Martes 7, Febreiro 2023
HomeDestacadasQatar, punto e seguido

Qatar, punto e seguido

 por Luís Álvarez Pousa

Queda lonxe o día no que Antonio Gramsci animaba a que os traballadores sustituíran as tabernas e os xogos de cartas polos estadios de fútbol. Tamén aquel no que o pensador Galeano dicía que o fútbol era a festa dos ollos. Un deporte que, malia ter a súa orixe entre as elites británicas, axiña perdera ese pedigrí para popularizarse como un espazo de ocio e sociabilidade da clase obreira. Con capacidade para o arrastre de grandes masas. E por mor diso, un espazo en permanente disputa.  

O historial do chamado deporte rei está todo el trufado de avances e retrocesos nos que se poden constatar as embestidas para domeñalo ao servizo de causas cada vez máis viscosas. Fixérono tanto o fascismo -con Mussolini e Hitler montando o Mundial do 34 e os Xogos Olímpicos de Berlín, respectivamente-, como as máis recentes ditaduras -con Videla organizando o Mundial do 78 en Arxentina-, e xa a finais do século pasado o vendaval neoliberal -co dúo Thatcher/Reagan patrocinándoo pola brava- que recupera o fútbol como instrumento de control social, impoñéndolle os seus valores mercantilistas. Qatar entra agora co Mundial nesa cadea conspirativa, sen máis méritos que os dos seus petrodólares. 

O tránsito desde o fútbol como deporte popular ao fútbol como negocio acelerou nestes primeiros vinte anos do século XXI. E non deixa de ser curioso que esa transformación se produza en paralelo coa crise do movemento obreiro e a progresiva desaparición das denominadas culturas obreiras. O capitalismo apropiouse do mundo do fútbol. Os equipos funcionan como multinacionais que cotizan en bolsa, e os xogadores convírtense en mercadorías que xeran ingresos millonarios por publicidade e tamén cuantiosas comisións para os fondos de inversión que se fan cos seus dereitos. Só conta o diñeiro. As aficións quedaron á marxe. Aquelo do arraigo coa comunidade xa é un conto de fadas. Sorprendeu por iso que as aficións do Chelsea (en mans dun magnate do gas sionista) e do Liverpool (propiedade de fondos de inversión estadounidenses) forzasen a paralización da operación Superliga europea, concebida polo seu inspirador Florentino Pérez á maneira dun clube exclusivo e elitista de quince equipos que se repartirían o pastel do negocio futbolístico no continente. Pero volverán co proxecto, que xa ten asegurado o apoio financeiro do banco estadounidense J.P.Morgan. A lóxica do capital é implacable. Nada se lle resiste. 

Fálase do Mundial da infamia e da vergoña. Qatar é agora mesmo o escaparate no que un réxime autocrático vende unha engañosa imaxe internacional pasándoa polo filtro do espectáculo, sen que se lle teña en conta o seu currículo rabiosamente antidemocrático. Unha gaso-petromonarquía que está por certo insertada no capitalismo que nos é máis próximo: accionista maioritario de Iberdrola, e partícipe do Banco de Santander, Iberia, El Corte Inglés, Colonial e o grupo Prisa, entre outros. Con capacidade para no 2010 comprar con subornos unha votación na FIFA que lle concedería a organización do Mundial que agora se está disputando, polo que tamén puxaban EE.UU., Corea do Sur, Xapón e Australia. Conseguíndoo, ademais, sen que se lle impuxesen as obrigas que ese organismo internacional asume cando menos en teoría -comprometeuse no 2017 a tomar medidas “para promover a protección dos dereitos humanos”-, máis alá da vontade de executar as infraestruturas das que, por non ter tradición futbolística, carecía o país.  

Seguramente porque, en tratándose dun acontecemento tan lucrativo, todos os que teñen o pé no acelerador do negocio pensan pero non explicitan o que o exsecretario xeral da FIFA, Jerome Valkle, tivo a ousadía de confesar: “para organizar un mundial ás veces é mellor menos democracia”. E en ningunha outra satrapía coma nesta do Golfo se dá esa condición. O réxime que controla o país é a síntese de todas as lacras que marcan a sangue e fogo o rostro dunha ditadura absolutista. E inhumana. Na que o machismo e a homofobia conforman as políticas e as leis do Estado, os traballadores carecen de dereitos -con resultado de morte segundo unha investigación difundida por The Guardian para 6.500 migrantes asiáticos que tomaron parte na construción das infraestruturas do Mundial-, están prohibidos os partidos e os sindicatos e cercenadas as liberdades de expresión e prensa.  

Nese entramado bailan sen máscaras FIFAs e UEFAs de todas as latitudes. O fútbol non é senón o pegamento que serve para unir os intereses duns e doutros. Neste caso, os dun emirato que precisa branquear a súa mala imaxe e refrendar o seu poderío fronte aos demais países da rexión, e os dun conglomerado de escuros actores que manexan os fíos da industria e do negocio balompédico, obsceno a máis non poder. O pegamento, pero tamén o gancho, porque arrastra masas, e os que o instrumentalizan desde a política e desde as bolsas de todo o mundo aseguran con el non só rendibilidades multimillonarias, tamén o grao de permisividade (á industria do fútbol todo se lle perdoa) que necesitan para a súa inmunidade. Apoiándose, ademais, nun exército de medios de comunicación, nos que moitos deses donos e patrocinadores futboleiros teñen tamén bastón de mando, cómplices no obxectivo de converter o Mundial nun rendabilísimo e multipatriótico espectáculo global. 

Como é lóxico pensar, nada mellor que unha trama desa envergadura para romper todos os prexuizos cos que no seu día recibimos a nova da concesión do campeonato a Qatar, sabedores da envolvente de subornos e corrupción que figuran, segundo as investigación feitas públicas, no ADN dos organismos que a decidiron.  

Porén, nada chega de novas. Se o Mundial de Qatar está creando tanta polémica é pola sobredose de toxicidades que o singulariza. Pero en todos os que o precederon houbo para dar e tomar. O último, o de Rusia, denunciando Amnistía Internacional a persecución, o cárcere e a tortura de activistas polos dereitos humanos en xeral, e a violencia exercida sobre o colectivo homosexual, en particular. 

Un ten a sensación de que co fútbol e coas súas bacanais vai o escándalo. Non polo deporte en si, senón pola envolvente de negocio e instrumentalización política que o viñeron adulterando. O Mundial non é senón a eclosión cada catro anos do que o capitalismo futboleiro almacenou á marxe da festa dos ollos que lle atribuíra Galeano.  

Próxima eclosión, EE.UU.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]