Mércores 27, Outubro 2021
HomeDestacadasOS MUÍÑOS QUE AMEAZAN O LITORAL

OS MUÍÑOS QUE AMEAZAN O LITORAL

Tamén hai proxectos para implantar estes artefactos no litoral galego. O perigo que comportan para eses fráxiles ecosistemas é enorme. Lémbrese que son ecosistemas que teñen vocación de servizo para a pesca, o marisqueo, os cultivos mariños, o turismo e outras actividades relacionadas, das que viven centos de miles de persoas en Galicia. De entrada, cos procedementos utilizados polas empresas eléctricas para a implantación de aeroxeneradores, pensar que o poidan facer igual nas zonas costeiras, que aparte da existencia nelas desa gran riqueza produtiva soportan un intenso tráfico marítimo, a súa autorización sería un auténtico disparate. A eses argumentos obxetivos habería que sumar, ademais, o que representan esas zonas para o tránsito e a migración de aves. E causarían tamén fortes alteracións, especialmente no que ten a ver coa paisaxe e cos entornos mariños, que deberán ser preservados para futuras xeneracións.

Foi no 2009 cando o Parlamento galego rexeitou por unanimidade que se instalasen parques mariños nas costas do país. Pois ben, malia ese pronunciamento unánime, o goberno de Núñez Feijóo é quen a día de hoxe impulsa a eólica mariña en Galicia. E é Iberdrola quen recolleu o sinal gubernamental, sendo a primeira empresa eléctrica que presentou ante o Ministerio de Transición Ecolóxica proxectos para crear dous parques, o de San Brandán -que estaría localizado a 12 kilómetros da liña de terra ao oeste do Cabo Ortegal-, e o de San Cibrao -ao leste dese mesmo cabo, a 13.5 kilómetros-. Outras dúas empresas, Naturgy e Greenalia (na que ocupa, por certo, un cargo directivo unha exconselleira de Feijóo que tivo responsabilidades precisamente ligadas ao sector, un caso claro de porta xiratoria), manifestaron igualmente estar interesadas en acometer ese tipo de proxectos.

Tamén estarían ninguneando outros pronunciamentos institucionais como o incorporado ao informe aprobado na Eurocámara entre o 5 e o 8 de xullo deste mesmo ano 2021. Trátase dun informe que consta de diversos e complementarios aparatados ben significativos e precisos. En primeiro lugar alerta sobre o impacto negativo que terá nos ecosistemas mariños e caladoiros da UE a instalación de novos aeroxeneradores de enerxía eólica; reclámase unha “participación xusta” dos mariñeiros e outros grupos de interese no proceso de decisión sobre a construcción de infraestruturas eólicas; subliña que os parques mariños só se deberían construir se hai garantías de que non se produzan consecuencias negativas no que respecta aos niveis medioambiental, ecolóxico, socioeconómico ou sociocultural, en liña coa normativa da Economía Azul e o Pacto Verde, e indica que a protección e restauración da biodiversidade mariña debe ser unha prioridade.

O Parlamento galego rexeitou no 2009 e por unanimidade que se instalasen parques mariños nas costas do país. Malia ese pronunciamento, é o goberno de Feijóo quen impulsa a día de hoxe a eólica mariña, e son Iberdrola (o de san Brandán, a 12 kilómetros ao oeste de Cabo Ortegal e o de san Cibrao, a 13,5 kilómetros ao leste dese cabo), Naturgy e Greenalia as empresas interesadas en facelo realidade.

O informe do Parlamento Europeo é taxativo asegurando que as costas e os caladoiros pequenos -nos que faena o 80% da flota europea- poden verse especialmente afectados polos parques eólicos mariños. Tendo isto en conta, e moi especialmente a reclamación ou esixencia de que sexa prioritario asegurar a protección e restauración da biodiversidade mariña, nada como poñelo sobre a mesa ante todo o que se anuncia para as costas galegas. É polo que se terían que adoptar en principio unha serie de decisións coas que asegurar tamén entre nós o que reclama o citado informe parlamentario.

En primeiro lugar, terían que conxelarse en Galicia tódolos proxectos de parques eólicos mariños, como mínimo ata que se aprobé un novo marco normativo, pois o actual data de 2007 e está obsoleto.

En segundo lugar, antes da toma de decisións a respecto da autorización ou non dos aeroxeneradores mariños, levar a cabo un rigoroso control do impacto ambiental que se prevé sobre os ecosistemas, pois faltan polo de agora estudos científicos independentes en base ás características ecolóxicas das zonas nas que pretenden ser instalados.

En terceiro lugar, han ser consultadas as confrarías de pescadores afectadas por estes proxectos, tal e como no relativo á participación dos sectores interesados nos procesos de concesión se sinala no informe europeo.

En cuarto lugar, hanse contabilizar e valorar os riscos que producen as infraestruturas eólicas sobre os ecosistemas mariños. A este respecto, é preciso ter en conta:

  1. a costa galega alberga unha ampla biodiversidade mariña, sen dúbida de entre as máis importantes de todo o litoral peninsular, e que as especies mariñas protexidas concéntranse nun espazo moi reducido da nosa plataforma litoral, que deberá ser protexida, dado que é onde se concentra a maior riqueza pesqueira e marisqueira.
  2. a destrución ou modificación de hábitats afecta tamén á biodiversidade.
  3. a contaminación acústica causada polas turbinas e a montaxe de estruturas afecta tanto aos mamíferos como a outros animais mariños.
  4. a fase de construcción e desmantelamento dos parques mariños comporta o risco de colisión de aves, mamíferos e tartarugas mariñas.
  5. as ancoras e o despregamento do cableado producirán danos nos fondos mariños.
  6. os campos electromagnéticos dos cables tamén provocarán efectos dañinos sobre os peixes e demais recursos mariños.
  7. o risco de accidentes por colisión de barcos coas estruturas eólicas/risco de lume coas turbinas, etc.

Requírese, ademais, unha análise exhaustiva dos potenciais danos máis alá das zonas ocupadas polos aeroxeneradores, pois que se trata de zonas que tamén son ecoloxicamente fráxiles e con valiosos recursos.

Aspectos legais

Todos os proxectos presentados estarían colisionando ou vulnerando, como mínimo, a Constitución española, que no seu art. 45 sinala : 1. “Todos temos dereito a gozar dun medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo.” 2.  “Os poderes públicos velarán pola utilización racional de todos os recursos naturais co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente.”

A Directiva europea é taxativa: as autoridades nacionais competentes só se declararán de acordo co devandito plan ou proxecto tras asegurarse que non causará prexuizo á integridade do lugar en cuestión, e se procede, tras sometelo a información pública.

Incúmprese a Lei 42/2007 (e as súas posteriores modificacións), en varios artigos: Art. 4. Sobre a función social do Patrimonio Natural e a Biodiversidade; Art.5. Deberes dos poderes públicos. “Os poderes públicos velarán pola conservación e o uso racional do Patrimonio Natural”; Art.28. Espazos Naturais Protexídos ; Art 33. Sobre áreas mariñas protexídas; Art. 35. Sobre Paisaxes protexídas; Art 44. De especial protección para as aves; Art 48. Vixilancia e seguemento. O Estado e as comunidades autónomas, no ámbito das súas respectivas competencias “vixiarán o estado de conservación dos tipos de hábitats e as especies de interese comunitario, tendo especialmente en conta os tipos de hábitats naturais prioritarios e as especies prioritarias, así como da conservación de especies de aves” ; Art 54. Garantía de conservación de especies autóctonas silvestres. Tanto o Estado como as comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos competenciais, “adoptarán as medidas necesarias para garantir a conservación da biodiversidade que vive en estado silvestre, atendendo preferentemente á preservación dos seus hábitats, e establecendo rexímenes específicos de protección para aqueles especies silvestres cuxa situación así o requira.”

Incúmprese igualmente a Directiva 92/43/CEE relativa á Conservación de Hábitats Naturais, de Fauna e Flora silvestres. En concreto: Art- 2.1. A presente directiva ten por obxecto contribuir a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros ao que se aplica o Tratado; Art 2.2. As medidas que se adopten en virtude da presente Directiva terán como finalidade o mantemento ou restablecemento, nun estado de conservación favorables, dos hábitats naturais e das especies silvestres da fauna e da flora de interese comunitario; Art. 6.1. Con respecto ás zonas especiais de conservación os Estados membros fixarán as medidas de conservación necesarias que implicarán, no seu caso, adecuados plans de xestión, específicos aos lugares ou integrados noutros plans de desenvolvemento e as apropiadas medidas regulamentarias, administrativas ou contractuais, que respondan as esixencias ecolóxicas dos tipos de habitats naturais do anexo I e das especies do anexo II presentes nos lugares.

No Art. 6.2., a Directiva sinala que  os Estados adoptarán as medidas apropiadas para evitar, nas zonas  especiais de conservación, a deterioración dos hábitats naturais e os hábitats de especies, así como as alteracións que repercutan nas especies que motivasen a designación das zonas, na medida en que ditas alteracións poidan ter un efecto apreciable no que respecta aos obxectivos deste documento; Art 6.3.  Calquera plan ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para a mesma, poida afectar de forma apreciable aos citados lugares, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans e proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar, tendo en conta os obxectivos de conservación do devandito lugar. Á vista das conclusións da avaliación das repercusións no lugar, e supeditado ao disposto no apdo 4, as autoridades nacionais competentes só se declararán de acordo co devandito plan ou proxecto tras asegurarse que non causará prexuizo á integridade do lugar en cuestión, e se procede, tras sometelo a información pública.


 

Novidades