Martes 28, Novembro 2023
HomeDestacadasMADRID, UNHA BOMBA DE ACHIQUE

MADRID, UNHA BOMBA DE ACHIQUE

por Dani Álvarez

Atmosfera

O clima político e social comeza a ser abafante. Nos últimos catro anos, o ecosistema español consistía nun rebumbio político e televisivo que non tiña correspondencia nas rúas. O balbordo insoportable que emitía desde Madrid non tiña eco na vida real e tanxible da administración, a empresa, as rúas e os pasatempos. O show do trifachito contra a esquerda non callaba na xente. Só chegamos unha vez á fronteira do enfrontamento civil, e foi en Cataluña no outono de 2017, pero logo a cousa foi desinflamando. Non estou a dicir que vexa o choque entre persoas a curto prazo, pero sei que se a cousa segue polo mesmo rego, imos ver episodios así a non moito tardar. Nas televisións españolas desapareceu definitivamente o espazo gris, entendido este como cerebro ben empregado e como moderación; o Congreso ten menos nivel aínda que a televisión, que polo menos serve para desconectar; e as redes animan o lume verbal. Non creo que estea moi lonxe unha desgraza humana. Vivo en Euskadi, sei o que é a xenreira política, e o que se consegue con ela.

Madrid

Está medrando a conciencia de que Madrid se transformou nunha bomba de achique que seca todo canto está ao seu redor. Madrid absorbe recursos das comunidades veciñas, rouba poboación a norte e sur, aprovéitase do seu efecto capitalidade, concentra influencia política e, por riba de todo, é un paraíso fiscal que vampiriza a outros puntos de potencia industrial e financeira. Grazas a todos eses factores, Madrid xa superou a Cataluña en musculatura económica, a axiganta a distancia que a separa dos máis. “Madrid es de todos. Madrid es España dentro de España. ¿Qué es Madrid si no es España? No es de nadie porque es de todos. Todo el mundo utiliza Madrid, todo el mundo pasa por aquí. Tratar a Madrid como al resto de comunidades es muy injusto”. Este parágrafo, unha obra mestra de Isabel Díaz Ayuso, simboliza o nacemento que Rubén Amón calificou como o novo Partido Nacionalista Madrileño. O 44% das 1000 empresas españolas máis grandes teñen o seu centro en Madrid, o 29% dos empregados públicos estatais traballan en Madrid, a súa porcentaxe de universitarios é do 40%, dez puntos máis que a media española. É o 1’6% do territorio, pero chucha o 19’2% do PIB.

Rebelión

Poden pensar os lectores habituais que o que digo eu mostra a miña madrileñofobia. Poden pensar o que queiran, pero poño a venda, por se acaso. Gosto de Madrid, e síntome ben cando estou alí, pero non oculto o noxo crecente que me causa a súa bulimia político-económica. Por sorte, estase a dar unha rebelión desde as periferias que busca neutralizar este efecto. Ou, polo menos, denuncialo. Primeiro foi Cataluña, e moitos pensaron que era por resentimento. Pero despois viñeron outras: Valencia, Castela e León, Navarra… E Galicia? Non teñas medo, Ayuso, que Feijóo sempre estará disposto a limpar o bon nome dos madrileños, aínda que iso perxudique ao país.