Mércores 27, Outubro 2021
HomeDestacadasXORNALISMO CANALLA

XORNALISMO CANALLA

por Luís Álvarez Pousa

As coberturas informativas sobre catástrofes, como a que vén de provocar o volcán palmeño, destacan máis pola rapidez en describir unha realidade devastada que polo tratamento contextualizador que busca desvelar e dar a coñecer as entrañas dese fenómeno destrutivo. A prensa escrita sempre cae inicialmente na trampa simplificadora, tentando competir en alardes estéticos (propios do xornalismo amarelista) cos empregados vantaxosamente polos medios audiovisuais, pero é quen de retomar co paso dos días un certo pouso reflexivo. Non sucede o mesmo cos seus máis inmediatos e poderosos rivais no mercado da información.

No tempo da televisión e das multipantallas, esa maneira de facer vólvese abrasiva. Queima todo o que no acontecemento estorba a súa conformación estética —neste caso, a espectacularidade das linguas incandescentes vomitando lava a moita altura—, a costa de desactivar a capacidade interpretativa coa que un medio de comunicación responsable é quen de reducir os altísimos niveis de incerteza, medo e angustia que sufre a poboación directamente afectada.

O que observamos nos primeiros días da cobertura constatou esa perversión mediática. En nada desmereceron as televisións e os seus comunicadores/estrela —con ou sen caché de telexornal— a frivolidade coa que a ministra Maroto resaltou a beleza explosiva de tanta furia acumulada. Morderon o cebo e deixáronse cazar polo xornalismo canalla, aquel que se refocila na perturbadora obsesión polo mal e na maneira ficcionada de narralo. Competindo entón as embaixadas televisivo/madrileñas no quen dá máis con técnicas inmersivas/ obstrutivas —por caso, un Pedro Piqueras dramatizando micrófono en man o seu encontro físico coa lava— e tamén con técnicas invasivas —poñendo a remollo, sen filtro algún, a intimidade e a dor dos damnificados—.

A envoltura estética do tráxico como gancho para atrapar audiencias. Por moito que tentaran saírse dese encenagado modelo informativo botando man a posteriori de vulcanólogos e expertos (reais uns, aparentes outros), non conseguiron borrar os efectos distorsionadores dese desmadrado desembarco inicial. Entre outras cousas porque, a diferenza da pública RTVE, esa perversa maneira de achegarse á traxedia proseguiu ininterrumpidamente activada nos platós do duopolio televisivo español, en programas de entretemento, pseudoinformativos e do corazón.

Unha tan grande acumulación de imaxes, ruidos, angustiosas testemuñas, emocións e sentimentos non pode senón saturar a capacidade de procesamento cognitivo que posuímos os receptores. Con esa capacidade atrofiada, a comunicación (ese poñer en común a verdadeira dimensión social, política e económica do drama palmeño) faise imposible. Poderán os expulsados de casas e facendas sedar as penas, pero a costa de manter en estado agónico a incerteza, o medo e a angustia que os consume. Todo un éxito do xornalismo encanallado.


 

Novidades