Texto Carlos Montenegro
Boaventura de Souza é un dos intelectuais de maior prestixio que nos últimos anos se ten manifestado a prol de poñerlles freo ás consecuencias máis negativas que comporta a revolución dixital. No artigo “Brasil: as democracias tamén morren democraticamente”, pon o acento precisamente na porta de entrada que para os grupos ultras, de extrema dereita ou neofastistas, representan ferramentas dixitais como as redes de robots e de perfís automatizados que, nun proceso electoral aberto, difunden entre millóns de persoas noticias falsas (fake news) e comentarios a favor ou en contra dun determinado candidato, convertendo os temas da súa axenda en artificialmente populares, grazas en boa medida aos algoritmos. Esta outra ferramenta permite retroalimentar e ampliar a divulgación dos temas que están en voga nas redes, sen teren capacidade para distinguir entre o verdadeiro e o falso. O efecto de toda esa estratexia intoxicadora é tanto máis destrutiva canto máis vulnerable sexa a poboación á que vai dirixida, dependendo do grao de cultura política que posúan os seus cidadáns.
Para Cathy O’Neil, investigadora en computación, os big data (sistemas que manexan grandes conxuntos de datos) e os algoritmos son armas de destrución matemática das democracias. As aplicacións interactivas, plataformas de redes sociais, telefonía móbil e intelixencia artificial colectan cada día millóns de datos persoais, e dominan cada vez máis a vida da xente. Algúns chámanlle a isto totalitarismo 2.0 : o cidadán depende das redes de servizos para case todas as súas operacións vitais, é obxecto dun espionaxe cibernético permanente, e crea a súa idea do mundo na burbulla perceptual do sistema. O poder pode aspirar a un control total da súa vida, e valéndose da manipulación, a chantaxe ou o crime contra persoas influentes, ese control alcanza a sociedade no seu conxunto.
A xuízo do experto José Mª Espona (“Totalitarismo tecnológico versión 2.0”), estaríase configurando unha ditadura electrónica sen precedentes. Porque o sistema político estaría sendo controlado cada vez máis por unha minoría que é capaz de manipular a mecánica dos partidos políticos e a dos grandes medios de comunicación, de cambiar a lexislación e de utilizar o propio aparato do Estado de Dereito. Pola súa banda, Jaime Bartllet (“El pueblo versus tecnología: cómo Internet está matando la democracia”) chega á conclusión de que, se a política non impón a súa autoridade sobre o mundo dixital, a tecnoloxía destruirá a democracia e a orde social tal como a coñecemos.
Redes sociais sen regulación: do eco ao fraude 2.0
Polo de agora, a política non reaccionou con decisións normativas ou reguladoras a ese grito de alarma. Limitouse como moito a tímidas iniciativas ou a promesas a futuro por parte dalgúns gobernos democráticos. Pese a quedar de manifesto na vida política de diferentes países, a este lado e ao outro do Atlántico, que é precisamente nas democracias avanzadas (as máis tecnificadas e dixitalizadas) onde as fak news (noticias falsas) maior influencia tiveron á hora de elixiren os cidadáns aos seus correspondentes mandatarios. Padeceuno Angela
Merkel nas eleccións do 2016 en Alemaña, cando o seu partido Unión Demócrata Cristiá (UDC) sufriu unha dura derrota. “Ultimamente vivimos tempos posfactuais. E iso significa que a xente xa non se interesa polos feitos, senón polos sentimentos”, declarou a presidenta na mesma noite electoral na que a campaña da ultradereita contra a política de acollida de inmigrantes lle pasou factura. O termo posfactual, ou tamén post-truth, traducírono como posverdade, e con esa denominación entrou como palabra do ano no Diccionario de Oxford. Un ano despois, a palabra que elixiu o citado dicionario xa foi moito menos filosófica e moito máis ameazante: fake news.
Son os movementos ultras e grupos ou partidos de ideario neofascista os que, por non teren ata o de agora fácil acollida para as súas campañas nos medios de comunicación convencionais, máis se aproveitan das ferramentas dixitais e das redes sociais, a través das cales son quen de seducir vontades valéndose de mensaxes contra-hexemónicas ás dos medios de comunicación influentes. Se a estes últimos os lexitima a busca da verdade, a función que veu alimentando con narrativas hexemónicas a opinión pública (os feitos como fonte de información, a obxectividade e imparcialidade á hora de abordalos, interpretalos e valoralos, a súa comunicabilidade ao narralos e difundilos altamente contextualizados), non sucede o mesmo coas redes de Internet, que non están sometidas en absoluto a filtros de veracidade.
O sistema político está sendo controlado cada vez máis por unha minoría de programadores dixitais que é capaz de manipular a mecánica dos partidos políticos e a dos grandes medios de comunicación, de cambiar a lexislación e de utilizar o propio aparato do Estado de Dereito.
Non son os feitos, senón os sentimentos e a necesidade biolóxica que temos de sentírmonos seguros o que eses movementos de extrema dereita, e grupos abertamente neofascistas, teñen en conta cando se propoñen gañar adeptos a través das redes sociais, co obxetivo de ocupar cos seus votos as institucións e desde dentro delas baleirar de contidos a democracia. Golpes de estado non cruentos para cambiar radicalmente o sistema político e materializar unha ditadura sen que formalmente o pareza. As súas narrativas ou o seu relato (o que despreza a multiculturalidade e alimenta o odio ao diferente, o que ataca as políticas de xénero e dá alas ao machismo, o que nega a diversidade familiar e promove a homofobia, o que vai contra a aconfesionalidade do Estado, o do patriotismo excluínte de bandeira, o do antieuropeísmo…) basculan sobre o magma da indignación existente pola inseguridade que propiciaron as políticas neoliberais coas que o capitalismo financeiro, causante da crise económica e indirectamente das crises política e social que aquela comportou, se curou en saúde. Velaí a clave que explica en boa medida o seu éxito. Como se está vendo en Gran Bretaña, nalgúns países nórdicos, en Hungría e Polonia, en Italia, Francia e, a partir do pasado 21-D, tamén no sur de España. Máis alá de nós, nos EUA e en Brasil.
Ata o punto de que os grupos de perfil claramente democrático caen na tentación de aceptar como estratexia de confrontación cos non democráticos a viralidade temática que, con verdadeira incontinencia falseadora, non é outra cousa que a maneira que teñen estes últimos de marcar a axenda (máis instintiva, cargada de prexuízos e simplificadora da problemática que está na cerna da inseguridade social, que informativa) valéndose das ferramentas electrónicas coas que controlan as redes sociais. Outro tanto lles sucede aos medios de comunicación tradicionais, que sobreviven malamente nese puxilato diario ao que se entregan para afrontar a crise e o desgaste que sofren ao teren que competir coas múltiples e alternativas maneiras de consumo informativo que permite a dixitalización.
Xa que logo, quen parece que vai gañando a partida é a tecnoloxía. O que se veu constatando, sobre todo nos últimos dez anos, é que en momentos de alta tensión política, e de maneira especialmente intensa en períodos electorais, sociedades enteiras acaban sendo capturadas por unha sofisticada coordinación de dispositivos tecnolóxicos que manexa un puñado de programadores co obxectivo de actuar sobre os seus respectivos sistemas políticos controlando, e manipulando, a opinión pública a favor dun determinado partido ou candidato. Hai teóricos que falan por iso da existencia do que denominan fraude 2.0.