Os devastadores incendios forestais que durante o pasado verán arrasaron centos de miles hectáreas sitúannos fronte a fronte cunha realidade incómoda: a cara B da transformación social, territorial, económica e demográfica de Galicia durante o século XX e o primeiro cuarto do XXI é un país con enormes extensións do seu territorio abandonadas ou infraxestionadas. O lume aliméntase da ausencia e son comarcas especialmente despoboadas as que arden de forma devastadora. Incendios masivos que fulminan récords e conseguen estenderse en todas direccións e alimentarse a si mesmos durante horas e horas. A loita contra o lume ten que ser moito máis ampla cá extinción de incendios.
Para diagnosticar a situación con claridade e pór sobre a mesa iniciativas e medidas que poderían, dende diversos ámbitos -en particular a ordenación do territorio e a economía- modificar a paisaxe que alimenta o lume, neste dossier damos voz a persoas vinculadas, de forma multidisciplinar, ao mundo agrario e forestal galego. O enxeñeiro técnico agrícola Eloi Villada Legaspi propón medidas a medio e longo prazo para un rural máis previsor e preparado fronte a estes eventos. O forestal Xosé Santos Otero analiza o que se perdeu o pasado verán e reclama unha nova política de montes. Nunha extensa conversa, o economista Edelmiro López Iglesias traza un retrato integral da situación e propón solucións. O enxeñeiro forestal Xacobo Feijoo Lamas reivindica un territorio vivo e activo contra os lumes. Finalmente, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González Prieto, propón abordar as causas do lume e promover unha actividade agrícola e gandeira sustentábel.
Unha lectura que nos convida, en definitiva, a comprender que o lume non é unha maldición bíblica e que existen alternativas para que Galicia non arda explosivamente cada poucos veráns.
· DESPOIS DOS INCENDIOS, QUE FACER? – Eloi Villada Legaspi
· PRENDÉRONLLE LUME AO CEO! – Xosé Santos Otero
· ENTREVISTA / EDELMIRO LÓPEZ IGLESIAS, ECONOMISTA: “OS INCENDIOS DEMOSTRAN QUE CON ESTAS CONDICIÓNS CLIMÁTICAS NON PODEMOS PERMITIRNOS NON XESTIONAR O TERRITORIO” – Francisco Cortez-Lobão Sineiro.
· UN PROBLEMA DE TERRITORIO, NON SÓ DE MONTE – Xacobo Feijoo Lamas
· A XEOMETRÍA DO LUME – Serafín González Prieto





