Mércores 27, Outubro 2021
HomeDestacadasQUE PASA COA SECUNDARIA

QUE PASA COA SECUNDARIA

por Rexina Vega ilustración Andrea López

Un ano máis, miles de mozas e mozos entran nas aulas dun dos ensinos secundarios que teñen máis taxa de risco de repetición (exactamente catro veces máis que a media europea) e abandono temperá (20, 02 %, a maior da UE). Que demo está pasando co noso sistema educativo? Como é que non saímos a berralo na rúa, que non se trata como tema prioritario en todos os programas de debate, que non se fixa como obxectivo fundamental nos programas políticos e na vida parlamentaria?

Falamos, iso si, de cartos, de falta de financiamento público, de ratios excesivas, pero de verdade é esta a única causa que explica o terrorífico fracaso escolar que padecemos neste Estado? Non haberá cuestións que teñan que ver tanto co modelo pedagóxico como coa concepción mesma do saber?

Unha ollada aos currículos e ás prácticas educativas dos centros de secundaria devolve arestora unha imaxe estraña, fosilizada. Por máis que as sucesivas leis buscasen a innovación, por máis que haxa centros comprometidos coa renovación pedagóxica, o sistema educativo español parece amosar unha pertinaz resistencia. Como testemuñan todos os indicadores, continúa tendéndose maioritariamente a uns modelos de coñecemento e de transmisión moi pouco adaptados aos tempos en que vivimos.

A prevalencia do modelo enciclopédico-memorístico é evidente, e éo aínda máis nos ámbitos das moribundas humanidades, o cal ten como gravísima consecuencia a desconexión educativa dos adolescentes. Porque que tipo de traballo implica a adquisición de coñecementos enciclopédicos? Quen aspira a ser unha enciclopedia vivinte ten, sobre todo, que sentar cada día a memorizar e xa sabemos que quen memoriza nin produce nin reflexiona.

Xa que logo, poderíamos deducir doadamente que a memorización como método de ensinanza-aprendizaxe é, ante todo, un sistema disciplinario cuxo efecto social máis visible en España é o fracaso escolar.

Que relación ten a pervivencia insidiosa deste modelo coa experiencia ditatorial que aínda nos marca como sociedade? Eu diría que moita. Se comparamos os sistemas de distintos países de Europa, vemos que naqueles que coñeceron ditaduras moi longas, como Portugal ou España, valórase moito máis o enciclopedismo e a memorización que noutros como Francia, Alemaña, Bélxica ou os Países Baixos, por exemplo.

O modelo de oposición é moi revelador desta concepción do saber. Fronte aos descomunais temarios que caracterizan as probas selectivas españolas, unhas probas que priman dun xeito clarísimo a memorización e a reprodución mecánica, o sistema francés, por exemplo, valora preferentemente o coñecemento aplicado. Alemaña pon o foco na metodoloxía de traballo e noutros, como Bélxica, nin tan sequera se rexen por un sistema de oposición como vía de acceso á docencia.

As oposicións tal e como son concibidas aquí teñen como froito o premio a un modelo de coñecemento baseado no adestramento na sanción, algo que acaba inevitablemente por influír no profundo os futuros docentes. Nese sentido, queirámolo ou non, continúa pervivindo e nós  unha odiosa herdanza das prácticas do nacional-catolicismo.

Un tempo limitado, unha tarefa mecánica que exclúe o pensamento e unha verificación-sanción baixo a supervisión dun profesorado-policía, este é un dispositivo disciplinario aínda demasiado presente nas nosas aulas, un dispositivo destinado a un eficaz formateo dos suxeitos.

Entre as moitas funcións políticas e sociais que semellante dispositivo consegue, cómpre salientar unha en especial: a exclusión.

A criba social, prioritaria no franquismo, no que o tándem memorización-reválida baixo a vixialancia do profesor-policía-xuíz funcionaba para apartar ás capas máis pobres do acceso á formación avanzada, continúa arestora. Así, por máis que o sistema educativo español teña dado pasos de xigante na procura da igualdade, o noso país continúa ocupando o primero posto en abandono escolar dos vinte e sete países que integran a Unión Europea. Dáse o dato do 20,02%, pero, en realidade, esa porcentaxe é aínda maior se desglosamos as cifras e contemplamos unicamente os resultados dos centros públicos (sabemos ben que o fracaso é practicamente inexistente nos centros concertados e os centros privados).

Ao tempo, un recente informe da OCDE confirma que España é un dos países onde máis se estanca a comprensión lectora.

Todos estes datos son alarmantes. Nun país cun índice de paro xuvenil coma o noso, sabemos que o fracaso escolar multiplica exponencialmente o risco de exclusión social.

Como é posible que a democracia española continúe mantendo ata os nosos días un dispositivo educativo disciplinario cuxa principal función é, en último termo, a selección social?

O movemento de deserción das clases medias do sistema público é xa unha constante que medra día a día. A nova escola, que tantas esperanzas concitara nas primeiras décadas do posfranquismo, os discursos orgullosos e triunfalistas sobre a calidade do ensino van deixando paso a esta deriva estraña, a este marasmo do que urxe saír.


 

Novidades