Domingo 24, Setembro 2023
HomeDestacadasSOS no Reino de España. A negra sombra galega de Feijóo

SOS no Reino de España. A negra sombra galega de Feijóo

Contra o que interesadamente afirman os comunicadores ideoloxicamente afíns da capital de España, o candidato das dereitas económicas, sociais, mediáticas e xudiciais, Alberto Núñez Feijóo, tamén ten hemeroteca da que botar man cando se trata de confrontar a súa idoneidade e a do candidato progresista Pedro Sánchez para ocupar a presidencia do Reino de España despois do vindeiro 23X. E tamén contra o que din eses mesmos comunicadores, que teñen programas de grandes audiencias nos principais medios que teñen influencia en todo o Estado, a herdanza que deixou en Galicia non é a dun gran xestor. Os datos -extraídos todos eles da Memoria oficial- que aporta neste artigo o profesor e analista económico Albino Prada déixano unha vez máis (aínda que non os teñan en conta en Madrid) ao descoberto: son, aparte das fotos que o retrataron compartindo días de ocio e camaradería co narco Marcial Dorado, a negra sombra galega que o persegue e perseguirá sempre.

por Albino Prada

Dende un punto de vista social global, débese subliñar sobre a herdanza na xestión da Xunta de Galicia por parte de Núñez Feijóo o seguinte[1]:

* A perda de poboación, o envellecemento da mesma así como a concentración nunha parte do territorio, continúan sendo as principais características demográficas en Galicia.

* Segundo os datos da Comisión Europea, nos últimos anos Galicia perde posicións tanto no conxunto da Unión Europea como respecto do resto das CC.AA.

* A taxa de actividade sitúase en Galicia no 52,9%, por debaixo da media estatal (58,6%), e non supera o penúltimo posto entre todas as Comunidades Autónomas.

* O elevado peche de explotacións agrogandeiras afonda na xa preocupante situación do rural galego. A redución do número de explotacións gandeiras, especialmente as de bovino de carne que se reduciron en máis de 10.000 en tan só un ano.

* A evolución do sector industrial galego caracterízase por unha perda de emprego no período comprendido entre os anos 2008 e 2022 de 40.000 empregos.

Como queira que a Xunta de Galicia xestiona os servizos públicos sanitarios, é preciso tomar boa nota de que:

*  A atención primaria representa o 30,3 % do orzamento consolidado de gasto sanitario, lonxe do peso relativo do ano 2008, que ascendía ao 37,8 %. O CES alerta sobre a perda de calidade da atención primaria nos centros de zonas rurais, e demanda ao Goberno que aporte os recursos necesarios para atender á poboación.

* O tempo medio de espera dos centros do Sergas foi de 75,4 días en 2022 (antes da pandemia reducírase a 53,9 días), de máis de 91 días de agarda para a realización dunha proba radiolóxica, ou máis de 76 días no caso de patoloxías de prioridade 2.

* As listas de espera de consultas externas, nos hospitais do Sergas no ano 2022, nas especialidades máis relacionadas cas enfermidades mentais se situaron en Neuroloxía en 59,1 días e en Psiquiatría en 50,4 días.

Dado que a protección social é unha competencia básica da Xunta de Galicia, é conveniente ter en conta que:

* Ante o envellecemento da poboación, faise necesario un aumento na dotación de  prazas públicas de residencias, e prazas especializadas para maiores con problemas de saúde mental, co fin de garantirlles o acceso sobre todo ás persoas usuarias de menos recursos que precisen este servizo.

* Excesivos prazos para obter o recoñecemento da situación de dependencia, arredor dun ano desde a solicitude, e polo número de persoas cunha valoración positiva para acceder ás prestacións que non están a ser atendidas (3.271 en 2022)

* A taxa de risco de pobreza ou exclusión social (Estratexia Europa 2020) ofrece uns datos altamente preocupantes ao desagregar a taxa por idades, sendo a poboación entre 16 a 24 anos a que presenta a taxa de pobreza máis elevada  de todos os grupos de idade, acadando un 25,6%.


[1] Citas textuais (sempre en cursivas) da Memoria Anual do Consello Económico e Social de Galicia (2022)


Albino Prada é catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e membro do Consello Científico de ATACC España.