por Manuel Martín
A epidemia do coronavirus, ademais dunha ameaza para a saúde da poboación de consecuencias aínda descoñecidas que ten suscitado unha enorme alarma e preocupación social, transformou o Estado nun campo de batalla política no que o Partido Popular, Vox e outros partidos da dereita están a utilizar todas as armas posibles para desgastar a xestión do Goberno.
Nesta confrontación súa utilizan argumentos como a falta de material sanitario, máscaras, traxes de protección, ou atrasos nas compras das mesmas, aínda que este problema afecta á gran maioría das administracións autonómicas que teñen transferida a sanidade, independentemente da súa orientación política. Todo vale nesta guerra desatada polos partidos máis reaccionarios mentres a poboación e o persoal sanitario están cada vez máis alarmados e medorentos pola súa saúde.
En Galicia, Nuñez Feijóo mantén un pulso co goberno central ao que acusa de non proporcionar os recursos necesarios para afrontar a pandemia, anuncia a utilización de hoteis para o tratamento de afectados e mostra o seu apoio ao persoal dos centros sanitarios na súa loita contra o virus.
Esta actitude contrasta coa política sanitaria que o seu goberno desenvolveu nos últimos dez anos que estivo baseada en:
1.- Reducir gasto sanitario público recortando o orzamento do SERGAS, o número de profesionais e desmantelando e pechando camas en hospitais públicos comarcais e xerais. Pódese estimar, pese ao segredo da Conselleria de Sanidade, uns recortes de mil millóns de euros, 450 camas hospitalarias, 513 prazas de persoal médico, 184 de enfermaría e 1.121 de persoal non sanitario. Paralelamente, durante este período acometeuse o desmantelamento da Atención Primaria á que reduciu o seu orzamento (12% do total) e os seus recursos, abandonando o traballo en equipo necesario para garantir as actividades de promoción, prevención, rehabilitación e traballo comunitario. Doutra banda, Núñez Feijóo apostou, a pesar das protestas cidadás, pola colaboración público-privada para construír novos hospitais a pesar do seu elevado custo. Como consecuencia desta decisión política o Hospital Cunqueiro quedou en mans de fondos de voitre, construtoras e bancos que reduciron nun 30% os recursos proxectados e suprimiron 400 camas para facer o contrato máis lucrativo á concesionaria.
2.- Ceder a empresas multinacionais mediante contratas os instrumentos necesarios para a planificación do sistema. A Plataforma Electrónica Vortal Connecting Bussines, participada por Microsoft, Telefónica e Indra, xestiona a teleasistencia, a receita electrónica e a historia clínica. Feijóo puxo a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en mans das chamadas Fundacións Hospitalarias, que están en boa parte controladas por laboratorios, multinacionais sanitarias, banca e fondos de investimento. É dicir, toda a intelixencia do sistema esta xa en mans privadas. A estratexia de investigación sanitaria en Galicia esta controlada por empresas multinacionais ás que lles interesa investigar como introducir medicamentos custosos e sofisticados ou probar aparellos cardíacos (como MEDTRONIC), en detrimento da saúde pública. Non é de estrañar que con estes recortes e privatizacións un dos dous asesores do Goberno galego comentase recentemente na cadea SER que se están contando mal as persoas contaxiadas, cuxo número podería ser 10 veces superior.
3.- Privatizar unha parte substancial da asistencia sanitaria mediante concertos con hospitais privados controlados polos grandes grupos hospitalarios Quirón, HM Hospitais ou a farmacéutica Almirall, que xa prestan o 25% da asistencia sanitaria. Reducir camas do sector público e potenciar a concertación privada supón un grave risco para a asistencia aos pacientes afectados (cuio número aumenta en Galicia) xa que nalgunhas comunidades os hospitais privados son remisos a atender pacientes con coronavirus, reducen as súas plantillas para abaratar custos e cobran prezos elevados por atender aos pacientes (segundo a rede de hospitais privados, a factura por atender pacientes derivados desde a sanidade pública pode supoñer entre 250 euros/día de hospitalización e entre 650 e 700 euros/día en UCI). Conviría lembrar, antes de que a epidemia se estenda por Galicia, que na Comunidade de Madrid os hospitais públicos están desbordados mentres dous terzos das camas da privada seguen sen utilizarse para combatela.
4.- O abandono, a falta de persoal e equipamento, as trabas para solicitar probas diagnosticas e o escaso desenvolvemento dos equipos minguaron a capacidade da Atención Primaria para desenvolver as medidas de promoción, prevención, información e educación sanitaria da poboación para combater eficazmente a epidemia. Agora proponse pechar centros de saúde, non se sabe ben por que, dado que estas medidas deteriorarán aínda máis a Atención Primaria ao reducir os profesionais e centros de saúde máis próximos á poboación, necesarios para filtrar e manexar a numerosos afectados por vía telefónica ou nos domicilios. Os domicilios son perfectamente válidos para o manexo de pacientes sen criterios de gravidade, como se viña facendo con éxito ata o de agora.
5.- A sanidade pública galega non dispón de camas para atender a enfermos crónicos e ten privatizadas as residencias de maiores, que non manteñen ningún tipo de coordinación co nivel asistencial. Inicialmente estas residencias eran xestionadas pola Xunta e Caixanova, pero coa chegada de Feijóo ao poder a Xunta cedeu a súa parte, pasando a ser o 100% a NOVAGALICIA BANCO (a través da empresa Geriatros). Esta cesión realizouse co compromiso de que seguirían sendo públicas sen ningún socio privado. Aos dous anos tras o rescate de NGB, Geriatros foi vendida ao fondo de Magnum Capital e a Eulen, da que era apoderada Micaela Nuñez Feijóo, irmá do presidente galego. No 2015, estas dúas empresas foron vendidas de novo ao fondo francés Pai Partners e ao grupo Sar Quavitae, que crearon o grupo Domus Vi que monopoliza a xestión dos xeriátricos en España e Galicia, aos que accede con ofertas á baixa (temerarias), polo que acumula numerosas denuncias por falta de persoal e deficientes condicións asistenciais. As residencias son un gran foco de mortalidade nesta a epidemia, especialmente as privadas, como o demostra que o 50% do total de falecidos rexistrados na Comunidad de Madrid vivían en residencias e que a mortalidade nas privadas duplica a das públicas.
En resumo, Núñez Feijóo minte como sempre; recortou as camas e persoal dos hospitais públicos necesarios para facer fronte ás persoas afectadas por coronavirus; desmantelou os servizos de saúde pública privatizando os recursos de información intelixencia do sistema imprescindibles para facer fronte a calquera epidemia; depauperou a Atención Primaria esencial para previr, atender e tranquilizar á poboación (incluída moita da afectada); privatizou as residencias de maiores para poñelas en mans de empresas que buscan o beneficio a conta da asistencia e os coidados (con conflito de interese incluído).
A oposición democrática galega, ademais de contribuír ao esforzo para facer fronte a esta epidemia e colaborar en tranquilizar á poboación, debería denunciar as tropelías do actual goberno do PP e as súas consecuencias para esta epidemia e esixir un cambio radical dos recortes. O seu silencio supoñería que Núñez Feijóo sairía mesmo reforzado para as futuras eleccións e mantería a súa estratexia sanitaria privatizadora. A pandemia e as súas consecuencias son un problema sanitario pero que ten a súa raíz na política neoliberal da actual Xunta de Galicia.
____________________