZ212 presenta características que complican as estratexias tradicionais de control do Majzén marroquí.
Nun recente estudio publicado polo CIDOB, vostede analizou en profundidade o movemento XenZ212 en Marrocos, que agromou en setembro de 2025 despois da morte de oito mulleres tras serlles practicadas cesáreas nun hospital público. Tendo en conta a súa longa experiencia no país e os seus traballos sobre o Hirak del Rif, que singularidades presenta este caso e como se relaciona coa traxectoria histórica de contestación no país?
A traxedia sobrevida no hospital público de Agadir expuña as deficiencias dun sistema sanitario ao borde do colapso. Porén, a indignación pronto desbordou o ámbito sanitario para cuestionar todo o modelo de desenvolvemento do réxime. A consigna “queremos hospitais, non soamente estadios” captura perfectamente o desaliñamento entre as carencias que padece a poboación e os máis de 5.000 millóns de dólares que as autoridades prevén investir en infraestruturas deportivas co gallo da Copa Africana de Nacións que comeza este mesmo mes de decembro e o Mundial 2030. En termos de estrutura de oportunidade política, GenZ212 presenta características que complican as estratexias tradicionais de control do Majzén marroquí. A diferenza co Hirak popular do Rif de 2016-2017, que tiña un territorio base na rexión norte e liderados identificables como Nasser Zefzafi, cumprindo aínda hoxe unha condena a vinte anos de prisión, XenZ212 opera simultaneamente en múltiples focos xeográficos sen estrutura organizativa definida. O servidor de Discord do movemento pasou de menos de 1.000 membros a superar os 130.000 usuarios en dúas semanas, e acadou os 260.000 durante o discurso de Mohamed VI no Parlamento. Esta velocidade na transmisión da mobilización non ten precedentes en Marrocos.
O denominador común é unha xuventude que esixe sanidade, educación e emprego digno, e que rexeita a vellos réximes percibidos como corruptos e desconectados das súas necesidades.
Nun artigo seu que vén de ver a luz na Revista de Estudios Institucionais do Brasil, vostede define o réxime marroquí como “constitucionalismo autoritario” con institucións formalmente democráticas pero co groso do poder concentrado arredor da monarquía. Como respondeu este sistema diante das protestas e que nos di esa reacción sobre a natureza e vulnerabilidades do réxime?
A resposta segue o patrón habitual en Marrocos: silencio inicial de Mohamed VI mentres o goberno ve de xestionar a crise, concesións simbólicas limitadas como a destitución do director do hospital de Agadir, e represión calibrada que vai escalando. O episodio máis grave tivo lugar en Lqliâa, onde a Xendarmería Real abriu fogo contra manifestantes, causando varios mortos. Un vídeo difundido en redes tamén mostrou a un estudante de 19 anos sendo atropelado deliberadamente por un furgón policial, requirindo a amputación dunha perna. Esta dinámica evidencia a brecha entre o deseño constitucional formal e o comportamento efectivo das autoridades. A Constitución de 2011 garante formalmente liberdade de expresión e reunión pacífica, pero os artigos 55 e 56 establecen que o rei define as orientacións de política e conduce a política exterior, concentrando en Palacio os dominios reservados á marxe de calquera control parlamentario. Aziz Akhannouch, o presidente do goberno cuxa fortuna se estima en 1.600 millóns de dólares, encarna a fusión entre poder político e económico que alimenta a percepción de corrupción e capitalismo de conivencia, o cal fixo da súa figura obxectivo privilexiado dos contestatarios.
O fenómeno non se limita a Marrocos. Nas últimas semanas vimos protestas similares en México contra o goberno de Claudia Sheinbaum, mobilizacións en Madagascar que forzaron a fuxida do presidente, e continuidade das tensións en Quenia ou Senegal. En termos de marcos interpretativos e repertorios compartidos, existe realmente un patrón transnacional nesta onda global ou estamos a proxectar conexións que non son tal sobre realidades moi diversas?
O patrón transnacional é real, aínda que cada contexto ten as súas particularidades e a súa propia estrutura de oportunidade e dinámicas. O denominador común é unha xuventude que esixe sanidade, educación e emprego digno, e que rexeita a vellos réximes percibidos como corruptos e desconectados das súas necesidades. En Quenia, a xuventude mobilizouse masivamente contra a Lei de Finanzas que aumentaba impostos sobre a poboación xa moi precarizada, logrando que o goberno retirase algunhas disposicións. En Nixeria, o movemento EndSARS de 2020 contra a brutalidade policial transformou a consciencia política dunha xeración. En Senegal, milleiros de xoves arremeteron contra un goberno que usou a xustiza para atacar ao líder opositor Ousmane Sonko, propiciando desde a rúa un xiro electoral radical. Neste senso, o antropólogo senegalés Abdourahmane Seck sinala que son revoltas nas que non hai unha utopía política definida, onde as novas xeracións non piden democracia no sentido clásico senón reparación e xustiza. Medraron co teléfono móbil na man, ven nas súas pantallas outros mundos posibles e rexeitan un modelo de desenvolvemento que non lles ofrece nin o soño da liberación anticolonial nin a esperanza da democratización dos noventa. A bandeira pirata de One Piece, ese xentil corsario que loita contra as inxustizas, converteuse en símbolo global precisamente porque captura esta sensibilidade: non hai un programa político elaborado, hai rabia e ansia de dignidade.
Que pensa sobre o caso mexicano?
En ciencia política falamos dun ciclo de protesta alto como unha situación onde mesmo se non existen unhas condicións obxectivas para comezar unha mobilización social si existe, en certas franxas, a percepción de oportunidade: de saír á rúa, manifestarse, alzar a voz e obter certas concesións. En México, evidentemente, temos un país que ten unha estrutura socioeconómica particular, unha sociedade polarizada cun goberno de perfil definido e varias cuestións candentes sen solucionar. A mobilización non é tan clara no sentido de que non existe unha única corrente, senón polo menos dúas: unha cunhas demandas de marcado corte social e outra onde estas se entremesturan con aspectos da oposición clásica ao goberno de Andrés Manuel López Obrador antes e, agora, de Claudia Sheinbaum. Por iso a presidenta saíu á palestra para tentar desacreditar estas mobilizacións. Temos en definitiva elementos semellantes pero tamén outros diverxentes que aconsellan agardar a ver como de desenvolve a situación.
Ademais, Europa non pode seguir exportando un modelo de relación cos seus veciños do sur baseado no control migratorio e na estabilidade a calquera prezo.
Tendemos a ver estas mobilizacións como fenómenos distantes, propios de países con problemas de desenvolvemento e con réximes autoritarios, pero a nosa veciñanza xeográfica con Marrocos e a conexión global introducen a posibilidade de que non sexan completamente alleos aos nosos intereses. Desde Galicia e desde Europa, que leccións podemos tirar destes movementos?
A lección fundamental é que a estabilidade dos nosos veciños non é un asunto interno máis que poidamos observar con indiferenza. Calquera inestabilidade profunda en Marrocos ten consecuencias directas sobre España e Europa, que pode afectar aos fluxos migratorios, á cooperación en materia de seguridade e antiterrorismo ou ás relacións económicas e comerciais. A crise de maio de 2021, cando oito mil persoas cruzaron a fronteira de Ceuta en poucos días como resposta a unha disputa diplomática, demostrou a vulnerabilidade española ante calquera deterioro da situación no país veciño. Ademais, Europa non pode seguir exportando un modelo de relación cos seus veciños do sur baseado no control migratorio e na estabilidade a calquera prezo. Cando apoiamos a réximes autoritarios porque garanten control fronteirizo, cando facemos a vista gorda diante da represión porque nos convén a súa estabilidade, contribuímos a crear as condicións para futuras explosións sociais. A xuventude marroquí, alxerina ou tunisiana sabe perfectamente que Bruxelas mira cara outro lado namentres os seus gobernos reprimen. A interrogante estrutural que formula XenZ212 é até cando pode sosterse un modelo que combina aparencias democráticas con prácticas autoritarias fronte a unha xuventude excluída dos beneficios do desenvolvemento. Até cando seguiremos a mirar cara a outro lado.
Para rematar, no anterior ciclo de mobilizacións globais estes movementos sucedían no centro do sistema mundo. Lembremos Occupy Wall Street ou o fenómenos das e dos indignados. Pero desta volta semellan revoltas localizadas en países de carácter máis periférico.
Debemos ler as revoltas no seu contexto. A vaga de mobilizacións de 2008-2009 era un fenómeno que tiña que ver cunha crise do capitalismo que afectaba ás sociedades avanzadas, coas declinacións coñecidas. Esas mobilizacións tamén sucederon noutros contextos como o das Primaveras Árabes, declinación específica deste ciclo co que coincide temporalmente. En Occidente estas mobilizacións adoptan hoxe outro cariz e vivimos o auxe do iliberalismo. A forma de protesta consiste en cuestionar a democracia como ferramenta para resolver problemas. É falaz, por suposto, que o autoritarismo os resolva mellor. En contextos non democráticos, pola súa banda, estas mobilizacións adquiren formas distintas. A miña tese é que todo parte do mesmo tronco e que a crise de 2008 desatou inercias que aínda estamos a padecer. A situación de hoxe parécese ao período de entreguerras, cando medra o fascismo en Occidente. Hoxe no mundo occidental medra o iliberalismo e as mobilizacións asumen noutros contextos outras características.
_______
David Alvarado (Ourense, 1978) é doutor en Ciencia Política pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese sobre a construción política da nación amazigh e o movemento Hirak do Rif. Profesor no Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, amais de na UNED. Especializado en xeopolítica, política comparada, movementos sociais e nacionalismos, e análise do discurso, durante case dúas décadas exerceu como correspondente de prensa internacional na rexión EMEA, cubrindo as Primaveras Árabes, a expansión do yihadismo no Sahel, conflitos armados e crises humanitarias, o que lle achega un íntimo coñecemento do terreo que fundamenta a súa aproximación académica. Tras un período en Bruxelas como consultor en Public Affairs, decidiu regresar a Galicia para contribuír desde a periferia ao debate público e á formación das novas xeracións. É autor de La yihad a nuestras puertas: la amenaza de Al Qaeda en el Magreb Islámico (Akal, 2010), Rif: de Abdelkrim a los indignados de Alhucemas (Catarata, 2017) e Alá, patria y rey: Marruecos, transición a ninguna parte (Libros.com, 2022). Publica regularmente as súas análises en medios de comunicación e colabora con think tanks como o Centre d’Informació i Documentació Internacionals a Barcelona (CIDOB), o Centre d’Études et Recherches en Sciences Sociales da Universidade Mohamed V de Rabat ou o Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions (Ciemen).








