por Carlos Montenegro
Eran os anos do desarrollismo. Nesa aireada política socioeconómica, o réxime franquista xogábase a cara ou cruz o éxito ou o fracaso da súa desescalada autoritaria. Someténdoo todo a ese obxetivo. E de maneira especialmente penosa, o espazo público. Todo o que os tecnócratas do goberno tiñan por utilizable, e consumible, axiña recibía o visto e plácet das autoridades, provinciais e locais, elixidas ad hoc. É o tempo, por iso, das invasións do público polo privado. Coa natureza e as condicións saludables de vida ao pairo, sacrificadas sen miramentos. Desa época é, por caso, a desecación da lagoa de Antela. Ou o complexo de Lourizán, a invasiva industria papeleira que envenenou a biosfera pontevedresa desde entón. E tamén moitos varadeiros, con licencia para ocupar praias urbanas, sen ter para nada en conta os efectos dañinos que con toda seguridade ían causar nas augas das rías e na saúde dos veciños.
Un deses varadeiros, talvez o que máis evidencia o modelo invasivo e nocivo de cantos se construiron baixo o paraugas da ditadura desarrollista, é o que aínda segue activo en Celeiro, na Mariña lucense.
Son moitas as xeracións de chilindríns que viviron e medraron a pé de praia, convertida de facto nunha praza pública para o traballo pesqueiro, primeiro, e para o lecer socializador, despois. A instalación do varadeiro a finais dos 60 rompera ese harmónico equilibrio natural e cultural. Non tiveron outro remedio que compartir desde entón con el as augas da ría. E con elas, os lixos químicos que desprendían e desprenden -agora máis ca nunca- os materiais utilizados para a reparación e a pintura dos barcos. Augas porcas as máis das veces. Como os habitantes dos edificios colindantes tiveron e teñen que compartir con el os efectos de chorreos, ruidos e ventiscas de area filtrándose por portas, galerías e ventás.
Unha novelesca madrugada de ruidos e policías
O enxordecedor ruído que entre os pasados días 4 e 6 de xuño sufriron os veciños que habitan nos edificios ubicados diante da praia urbana acelerou aínda máis a movilización social contra a permanencia do varadeiro nesa praia, nese espazo público. A Plataforma Pro-Celeiro levantou acta e denunciouno pedindo unha investigación e responsabilidades ante Portos de Galicia (Xunta), o organismo do que dependen os terreos portuarios.
O pormenorizado relato dos feitos, que reforzan con fotografías e vídeos captados en diferentes momentos e horarios, dá conta do funcionamento dun potente xenerador, marca GAM-HIMOINSA, utilizado para alimentar o compresor de aire no secado da pintura que lle estaban aplicando a un buque de gran tonelaxe, o que se levaba a cabo mediante un chorreo con granada de escoria de óxido de cobre, provocando todo elo un gran ruído, moito pó en suspensión, todo moi nocivo.
É o que mantivo en vela aos veciños non só a pleno día durante as xornadas laborais do 4 e 5, xoves e venres, senón tamén e de maneira insufrible durante a madrugada do venres ao sábado e toda a mañá dese día 6, xusto ata que ás 15’30 horas deste último día a policía local de Viveiro, que a petición da comisión denunciante xa fixera previamente tres medicións do ruído constatando que o nível sobrepasaba amplamente os estándares legalmente permitidos, ordenou a paralización das máquinas e dos traballos que o producían.
No escrito de denuncia que enviaron á atención da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas Gil, reclaman que se abra unha investigación “sobre o comportamento neglixente tanto da policía portuaria como da manifesta mala fe da dirección do Varadeiro”, por considerar que fixeron oídos xordos ante o problema, do que eran perfectamente conscientes. E relatan, por unha banda, os infructuosos intentos da policía local por conectar cos seus respectivos responsables, e pola outra, as reiteradas chamadas que se fixeron durante a madrugada do venres ao sábado aos teléfonos da empresa e da policía portuaria, cuxas oficinas están a un tiro de pedra do varadeiro, non dándose por enteirados, nin sequera cando recibiron vía whatsapp as fotos e os vídeos que testemuñaban o que estaban padecendo.
Finalmente demandan que esa investigación tamén se centre en averiguar se “ese tipo de chorreo incurre en algunha ilegalidade por razón de ruído, pó en suspensión e grao de nocividade para a saúde do vecindario de Celeiro”.
Un varadeiro invasivo e altamente nocivo
Os veciños agrupados na Plataforma Pro-Celeiro -a mesma que no verán pasado promoveu unha gran movilización social para esixir a reparación dun emisor de augas residuais en medio da ría e a escasos metros dunha supertecnificada lonxa- puxeron desde hai meses o foco das súas reivindicacións ecosociais no varadeiro. Comezaron o 18 de novembro de 2019 enviándolle á presidenta de Portos de Galicia un escrito instándoa a asegurar que “a ocupación do dominio público (polo varadeiro e as súas instalacións actuais) non se prolongue máis aló da data de finalización da concesión administrativa”, o 15 de decembro de 2027.
Silenzo administrativo. Ata hai escasos días. A propia Susana Luengas comprometeuse telefonicamente a levar a cabo unha inspección do varadeiro en canto o permitise a desescalada sanitaria, pospoñendo pola mesma razón a reunión que lle solicitaran hai meses por escrito. Eludiu, iso si, entrar polo miudo na argumentación coa que a citada plataforma requería de Portos unha serie de decisións ligadas tanto ao funcionamento do varadeiro durante o tempo en que está en vigor a concesión que o mantén activo, como ao que en boa lóxica debería suceder no momento en que remate no 2027 o período que cubre dita concesión administrativa.
A respecto do que esixen mentres a empresa manteña a súa actividade, as demandas dos veciños concretáronllas a Portos no escrito do mes de novembro último:
- Que se revisen as medidas correctoras requeridas ao concesionario e detalladas no informe da Xefe da Área de Explotación e Planificación Portuaria de Portos de Galicia de 29/07/19, especificando medidas máis restritivas en materia de control da contaminación acústica e da emulsión de partículas. E vitando que se aumente o volume ocupado polas instalacións.
- Que se realice unha serie de medicións do ruído fiables e constantes para comprobar a súa adecuación á normativa vixente.
- Que se traballe na planificación do traslado das instalacións e o desaloxamento dos terreos nos que se empraza o concesionario, coa fin de asegurar que a ocupación do dominio público non se prolonga máis aló da data de finalización da concesión administrativa.
Para a Plataforma veciñal, as medidas requeridas por Portos ao concesionario en materia de tratamento dos residuos perigosos, de prevención contra o ruído, contra a polución e de seguridade son totalmente insuficientes e inadecuadas, tanto polo que se refire ao dereito que a veciñanza de Celeiro ten á protección da súa saúde, como polo que ten a ver co control das verteduras ao entorno terrestre e ao medio mariño que se encontran en contacto directo co varadeiro. Que está, por certo, a menos de quince metros das casas, da fachada urbana e histórica do pobo, e ao pé asimismo da estrada que conduce ao muelle/norte.
E en relación co desenlace, a plataforma veciñal teno claro: que no 2027 Portos non lle renove á empresa a concesión da que goza para ocupar unha terceira parte da praia urbana, o que comportaría si ou si o traslado das súas instalacións a outro lugar (asegurando en todo caso os seus cinco postos de traballo actuais). Argumentándoo en base ao que tamén concretaban no escrito que lle enviaron á presidenta de Portos hai preto de seis meses. En concreto:
- no inadecuadas que son as instalacións, deseñadas no seu día para embarcacións de arredor de 20 metros de eslora e de madeira, para acometer os traballos que se levan a cabo actualmente en embarcacións de aceiro e con volumes e pesos que quintuplican os das embarcacións de entón.
- no perigo que comportan o varadeiro e os traballos que se levan a cabo nel a diario non só para o ecosistema da zona, senón tamén para a propia poboación de Celeiro. De suceder no de Celeiro o incendio que en novembro de 2019 se produciu nun varadeiro de actividade e dimensións semellantes, o que operaba en Placeres (Marín), o perigo para a poboación sería moito maior, pois as vivendas están a menos de quince metros das súas instalacións, cousa que non sucedía no de Placeres.
Asi están as cousas. Que non deberían ter outro final que o que, en defensa dun ben público -a praia de todos- e do dereito á saúde, demandan os propios veciños: a non renovación administrativa e o traslado do varadeiro.