Venres 30, Outubro 2020
Home Destacadas MALOS SÍNTOMAS

MALOS SÍNTOMAS

por Luís Álvarez Pousa viñeta Pepe Carreiro

Das crónicas saídas do Foro de La Toja non tira un máis que pullas e exorcismos. Se como os presentou a toda páxina o xornal dos Fernández Latorre son as “mellores mentes” de España, aviados imos. Foi todo como moito unha representación. Co rei na mesa, tocaba poñerse monárquicos ata na sopa. E ninguén como Felipe González e Alberto Núñez para exercer de turiferarios. Cumpriron. Con iso contaban os patrocinadores, a crème da crème do empresariado español, que veñen movendo Roma con Santiago para acoirazar o sistema de poder no que sempre fixeron Caixa, empezando por apoiar sen condicións a continuidade da monarquía. Os juancarlistas de antes mutaron agora en incondicionais felipistas. Xa que logo, non ían darlle entrada no Foro aos que, co emérito campechano á fuga e co rei en modo foto de Colón, confesándose cómplice do maxistrado Lesmes no pulso que desde o Supremo lle está botando ao Goberno, reavivan o debate sobre o temido referéndum de se monarquía ou república.

Con esa censura polo medio, mal podían tomar parte nas mesas de A Toxa os heterodoxos do pensamento contemporáneo. Mulleres e homes que teñen posto ao servizo da sociedade e do ben público a súa capacidade intelectual e a súa independencia como analistas e intérpretes do acontecer. Xa sucedeu na edición do ano anterior, e por iso, do que aventaron os ponentes —sempre os mesmos do bipartidimo e do Ibex35— nada máis se soubo. Pullazos e esconxuros contra os que teñen por okupas constitucionais e institucionais como os que reproduciron os seus medios afíns non dan máis que para alimentar o morbo nos platós televisivos.

Son, sen embargo, un síntoma do que actualmente atenaza as arterias dun país democrática e politicamente convulso. E ten por iso explicación que reparemos neles. Por iso e porque congregan a maior parte das grandes terminais do poder en España. Esa é a clave na que tamén hai que interpretar a batalla que se libra en Madrid poñendo como excusa —aínda sendo unha dramática realidade— o asedio ao que a ten sometida o coronavirus. A presidenta Díaz Ayuso, din que a discípula avantaxada do trumpismo en España, é tamén outro síntoma da degradación do sistema (institucional, político, económico, mediático) que padecemos. En ningunha outra comunidade territorial se concentran, e en boa convivencia, o poder económico desas mesmas terminais e as maiores tramas de corrupción política e empresarial do reino. Contando ademais cunha prensa encanallada que envelena o debate público, e que ao darlles amparo contra quen
ouse restarlles capacidade de decisión, contribúe a confirmar a capital no que xa é, o epicentro dun nacionalismo español paleto e excluínte.

Non nos pilla despreveñidos ese supremacismo de foro ou de bandeiras al viento alí onde a extrema dereita consigue ata un 16 por cento dos votos. Pero ben farían o Goberno de coalición, e os numerosos sectores que apostan por unha sociedade máis democrática, progresista, culta, solidaria e non excluínte, en blindala constitucionalmente con esas dimensións. Antes de que sexa demasiado tarde.


 

Novidades