Luns 23, Maio 2022
HomeDestacadasO MÉTODO FEIJÓO

O MÉTODO FEIJÓO

por Xurxo Borrazás ilustración Daniel Pino

Quen traballa no teatro ou o cinema sabe que a mellor improvisación é a ensaiada, metódica e sistemática. A espontaneidade na interpretación vai dirixida a un público, non é imprescindíbel que as emocións se sintan intimamente, teñen que verse. Por iso actores e actrices se poñen diante do espello para observar o efecto de xestos e movementos desde fóra, como os vai ver o público. Pretender que a espontaneidade absoluta conduce a resultados máis naturalistas que o traballo planificado é unha ilusión, como demostra Celso Bugallo cada vez que aparece en pantalla facendo de vello afásico. É case un tópico o disparate de que Celso Bugallo non actúa, que é así.

A espontaneidade dramática acádase por medio de flexións corporais e inflexións da voz, matices e xestos postos a proba diante do espello e sobre o escenario, analizando a reacción na platea e o galiñeiro para puílos e perfeccionalos, adaptándoos á obra que se queira representar e ao público ao que van dirixidos, no que se coñece como ser actor ou actriz de varios rexistros. A base é o estudo, o método. Poderiamos dicir que fronte a unha audiencia de espectadores afeitos a consumir ficcións, compre ser moi intelixente para parecer parvo.

As circunstancias dadas

En política o método é o que para un artista plástico, escénico ou literario vén sendo o estilo, que se compón das teimas e os moldes cos que lle dar forma. Pensemos nunha compañía de teatro calquera, por exemplo a Xunta de Galicia. Na antesala da tempada planifícase a estratexia e decídese o programa. A nosa compañía é singular porque a súa vocación é a do teatro clásico pero (en política é obrigado) na aparencia debe aggiornarse, representar un texto aparentemente novo ano a ano. Para escribilo debe partir do que o actor e teórico da interpretación Larry Moss, denominaba “as circunstancias dadas”. No caso da Compañía da Xunta, a reafirmación do statu quo con favores e dádivas para as clases economicamente dominantes, os palcos de gala; aloumiños e chiscadelas insinuantes para as clases medias, o patio de butacas, e axustes de caridade para as clases humildes, isto é, o galiñeiro.

Igual que a Compañía de Els Joglars reservou durante décadas o papel protagonista para o mesmo actor, o grande Ramón Fontseré, a Xunta fai o propio con Núñez Feijóo, profesional de cara de pau pero táboas recoñecidas, cunha vis camaleónica para encarnar o personaxe que conveña no momento preciso, ou o seu contrario. Opina Larry Moss que hai tres aspectos do personaxe que un actor ou actriz precisa coñecer para dotar de verdade a actuación e poder crear unha interpretación realista: os obxectivos, os atrancos e as intencións. O actor non debe aspirar a confundirse co personaxe, pero este só tomará vida cando os seus fundamentos e obxectivos se vexan representados e xustificados polo traballo actoral. A palabra chave é o “realismo”, que como se sabe non reflicte a realidade senón que a remeda e a substitúe.

A técnica dramática

Dicimos que cada ano a Xunta redacta un texto novo pero, dado que o que funciona non hai por que cambialo, as liñas de acción e os guionistas son sempre os mesmos. Eles saben que teclas se tocan e cales non, dominan as liñas harmónicas marca-da-casa e os rexistros que mellor se adaptan ás circunstancias dadas e, por enriba de todo, enténdense co actor protagonista case sen palabras, cun cruce de olladas abonda. O resultado desta compenetración e profesionalidade maniféstase función tras función en atmosferas emocionais envolventes que convencen o público de que o que alí se representa non é realista, senón real.

A seguir centrarémonos nalgúns exemplos dese toque Feijóo, como se fala do toque Brando ou o toque James Dean, unha maquinaria ben engraxada que ensarilla críticas laudatorias de parte dos foros de opinión amigos, que son todos os relevantes, o cal non deixa de ser outro mérito. A idea, como quedou dito, é desenvolver a técnica para vender políticas discriminatorias coma se fosen xustas.

Técnica da Tarifa Plana: No grande titular anúnciase unha rebaixa do tramo autonómico do IRPF e na letra miúda resulta que falamos dun euro ao mes para o salario medio e 40 para un salario de 60.000 euros anuais. Quen se para a ler a letra miúda? Outro tanto coa eliminación do imposto de sucesións. Outro tanto coa gratuidade das escolas infantís, que pasa a beneficiar as familias máis acomodadas. Cando se recauda, paga o mesmo un currante ca un millonario. Cando se recibe, obtén o mesmo quen o precisa que quen simplemente se dá unha homenaxe.

Técnica do Labirinto: No titular anúncianse axudas sociais para o alugueiro, ou para o emprendemento, infórmase do montante reservado para o programa e a cantidade máxima a percibir. Na letra miúda inclúese unha cláusula segundo a cal o domicilio da persoa solicitante debe situarse nun número primo de catro cifras e a solicitude debe presentarse en formato epub e carpeta ZIP entre as 3 e as 2 da mañá na noite do cambio de hora en outono, acompañada do certificado de familia numerosa e unha foto caracterizado como a Virxe Peregrina.

Técnica da Defensa Social: A máis letal, consiste en defender os traballadores ou os servizos básicos regando con millóns ou vantaxes as empresas, sexa Ence, Stellantis, Hotusa, Audasa, DomusVi, Barreras, os medios, os hospitais e as escolas privadas, etc. En fin, úntase a Abanca por pechar oficinas e substituílas por caixeiros automáticos. Cae o pano e entre bambalinas escóitase o riso dalguén que finxe chorar: Galicia, Galicia, Galicia! Como se chama a película?


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]