Na actualidade o cambio climático representa un dos maiores desafíos ambientais, sociais e económicos, cuxos efectos se poden apreciar de forma notoria nas zonas costeiras, máis aínda nun país como España que ten unha liña de costa de máis de 7.900 quilómetros. O incremento da temperatura da auga, o aumento do nivel do mar, a maior frecuencia e intensidade dos fenómenos meteorolóxicos extremos, a erosión do litoral e a perda de biodiversidade costeira e mariña son algunhas das consecuencias que se están manifestando xa en diversas rexións do país. 

No caso concreto de Galicia, a mudanza climática e a contaminación son una combinación perigosa.  

Europa é o continente que máis rápido se está quentando e, en concreto, o sur de Europa é a zona que máis se ve impactada, especialmente por calor e secas prolongadas. En España o aumento de temperatura é superior á media global e as ondas de calor están a aumentar en frecuencia, duración e intensidade. A pesar de ser coñecedores da necesidade e urxencia de tratar de reverter a situación de risco actual, a xestión do litoral non está a avanzar de forma paralela a esta realidade, acelerando como sería necesario medidas de mitigación e adaptación que reduzan a vulnerabilidade da costa e a súa poboación. 

No caso concreto de Galicia, a mudanza climática e a contaminación son una combinación perigosa. O quecemento do Atlántico repercute directamente sobre as súas costas, podendo chegar a causar furacáns e ciclóns que acaban chegando á costa con maior frecuencia e forza. Ademais o aumento da temperatura tamén xera un impacto negativo sobre sectores como a pesca xa que, entre outros, provoca o desprazamento de especies de interese pesqueiro cara a augas máis frías ao non soportar estes rangos de temperatura, tal e como ocorre coa sardiña, e causa a entrada de especies procedentes do sur, como o atún vermello, que se converteu nunha especie cuxa presencia é frecuente nas augas do norte peninsular polo aumento da temperatura do mar, pero tamén destaca o aumento das especies invasoras de algas, moluscos e crustáceos, que soportan augas con temperaturas máis cálidas. 

Pero non só a pesca se ve afectada polo cambio climático: o marisqueo está a sufrir as súas consecuencias de forma notoria. Os bivalvos ao ser especies sésiles, isto é, que non teñen capacidade para desprazarse a outros lugares con rangos de temperaturas adecuadas para as súas necesidades, co incremento da temperatura da auga pode provocar mortalidades masivas e afectar á produción de marisco. É importante ter en conta que se trata dun sector que xa de por si se atopa nunha situación precaria pola contaminación da auga e a calidade que presentan. 

Coas tendencias actuais e se non se reverte a situación, o quecemento de auga do océano Atlántico terá un gran impacto sobre algunhas especies chave nas rías galegas como é o caso do mexillón. As investigacións prognostican que, de continuar así, haberá que trasladar as bateas para evitar o estrés térmico, que se traduce en que esta especie ten un crecemento máis lento a maior temperatura e, por tanto, unha produtividade máis baixa. Ademais, o aumento de temperatura da auga poderá xerar outros impactos como que a acumulación de metais pesados coma o cadmio, o chumbo ou o cromo, se incremente nestes moluscos e, por tanto, a súa toxicidade, pondo en risco o sector da batea, moi relevante en Galicia.  

É amplamente coñecido que a Xunta non se caracteriza por publicar datos actualizados sobre as verteduras que teñen lugar nas rías galegas.  

Por outra banda, as mudanzas na salinidade da auga, provocadas polo exceso de auga doce, tamén afecta ás principais especies que se producen nas rías galegas. Un estudo amosa como a diminución da salinidade da auga mariña debida ás precipitacións extremas pode aumentar a mortaldade das ameixas babosa, xaponesa e fina. O percebe tamén se atopa en risco, sendo as áreas de Muxía e o Pindo as máis vulnerables ao cambio climático. A mudanza climática tamén está a atraer especies invasoras coma o caranguexo azul, que supón unha grave ameaza para as rías pola súa voracidade e agresividade, comprometendo a supervivencia de bivalvos e crustáeos como a nécora e a centola. Nalgúns casos, este cambio na salinidade non ocorre como consecuencia de eventos meteorolóxicos, senón pola apertura das presas con marea baixa que inundan as rías de auga doce, prexudicando tanto as especies de bivalvos como outras especies caso do polbo, onde tamén se observaron episodios de mortaldade. 

O saneamento integral das rías galegas é sen dúbida unha das grandes materias pendentes do medio ambiente en Galicia.

As rías galegas tamén se caracterizan por estaren sometidas a problemas de contaminación por verteduras, sendo un grave problema a contaminación pola mina de Touro na ría de Arousa, e a contaminación pola mina de San Fins que xera uns danos irreparables nas rías de Muros e Noia. Pero isto non é todo, ademais hai que sumar os efectos das verteduras procedentes de augas residuais, agricultura e gandería industriais, que aumentan a contaminación nas rías ao ser filtrada a auga contaminada ata as mesmas. Algunhas especias coma a ameixa fina teñen menor tolerancia aos elevados rangos de contaminación presentes na ría fronte a outras variedades de ameixa como a xaponesa, o que fai que a súa produción sexa cada vez menor.  

Ademais, é amplamente coñecido que a Xunta non se caracteriza por publicar datos actualizados sobre as verteduras que teñen lugar nas rías galegas. Augas de Galicia recoñece preto de 2.000 verteduras na costa e polo menos un 10% de contaminantes fóra dos límties legais, se ben diferentes plataformas en defensa das rías afirman que son moitas máis, sendo as rías máis castigadas as de Arousa, Vigo, Muros-Noia, Pontevedra e Ferrol. O saneamento integral das rías galegas é sen dúbida unha das grandes materias pendentes do medio ambiente en Galicia, que ademais afecta de xeito directo á pesca artesanal e á produción marisqueira, en grave crise nos últimos anos.  

Unha das medidas máis urxentes e clave para tratar de reverter esta crise é a elaboración dun plan de rexeneración dos bancos marisqueiros.

Como consecuencia dos impactos do cambio climático, agravados polos problemas de contaminación e verteduras nas rías galegas, o sector pesqueiro artesanal e o marisqueo sufriron un gran descenso. Hai 10 anos había 900 mariscadoras na Illa de Arousa e a día de hoxe estímase que só quedan 180. No caso da Ría de Arousa, en 2024 a produción de berberecho sufriu unha redución do 93% e a de ameixa fina e babosa un 86%. 

Unha das medidas máis urxentes e clave para tratar de reverter esta crise é a elaboración dun plan de rexeneración dos bancos marisqueiros que vaia acompañado dunha dotación económica que asegure a súa correcta implantación a futuro. Entre 2014 e 2021 tan só o 20% dos fondos FEMP apoiaron a pesca de pequena escala, destinando o 80% a grandes frotas que non son respectuosas co medio mariño e as persoas que viven del. Xa é hora de que os esforzos económicos se centren en apoiar á frota de baixo impacto ambiental e alto valor social e o marisqueo. 

En conclusión, os océanos e as persoas que viven deles están inmersas nunha grave crise e as autoridades deben tomar medidas canto antes para asegurar o seu futuro. Non se pode permitir que o sector morra e quedar de brazos cruzados. Para iso é esencial facer todo o posible por reverter a crise climática na que nos atopamos inmersas, e con este obxectivo a eliminación progresiva do uso de combustibles fósiles debe ser un feito. Aínda que se progresou no plano normativo, débense seguir implementando medidas que salven os mares do mundo, como o Tratado Global dos Océanos, que protexerá o 30% das augas internacionais en 2030, fronte ás explotacións industriais. Esta protección permitirá que os recursos pesqueiros e a biodiversidade en alta mar se recuperen e prosperen e, por iso, a protección nas nosas costas tamén debe ser igual de efectiva. Crear espazos protexidos até alcanzar un 30% da nosa superficie mariña protexida ben xestionada e cun 10% de zonas de protección estrita especiais para protexer os recursos pesqueiros son medidas chave para asegurar o futuro das nosas augas e do sector pesqueiro. Pero isto non abonda: tamén é esencial impedir a posta en marcha de novas industrias que aínda non existen e estamos a tempo de parar, como a minería submarina, xa que xerarían impactos irreversibles sobre os ecosistemas mariños. 

Coidar do océano a nivel global tamén é coidar o litoral, os seus hábitats, as súas especies e a explotación sustentable dos seus recursos pesqueiros e marisqueiros, que determinan en boa medida o carácter e a cultura de moitas rexións do planeta que, como é o caso de Galicia, viven intimamente ligadas ao mar e dependen da súa boa saúde. 

Marta Martín-Borregón é responsable de océanos e pesca de Greenpeace