por Xurxo Borrazás ilustración Daniel Pino
A pandemia destapou as carencias dos sistemas sanitarios, mesmo os eficientes, para enfrontarse a unha situación excepcional, tamén desveou o funcionamento dunha sociedade permeada ata a médula polo capitalismo.
A asistencia foi levada ao límite durante lustros con criterios de empresa, productividade e abaratamento, a costa da sobrecarga dos profesionais. Como nas economías domésticas depauperadas, mentres non ten que afrontar un extra, vai indo. Xa cada ano por xaneiro a sanidade se vía desbordada pola vaga de gripe, ma non troppo. Cando a presión aumenta, xestionar as necesidades de atención é coller auga nun cesto.
A dificultade obedece en parte á complexidade para prever e programar a resposta ao excepcional. Malia que un dos cualificativos de moda é “sen precedentes”, as pandemias son recorrentes e esta xa a anunciaran non sei cantas novelas e películas, Nostradamus e Bill Gates. Tamén se coñecen os modelos de propagación, pero o momento exacto en que estoupan é imprevisíbel, e contar cos medios preventivos para enfrontar todos os males probabeis é tan inviábel como acodir a todas as citas periódicas que os médicos
nos recomendan. Non sairiamos da clínica.
Outra parte das dificultades procede da mercantilización da vida social e política no liberalismo montaraz. Vemos as tripas do Mercado na adquisición de material médico, non rexida pola coordenación de esforzos contra o virus senón polo xogo da oferta e a demanda, o monopolio en determinados sectores, as OPAs a laboratorios, a especulación e o leiloio que levou á multiplicar os prezos con pago adiantado, non só nas compras a China senón no presuposto das incineracións, que se duplicou en días.
Vemos tamén a práctica mercantil na propiedade e xestión das residencias de anciáns (especialmente dolorosa en Galiza desde o espolio das Caixas e a obra social), ou nunha instrucción que percorreu transversalmente os países máis avanzados. Que facer cando nos hospitais non existen UCIs para todos os enfermos? Moi sinxelo. Con lóxica financeira, ti tes un capital para investir, neste caso as UCIs cos seus activos en forma de respiradores, consultas cun asesor e este recoméndache que non arrisques ese capital no calexón sen saída das persoas maiores, un investimento sen retorno. Entre as bases da convivencia que considerabamos asumidas por todos e ficaron suspendidas, o xuramento hipocrático e a non discriminación por razón de idade, vencidas pola lei da man invisíbel que dictamina a autorregulación do mercado. Como esta é a lóxica imperante, podemos ir contando con que a vacina nos vai saír pouco menos cara do que nos saíu a enfermidade.
Desde o sofá
Asistimos incrédulos a fenómenos que nin sospeitabamos fosen ser posibeis nos nosos días, máis incribeis que a suspensión dos xogos olímpicos ou a Semana Santa de Sevilla, enfermos polo chan en urxencias, lazaretos en naves de feira, morgues en pistas de patinaxe, cadáveres nas rúas de Guayaquil, foxas comúns en Nova York, o mercado negro a escala planetaria ou a actividade pirata indisimulada por parte de estados que se proclaman democráticos, non só Kenia ou China, tamén os EUA. Vimos caravanas de coches a bloquear a fronteira entre os propios EUA e os seus veciños do sur para impedir a chegada dos “apestados”, pola banda de México! non sei se ao ritmo do eslogan de Trump: “Build that wall”. Algo semellante tentou Marrocos con respecto a España.
O mercado como rei único entón? Bueeenooo… Non exactamente. Resulta que agora gobernos de dereitas, pasmade, non ven descabelada a idea de nacionalizar empresas en nome do interese xeral, mesmo claman por elas. Vimos declaracións desta caste en Alemaña, o Reino Unido, e nos mesmos EUA, con Trump ameazando a Ford se non se poñía a fabricar respiradores á voz de ar. En paralelo, aquí e acolá, nomeadamente en América, destínanse billóns de dólares a soster as corporacións tocadas pola falta de actividade, como Boeing. Estes novos comportamentos dos paladíns do capitalismo violan aparentemente a lóxica do mercado. A pandeireta diabólica de Vox mesmo esixíu que o Estado se fixese cargo dos salarios íntegros de todos os traballadores e dos ingresos dos
autónomos afectados.
Pero non quedamos en que o estado era unha hidra e que debía quitar as súas sucias mans do Mercado, que para este Mercado o mellor estado era o que se reducía ás forzas armadas ou desaparecía? A pandemia rachou os límites do discurso neoliberal, trastocou os dogmas máis innegociabeis, e agora demándase do Estado que actúe de maneira semellante a como o facía nas repúblicas comunistas.
A contradición é só aparente porque xa a vimos operar na crise de 2008, sen ir máis lonxe, de modo que igual é a lóxica do sistema cando véñen mal dadas. Outra lóxica das situacións de shock é que as capas hexemónicas aproveitan para introducir cambios
que noutras circunstancias serían contestados. No estado español a coordinación e comunicación da crise púxose en mans de tecnólogos e militares, a mensaxe é que a política sobra, o que se precisa é man de ferro e mando único. No futuro, como
transacción a cambio de librarnos da inseguridade, albíscase unha cidadanía atomizada, baleirada de contido, gobernos de expertos e estados tecno-controladores. Todo polo noso ben, é obvio, se non facemos nada malo, non temos que temer.
A quen pense que en dous meses as augas volven ao rego, lembrarlles que despois veñen a recesión e o rescate, con salarios máis miserentos, máis doses de caridade e desprotección social, e cando espertemos dese pesadelo, o cambio climático (que ten moito que ver coa pandemia) seguirá aquí. Son moitos días de arresto domiciliario, entendédeme. Ademais, dado que os meus prognósticos adoitan ter a puntería dunha escopeta de feira, non perdo a esperanza de errar tamén neste.
______________