A vivenda digna é un dereito recoñecido no artigo 47 da Constitución española, que asigna aos poderes públicos a promoción das condicións e a fixación das normas para efectivizar este dereito. Case cincuenta anos despois, a vivenda é a primeira preocupación da cidadanía en enquisas de opinión coma o CIS. Converteuse nunha das grandes fontes de desigualdade, alicerzando unha crecente fenda social que medra ao ritmo da transferencia de rendas de baixo para riba na pirámide. A expresión do problema da vivenda adopta formas e graos territorialmente diversos, unidos pola consideración desta como un ben ou activo do mercado que ignora a súa condición de elemento fundamental para unha vida digna.
Neste dossier sobre a situación da vivenda contamos con voces expertas e autorizadas para deseñar e traer á luz non só un estado da cuestión senón un percurso histórico e un exemplo de alternativas ao actual modelo de vivenda. Son os artigos dos investigadores da USC Ismael Yrigoy e Andrei Quintiá, e de Carmela Cons, portavoz da cooperativa Alvariza. Unha longa e pausada conversa co arquitecto César Portela e o urbanista Daniel Pino permite encadrar a problemática no seu contexto e percorrela a través dos seus matices e singularidades, aproveitando unha experiencia enriquecedora.
· A DIFÍCIL ARTICULACIÓN DUNHAS POLÍTICAS GARANTISTAS DE ACCESO Á VIVENDA – Ismael Yrigoy
· MIRAR O PASADO PARA DESEÑAR O FUTURO DA POLÍTICA PÚBLICA GALEGA DE VIVENDA – Andrei Quintiá
· VIVENDA EN CESIÓN DE USO. ALTERNATIVAS Á CRISE HABITACIONAL E DE COIDADOS – Carmela Cons
· CONVERSA CÉSAR PORTELA – DANIEL PINO. Á PROCURA DUNHA VIVENDA VIVÍBEL – Francisco Cortez-Lobão