A dixitalización analóxica do sistema educativo galego

| Dossier | A dixitalización do ensino

O ensino en Galicia atópase nunha nova encrucillada. A Xunta de Galicia pisa o acelerador da dixitalización sen acadar o consenso coas familias nin o apoio das e dos profesionais do sistema, que identifican unha visión paradoxalmente conservadora do Goberno galego nun ámbito que debera ser exemplo de innovación. No canto de aproveitar as ferramentas dixitais para desenvolver un sistema pedagóxico adaptado aos tempos, enléase na perpetuación do modelo memorístico e do libro de texto, desta volta, renunciando ao papel.  

Simultaneamente, a Xunta de Galicia toma partido nas guerras culturais que percorren o mundo educativo, pero faino cunha evidente pulsión reaccionaria que, baixo a etiqueta da “neutralidade ideolóxica”, furta á mocidade do dereito a adquirir unha visión ampla, diversa e autónoma do mundo que habita e habitará, promovendo unha nova forma de censura e pacificando, en definitiva, os debates nas aulas coa paz silenciosa dos cemiterios.   

Mergullamos na realidade das mudanzas no sistema educativo e desta dixitalización analóxica da man dos profesores Miguel Vázquez Freire e Esther Martínez Piñeiro, con senllos artigos sobre este tema, e coa entrevista a Xesús Rodríguez da Nova Escola Galega onde destacan as 16 medidas para mellorar a dixitalización das aulas que propoñen o grupo Cavila da Nova Escola Galega xuntamente co proxecto de investigación de Secundar@ Dixit@l 

· Educación, neutralidade e guerras culturais – Miguel Vázquez Freire
· Repensando o modelo de dixitalización do ensino– Esther Martínez Piñeiro
· ENTREVISTA / Xesús Rodríguez, Nova Escola Galega: “En última instancia, a dixitalización debe estar ao servizo da educación e non ao revés– Miguel Vázquez Freire