Educación, neutralidade ideolóxica e guerras culturais

No pasado mes de xuño, a Consellería de Educación publicou unha resolución con instrucións que deberán ser aplicadas a partir do novo curso e que foron presentadas en comparecencia pública do propio conselleiro. Aínda que non é o único punto que merecería unha reflexión (por caso, tamén as disposicións 3ª e 4ª sobre o reforzamento da autoridade do profesorado e da dirección dos centros animan a dicir algo), sen dúbida foi a disposición 5ª sobre o control das actividades complementarias a que acendeu as alarmas nos claustros, os representantes sindicais e unha parte da comunidade educativa. Chamou a atención que se considerase necesario salientar que estas actividades deban figurar no PXA (Plan Xeral de Actividades dos centros) e estar suxeitas aos “principios constitucionais”, dado que iso xa acontecía antes. A innovación estaba na apostila “garantindo a neutralidade ideolóxica”. Como interpretar isto? Acaso a Constitución non establece a liberdade de cátedra (art. 20.1.c) e o pluralismo ideolóxico (art. 16)? En que consiste esa “neutralidade ideolóxica”, que se precisa protexer precisamente hoxe e que non sería contraditoria cos principios constitucionais? 

Como non ver nisto un sinal máis desa deriva do PP cara á adopción da axenda de Vox, desmentindo a pretensión de centralidade política da que o PP adoita presumir?  

Obviamente á mente de calquera tiñan que vir intervencións análogas que se están producindo no contexto da violenta “guerra cultural” que as forzas de dereita e ultradereita están promovendo a un e outro lado do atlántico. Como non pensar na persecución á que o goberno Trump está sometendo a profesorado e alumnado nos claustros universitarios USA por opoñerse ao xenocidio israelí en Gaza? Como non sospeitar que a Xunta presidida por Rueda pretende emulalo prohibindo as bandeiras palestinas e os actos solidarios que nalgúns centros de ensino se teñen feito? Como non ver nisto un sinal máis desa deriva do PP cara á adopción da axenda de Vox, desmentindo a pretensión de centralidade política da que o PP adoita presumir? Máxime cando, de paso, tamén se pode procurar aí unha xustificación para impedir que nos centros de ensino se debata sobre o tema ALTRI e, en xeral, sobre calquera cousa que moleste ao goberno. Isto é, a “neutralidade” como forma nova e eufemística de dicir simplemente censura ideolóxica. E, de por riba, enfeitizándoo cunha alusión ao “pensamento crítico” que non se ve como encaixa nunha instrución que, encomendando á inspección labores de control ideolóxico que mal se acomodan coa súa función institucional, semella máis ben dirixida a intimidar o exercicio crítico por parte dos axentes educativos ca non a promovelo. 

Mais tamén cabe lembrar que a dereita española ten detrás unha longa historia de resistencia, no eido das políticas educativas, ao recoñecemento do pluralismo democrático, que é un dos pesos mortos que lastra todos os intentos de construír o desexado pacto de Estado en materia educativa. Lémbrese en particular o tenso debate arredor da introdución da materia Educación para a Cidadanía, onde tamén unha equívoca e moi cuestionable “neutralidade ideolóxica” ocupou o centro dos debates. Pódese repetir hoxe o que foi dito daquela: que a aceptación e promoción dos valores democráticos implican xa de por si unha opción política. Non pode haber neutralidade ideolóxica cando se trata de defender a democracia e os dereitos humanos. A neutralidade ideolóxica diante da catástrofe humanitaria de Gaza é antidemocrática complicidade cun goberno xenocida. 

U-la política educativa da Xunta de Galicia? 

O pasado curso, o Plan MEGA foi lanzado con profusión de frases auto-encomiásticas (“un paso de xigante cara á educación do futuro”, o curso 24-25 sería “o curso máis ambicioso da historia”). Entre as promesas coas que xustificaban tales ditirambos estaba a oferta de 400 docentes adicionais que garantirían a cobertura das necesidades de todos os centros galegos de ensino non universitario, a partir dunha “análise exhaustiva” da situación de cada un deses centros. Un séntese tentado de constatar certo fallo nesa enfática promesa cando en xullo deste ano o equipo directivo do IES Valadares de Vigo dimitiu en bloque en protesta porque, malia todos os escritos e informes presentados ás autoridades educativas, se lles nega un docente para o vindeiro curso que consideran “absolutamente necesario”. E non se trata dun caso illado. Mais non vou eu aquí avaliar se pretensións tan elevadas se teñen cumprido. Ao contrario, dado que o tal Plan se presenta estruturado en catro anos, é xusto que agardemos ese prazo para avaliar os resultados aínda que simultaneamente non está de máis recomendar á Xunta que non se poña medallas antes de probar os méritos. 

Mais, cales son as liñas estratéxicas que dirixen a política educativa que promove a Consellería de Educación a través dos múltiples plans que enchen a pantalla da súa web (Plan Integral contra o acoso e ciberacoso, Programa IGNICIA de Transferencia de Coñecemento, Plan de Orientación Integral de Galicia …)? Non é doado identificalas para alén de determinados movementos reactivos que parecen responder, ben a directivas da EU (así a atención á transformación dixital ou determinadas iniciativas que pretenden seguir o Plan STEM de educación científica e técnica), ben aos resultados dos Informe PISA, ben a eventos externos ao eido educativo, como foi no seu momento a pandemia. Respecto de PISA, como Galicia quedou ben parada en equidade e inclusión (un eido no que os resultados españois adoitan ser máis favorables), no mesmo Plan MEGA non se perde a ocasión de proclamar que Galicia é “líder en igualdade de oportunidades”, e como os resultados non foron bos en lectura e cálculo matemático, lánzase un programa de reforzo da competencia lectora e outro de competencia matemática. 

A pandemia da covid, ademais de forzar un recurso ás aulas virtuais para o que o sistema non estaba preparado (o que nos leva á cuestión da dixitalización, á que se lle dedica toda a atención no artigo de Esther Martínez e na entrevista con Suso Rodríguez), colocou nun primeiro plano os problemas de benestar, atención á diversidade e saúde mental da infancia e adolescencia. Algo que supón un notorio avance fronte ao silencio ou mesmo aberto menosprezo que adoitaba rodear estes aspectos ata entón. Pero, unha vez máis, é difícil identificar o sentido dos pasos que se están a dar para alén da irrupción nos programas de formación de profesorado de cursos de mindfulness ou educación emocional que semellan responder máis a un mantra oportunista ca a unha estratexia definida. 

A formación do profesorado debería ser un eixo esencial en todo programa de transformación das prácticas escolares.  

A formación do profesorado 

A formación do profesorado debería ser un eixo esencial en todo programa de transformación das prácticas escolares. Mais o que se observa, seguindo a executoria dos programas oficiais, desde os vellos Centros de Recursos ata o actual CAFI, é un progresivo retroceso no deseño de cursos centralizados para delegar a maior parte, ben nas iniciativas do propio profesorado dos centros, ben nas de centros ou organismos privados. Unha cuestión esta última, a da privatización, que parece, este si, un dos eixos estratéxicos da política educativa da Xunta que coidadosamente se omite nos discursos oficiais e ao que neste intre non imos poder dedicar a atención debida. 

Non cabe obxección a conceder autonomía aos centros e docentes nas decisións sobre aqueles aspectos respecto dos cales perciben carencias formativas e, en consecuencia, a súa participación no deseño de cursos dirixidos a corrixilas. Pero, que é o que pode quedar esquecido ou marxinado nesta delegación das decisións en formación do profesorado? En especial nas ensinanzas secundarias, onde na formación inicial da maioría do profesorado as competencias didácticas non estiveron presentes (e é discutible que o Máster universitario posto en marcha a partir do ano 2008 teña resolto esta carencia), é difícil discutir que a formación e a investigación crítica sobre as didácticas especiais de áreas e materias (de ciencias sociais, de filosofía, de lingua e literatura, de matemáticas, de física e química …) debería ocupar un lugar sobranceiro nas ofertas de formación. Porén, é ben doado constatar a súa progresiva desaparición nos últimos anos, cando desde os órganos da Consellería se tendeu a delegar nunha suposta autonomía dos centros e na iniciativa do profesorado as decisión sobre os cursos a impartir. 

Mentres, os programas de promoción das aulas en portugués, como o recente de Escolas de Fronteiras, avanza timidamente, sen que pareza que se atopa dentro das prioridades da Consellería.

Tomemos a cuestión do eido lingüístico. Semella claro que a Xunta ten feito bandeira do plurilingüismo, cunha priorización notoria do inglés. Paralelamente é difícil restarlle responsabilidade ás decisións educativas neste ámbito verbo do retroceso que investigacións recentes teñen detectado no uso e dominio da lingua galega nas xeracións novas. Mentres, os programas de promoción das aulas en portugués, como o recente de Escolas de Fronteiras, avanza timidamente, sen que pareza que se atopa dentro das prioridades da Consellería. Mesmo no caso do promocionado plurilingüismo, faltan avaliacións que acrediten os resultados que se van acadando. 

Das escolas rurais ás bibliotecas escolares 

Dadas as características específicas do noso territorio e a distribución poboacional, a problemática das escolas rurais debería constituír un eixo sobranceiro no deseño das políticas educativas. Non parece ser o caso. Máis ben semella que se aplican de xeito indiferenciado, sexa ao ámbito urbano ou ao rural, modelos estandarizados que foron pensados para o primeiro. Programas como o Plan Proxecta ou os Polos Creativos responden a unha perspectiva urbana e non contemplan adaptacións que favorezan a súa aplicación ás condicións particulares do rural. Docentes cunha longa traxectoria de traballo en escolas rurais salientan que é preciso repensar o modelo educativo das escolas rurais, para o cal sería indispensable potenciar a colaboración coas entidades locais de cara a frear o actual proceso de desmantelamento do rural. A desaparición progresiva das escolas unitarias e os CRA (Colexios Rurais Agrupados) non é independente da potenciación de políticas destinadas a fixar poboación nas localidades rurais, para o cal é indispensable dotalas de servizos (entre os cales a escola) e non, como leva acontecendo desde hai tempo, privalas deles. 

Como isto se vai asemellando a un cahier de doléances, se cadra non estaría de máis amosar que tamén hai espazos onde as cousas se fan ben. 20 anos veñen de cumprirse do lanzamento do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares, que afortunadamente mereceu o sostén de gobernos de distintas cores (foi posto en marcha por un goberno Fraga, mantido polo bipartito e ata o de agora referendado polos gobernos de Feijoo e Rueda), un caso insólito nestes tempos nos que parece que nada do que faga un partido no goberno pode estar ben e xaora o partido na oposición se sinte obrigado a tiralo abaixo cando accede a gobernar. Seguro que tamén aí hai cousas que mellorar pero o que interesa constatar é que se trata dun programa que desde os seus inicios contou cuns obxectivos ben definidos, unha boa adecuación entre os medios dispoñibles e as actividades a desenvolver, unha avaliación periódica e constante dos resultados obtidos e, last but not least, a dirección dun pequeno equipo competente e independente das presións continxentes dos cambiantes intereses partidistas. Se cadra, velaí ten a administración un espello onde mirar na procura desa mellora que algúns non acabamos de atopar na política educativa do actual goberno galego. 

(O autor quere agradecer as informacións que lle foron proporcionadas por Manolo Bragado, Camino Pereira, Xosé Ramos e Pilar Sampedro. Por suposto, as afirmacións e valoracións desenvolvidas no artigo son da exclusiva responsabilidade do autor).