por Luís Álvarez Pousa
Cantos coñecemos de vello a súa incontinencia manipuladora, que tantos éxitos lle dera en Galicia, non nos sorprendeu a descarada utilización que Núñez Feijóo fixo da técnica Gish gallop, un bombardeo retórico que ten como obxectivo esmagar ao contrincante a través da mentira. Neste caso, a Pedro Sánchez, no único debate televisivo ao que accedeu en campaña. Saíu victorioso do trance, no que Atresmedia puxo todo ao seu favor, incumprindo os dous moderadores o seu deber profesional, e ético, de frealo en defensa do dereito á verdade que posúen as audiencias. En periodo electoral, con maior razón. Como tampouco nos sorprendeu escoitarlle dicir días despois, en Barcelona: “ Quero gañar para que a verdade venza a mentira, pois cando a mentira lle gaña á verdade, fracasas automaticamente desde o punto de vista político, social, institucional e persoal”. Porque nos seus 13 destrutivos anos de reinado entre nós demostrou ata a saciedade que, aparte de mentiroso, manipulador e un pésimo xestor, é un cínico sen escrúpulos.
Iso si. As urnas refrendaron por unha vez na súa vida pública esa lúcida sentenza: ao balcón de Génova, a sede que o PP rehabilitou con cartos da trama Gürtel, non asomou o novo inquilino da Moncloa, senón un demacrado personaxe que máis de media España identificaba nesa noite co sobrenome Fakejóo. Fracasado nese seu ambicionado obxectivo monclovita, o que os demócratas teriamos que estar celebrando agora, máis alá do que en primeira instancia comporta para a saúde democrática e as liberdades que se lle puxese freo aos neofranquistas de Vox, é o triunfo da verdade sobre a mentira.
Eu diría máis. Non foi casualidade que na segunda semana da campaña electoral reaparecese a secuencia gráfica que, no 2013, constatou a camaradería do agora candidato á presidencia do goberno de España co coñecido contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado. Que contribuise a ese merecido fracaso (e Feijóo teríao que admitir aplicándose a si mesmo a teoría exposta na súa xa citada proclama catalana) conleva tamén que ese periodo de indignidade política teña á fin, aínda que sexa moitos anos despois, a sanción democrática que merece. A escandaleira inicial que provocou esa tóxica relación entre un relevante cargo político e un delincuente social durou apenas uns días no xornal El País, o receptor e divulgador dese revelador dossier fotográfico. Nada nos demais medios da competencia. Incluídos os públicos, nos que M. Rajoy tiña de novo mando en praza. Como se pillar in fraganti a un servidor público da periferia saltándose todos os protocolos de prevención institucional, e saltándose ademais as obrigas inherentes ás competencias sociosanitarias que tiña asignadas, non tivese o peso suficiente, e non pasase por iso de ser peza de caza menor.
En calquera país de tradición democrática sería causa de inmediata inhabilitación. Aquí non. Nas coordenadas políticas do momento en que se soubo do affaire, Feijóo era un puntal ao servizo das políticas austericidas que o goberno central asumía ao pé da letra, sen por iso deixar de auxiliar a banqueiros e macroempresas tan especulativas como as eléctricas. Chegara dous anos antes á presidencia da Xunta mediante unha operación de embarramento, falsidades e mentiras contra o bipartito de Touriño/Quintana, cunha estratexia semellante á que vén de personalizar, nesta ocasión sen límites, contra o bipartito de Sánchez/Díaz. A elo contribuira precisamente o manto de silencio co que os medios do país -todas as cabeceiras da prensa diaria e os audiovisuais públicos- taparon o escándalo.
De non ser polas redes sociais, que aínda agora seguen amosando e recreando con evidente carga política a foto do iate co narco Dorado e un bronceado Feijóo ao mando, a maior parte dos galegos pensaría que o desa relación tan extraña non era se non unha montaxe de mala fe en plena campaña electoral. Porque nin esa nin as demais fotos do álbum que testimonia días de ocio, viaxes e navegación en alegre e produtiva compañía, entraron nunca nas escaletas dunta TVG que o político mantivo secuestrada e maniatada ata a náusea, e tampouco nas páxinas do xornal máis influinte, La Voz de Galicia. Nin unha soa liña lle dedicaron os seus editorialistas, tan susceptibles eles a todo canto degrada desde ámbitos non conservadores a vida pública e a democracia. Con algún despiste de por medio, tampouco as demais cabeceiras do uniformado sistema de medios puxeron o grito no ceo por esa mostra de pornografía política, como era o seu deber. E iso por que?
Digo eu que algo terían que ver os 45 millóns de euros que segundo diversos estudos conforman o monto de diñeiro público que Feijóo repartiu entre as empresas de comunicación mentres presidiu o goberno de Galicia. Demostrando por certo que é un experto nas prácticas corruptas coas que os seus padriños na escalada do poder, Fraga Iribarne e o opusino Romay Beccaría, garantían estar a salvo de calquera posible contratempo. Unha compravenda de información en toda regra. Cun premio a maiores para os empresarios deses medios: o da publicidade institucional. Para que vostedes valoren o regalo, só aportarei o dato que se vén de coñecer: a Xunta é a segunda das marcas que máis diñeiro inviste en publicidade de medios, por diante de El Corte Inglés ou Movistar, entre outras. Cinco millóns de euros no 2022. Multiplíqueno por trece, e acertarán.
Velaí en boa medida o milagre das catro maiorías absolutas. Que os medios do duopolio audiovisual, e o oitenta por cento das empresas españolas de comunicación que se amotinaron con Feijóo ao grito de “Sánchez o España”, utilizaran ese argumentario para branquear ese seu imborrable pasado cun delincuente social -condenado en firme pola súa vinculación co narcotráfico-, é dunha indecencia absoluta. O candidato que teima, desesperado, en que o sanchismo que combateu de maneira tan falsa como vil apeitugue e permita a elección dun goberno Drácula, que máis de media España repudiou nas urnas, mentiu desde o primeiro día en sede parlamentaria asegurando descoñecer o que todos sabiamos das andanzas de Marcial Dorado. Con verdadeira felonía, porque mentres el gozaba -seguramente a cambio dos contratos que oportunamente se perderon ao inundarse o almacén no que estaban depositados- dos praceres dunha amizade tan tórrida, as nais de Érguete choraban a morte por sobredose dos seus fillos e esixían a detención dos que a provocaban.
Que máis pode xustificar a inhabilitación dun político con esa carga de indignidade, cinismo, falsidade e manipulación na mochila? É por iso unha auténtica anomalía a súa condición de candidato á presidencia do goberno do Estado. As urnas do 23X fixeron xustiza.