A crise de Ceuta non foi unicamente un episodio migratorio nunha fronteira europea. Mentres as autoridades tentaban recuperar o control e aínda se discutían cifras, responsabilidades e circunstancias, a dereita radical xa dispoñía dunha explicación pechada do ocorrido. A chegada masiva de persoas presentábase como unha «invasión», inscribíase na teoría da «gran substitución» e asociábase á inseguridade, á perda de identidade e á incapacidade das elites para protexer as nacións europeas do seu suposto declive. O acontecemento era novo, pero as categorías empregadas para interpretalo levaban anos circulando entre ámbalas beiras do Atlántico. A cidade autónoma converteuse nun laboratorio para observar como un fito concreto pode quedar absorbido por un relato político previamente construído e adquirir un significado que transcende un auténtico drama humano.
Cando se comparan os marcos narrativos de MAGA, RN, Fratelli d’Italia, Vox ou mesmo Reform UK de Nigel Farage, aparecen continuidades nos seus repertorios discursivos, con distinta intensidade.
Fóra de España, a crise revelou o carácter transnacional destes discursos. Horas despois de que Santiago Abascal, líder de Vox, evocase a «invasión», Donald Trump empregou o mesmo termo e presentou Ceuta como advertencia do que podería pasar nos Estados Unidos se os demócratas volvían ao poder. En Francia, o eurodeputado de Rassemblement National (RN) Thierry Mariani sostivo que Le Camp des saints deixara de ser ficción. A novela de Jean Raspail (1973) imaxinaba o desembarco na costa francesa dun millón de persoas do subcontinente indio. A referencia cruzara hai tempo o Atlántico. En 2015, Stephen Miller, hoxe subxefe de gabinete da Casa Branca e artífice da súa política migratoria, recomendáraa ao portal ultra Breitbart. Cada actor traduciu o acontecido ás claves da súa audiencia, pero as conexións resultaban recoñecibles.
Cando se comparan os marcos narrativos de MAGA, RN, Fratelli d’Italia, Vox ou mesmo Reform UK de Nigel Farage, aparecen continuidades nos seus repertorios discursivos, con distinta intensidade. A teoría da «gran substitución» interpreta a inmigración como unha ameaza demográfica e cultural. O «Estado profundo» presenta institucións e burocracias como poderes que bloquean a expresión da vontade popular. A «guerra cultural» agrupa conflitos arredor do xénero, a familia, a educación ou o denominado wokismo. O «soberanismo identitario» contrapón nación e globalización, mentres a denuncia das «elites globalistas» atribúe a actores nacionais e transnacionais, sinalados con nome e apelidos, intereses contrarios aos do groso da cidadanía. As formulacións varían entre países, pero estes marcos combínanse e adáptanse para dar sentido a realidades moi distintas. Xuntos compoñen unha gramática común.

Fonte: elaboración propia a partir da análise de programas electorais, documentos oficiais e intervencións públicas de dirixentes (2018-2026). [Ampliar cadro]
Un relato para explicalo todo
Os marcos políticos non son tan só consignas. Seleccionan aspectos da realidade, establecen relacións causais e identifican problemas, responsables e posibles solucións, arredor das cales se artella a mobilización. A escaseza de vivenda, a presión sobre algúns servizos públicos ou a desconfianza institucional obedecen a causas complexas e non necesariamente coincidentes. A operación política consiste en ordenalas dentro dunha explicación sinxela. A «priorité nationale» que a ultradereita francesa enarbora desde os oitenta amosa como funciona. A inmigración preséntase como causa das dificultades para acceder á vivenda ou ao emprego, a nacionalidade convértese no criterio para repartir recursos escasos, os gobernos que a rexeitan pasan a ser culpables e os tribunais que a limitan, obstáculos á vontade popular. A complexidade redúcese e unha medida discriminatoria revístese de «sentido común».
Ceuta ofreceu feitos, imaxes, vítimas e tensión política. A disputa comeza ao establecer que significan e con que outros fenómenos deben relacionarse. Apenas empezadas as entradas polo Tarajal, Abascal falaba de «invasión» e negaba que aquelas persoas fuxisen da guerra ou da pobreza. Tres días despois cualificouno de «acto de guerra» atribuído a Marrocos e tolerado polo Goberno de Pedro Sánchez, a quen acusou de traizón, reclamou militarizar a fronteira e esixiu a saída dos migrantes. As súas verbas transformaban unha chegada masiva de seres humanos nunha ameaza territorial, a negación de calquera xustificación do éxodo borraba traxectorias individuais e a acusación de deslealdade explicaba por que non se frearan os cruces. O episodio convertíase nunha evidencia máis dunha nación presentada como vulnerable e desatendida pola súa clase dirixente.

Nigel Farage
Este mecanismo, que integra problemas con causas distintas nun relato unívoco, ten tradución electoral. Alternative für Deutschland (AfD) obtivo o 6 de setembro o 43,8% dos votos en Saxonia-Anhalt, máis do dobre que en 2021, e quedou a tres escanos da maioría absoluta. Ningún partido vixiado pola intelixencia interna alemá como sospeitoso de extremismo de dereita lograra tanto apoio nunhas eleccións rexionais. O seu crecemento produciuse sen moderación programática. Alice Weidel, copresidenta da formación e candidata á cancelaría en 2025, chegou a prometer que derrubaría todos os aeroxeradores. A inmigración e o islam ocupan o centro do seu discurso, pero a AfD vincúlaos ao declive industrial, ao prezo da enerxía ou ao custo do Estado de benestar. O seu electorado heteroxéneo recibe unha explicación accesible para frustracións moi diversas.
Estas coincidencias non converten a ultradereita nun bloque homoxéneo. Giorgia Meloni, que goberna Italia desde 2022, apoia Ucraína, mentres Viktor Orbán, que dirixiu Hungría ata abril, cultivou durante anos a relación con Moscova.
Da protesta á maioría
Reform UK segue un camiño diferente. Nas eleccións locais de maio arrebatou municipios aos partidos tradicionais e ás candidaturas veciñais. En Havering, na periferia de Londres, logrou 39 dos 55 concelleiros. En agosto, Farage presentou un plan naval contra as embarcacións que cruzan o Canal da Mancha, titulado «Operation Fortress, Stopping the Invasion of Britain», e citou Ceuta como proba da gravidade da situación. A inquedanza migratoria mestúrase co descontento polos servizos públicos e co custo da vida. Seis de cada dez votantes de Reform UK crían en 2025 que a súa zona acollía máis solicitantes de asilo dos que lle correspondían. O malestar é real, pero iso non valida a causa que o partido lle atribúe. Reform intégrao nun diagnóstico que sinala culpables e presenta a ruptura como resposta.

Giorgia Meloni
Estas coincidencias non converten a ultradereita nun bloque homoxéneo. Giorgia Meloni, que goberna Italia desde 2022, apoia Ucraína, mentres Viktor Orbán, que dirixiu Hungría ata abril, cultivou durante anos a relación con Moscova. En maio de 2024, o RN rompeu coa AfD tras unhas declaracións do seu cabeza de lista, Maximilian Krah, sobre as SS. Algunhas formacións suavizaron posicións para achegarse ao goberno, mentres a AfD seguiu radicalizándose ao tempo que medraba nas urnas. Farage considera demasiado extremo o movemento que un disidente do seu partido, Rupert Lowe, impulsou á súa dereita. A derrota de Orbán lembra que ningunha destas alianzas garante vitorias. O elemento compartido non é un programa idéntico. É un conxunto de recursos discursivos para seleccionar adversarios e presentar a política como a defensa dunha comunidade ameazada.
Os resultados electorais son só unha das probas do seu avance. A influencia aumenta tamén cando categorías inicialmente asociadas á extrema dereita pasan a estruturar o debate xeral. En xuño, o PP votou no Congreso contra a moción de Vox que reclamaba a «prioridade nacional» no acceso á vivenda protexida, pero os seus pactos autonómicos con esa formación en Estremadura e Aragón incorporan o mesmo principio. No Reino Unido, o Goberno laborista de Keir Starmer fixo revisable cada 30 meses o estatuto de refuxiado, unha rebaixa da protección que criticou o ACNUR. Isto non converte calquera posición restritiva nunha proposta radical, pero sinala que quen consegue establecer cal é o problema, que factores o explican e en que termos debe discutirse condiciona tamén o abano de respostas consideradas posibles.
Unha rede sen centro
MAGA é o nó con máis capacidade neste ecosistema. Desde a primeira presidencia de Trump converteuse nunha referencia para partidos, activistas e organizacións doutros países, e o seu regreso á Casa Branca engadiu recursos institucionais a esa influencia. En febreiro de 2025, o vicepresidente J. D. Vance reuniuse en Múnic con Weidel e censurou o cordón sanitario arredor da AfD. A Estratexia de Seguridade Nacional de decembro advirte dun risco de «borrado civilizatorio» en Europa e celebra o ascenso dos «partidos patrióticos». A lóxica da «gran substitución» chega así a un documento oficial. A CPAC, a gran conferencia anual do conservadorismo estadounidense, exporta o seu formato a Budapest desde 2022 e acolleu en 2024 os presidentes arxentino, Javier Milei, e salvadoreño, Nayib Bukele.

Javier Milei
Madrid funciona como outro nó. Vox promoveu en 2020 a Carta de Madrid, asinada entre outros por Milei, Eduardo Bolsonaro e José Antonio Kast, presidente de Chile desde marzo. En febreiro de 2025, os Patriotas por Europa, o partido europeo que Abascal preside desde 2024, reuníronse na capital española baixo o lema «Make Europe Great Again». Alí coincidiron Orbán, Marine Le Pen, do RN, e Matteo Salvini, líder da Liga, tras unha cea con Kevin Roberts, que dirixe a Heritage Foundation, o laboratorio de ideas que coordinou o programa de goberno trumpista coñecido como Project 2025. Geert Wilders, líder do Partido pola Liberdade neerlandés, reclamou unha «reconquista» de Europa. Nada disto implica unha dirección centralizada. Os intercambios non buscan unha política supranacional, senón reforzar proxectos que se reclaman estritamente nacionais.
Ceuta condensa boa parte destes procesos nun espazo reducido. Alí coinciden unha fronteira exterior europea, fondas desigualdades económicas, fluxos migratorios, relacións con Marrocos, soberanía, identidade e seguridade. Unha crise pode activar en horas conceptos elaborados durante anos e difundilos entre países que non comprenden a realidade da cidade autónoma. Analizar esa activación non implica negar os problemas que alimentan o malestar de fondo nin reducir o avance da ultradereita a unha cuestión de comunicación. Obriga a examinar como se atribúen causas, se establecen conexións entre fenómenos distintos e se identifican responsables. A resposta democrática depende tamén desa disputa interpretativa. Ofrecer políticas diferentes resulta insuficiente cando se aceptan explicacións que presentan realidades complexas como partes dunha mesma historia de ameaza, traizón e recuperación.





