Radiografía dun mundo fracturado

| Dossier | Ás portas de 2025

O ano 2025 non vén disposto a dar tregua. A aceleración histórica continúa a rebordar. Entre os acontecementos internacionais que poden marcar este final do primeiro cuarto de século están o retorno dun Donald Trump máis disposto que nunca a vingar aldraxes na Casa Branca, a inestabilidade política dunha Francia que parece cada día máis seducida pola extrema dereita, a continuación da guerra en Gaza e o inesperado e serodio fin do ciclo das primaveras árabes coa caída do réxime sirio. De fondo, por suposto, situacións que semellan crónicas, como a guerra en Ucraína, o ascenso dunha China que tamén comeza a perder folgos, a tensión entre proxectos políticos na América latina ou o desafío perenne da mudanza climática. Para comprender o mundo que vén contamos con voces expertas que o interpreten.

Abre esta sección un artigo do politólogo e xornalista David Alvarado onde percorre o planeta e os seus conflitos.

Dende os Estados Unidos, nunha completa conversa, o politólogo Pablo Beramendi analiza o trumpismo e os ecos da súa vitoria electoral.

O xornalista Miguel Rodríguez recolle, contextualiza e sintetiza as causas e discursos sobre o ascenso, constante e tenaz, da extrema dereita en Francia durante dous terzos da vida da Quinta República.

E o xornalista e correspondente de guerra Pablo Sapag concédenos unha entrevista para avaliar a fulminante caída do réxime de Al Assad e o que virá o día despois no Oriente próximo.