Luns 23, Maio 2022
HomeDestacadasGALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA VII

GALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA VII [IGUALDADE]

por Carme Adán
Profesora e ensaísta

Rachar teitos de cristal

Vivimos unha década que transita sobre unha pandemia que non agardábamos, mudando moitas das nosas prioridades persoais e colectivas. Obrigándonos a deternos no fundamental aínda que en moitas ocasións pouco valorado. De feito, logo deste dous anos de confinamentos, restricións e vacinacións varias, a vida e os seus coidados, vencellados á sanidade e a educación pública como bens colectivos, deberían ser unha das prioridades do ano que nos dispoñemos a iniciar.

“É preciso dispor dun Plan Xeral de Coeducación que, aparte de xerar tempo de calidade para o alumnado e o profesorado, permita traballar na aula a tan esquecida transversalidade de xénero”.

Sabemos da dificultade de concretar esta máxima que veño de expoñer, mais considero que debería ser o pano de fondo do deseño das políticas públicas do futuro se aspiramos a manter a saúde do noso planeta e a nosa como parte do mesmo. Investir na sanidade pública e nunha vida saudábel é fundamental. Non obstante, este reto non debe ser cego ao xénero. A todo o traballo de coidado e benestar que realizan as mulleres. Unha boa parte do persoal sanitario sobre o que recaeu o grande peso de traballo ao longo da pandemia foron mulleres. Ao igual, que foron de xeito maioritario mulleres as que asumiron os coidados nas residencias de maiores ou a sobrecarga laboral do sector da limpeza.

A igualdade laboral mantense ao longo dos anos como unha materia pendente. Equiparar categorías laborais e salarios entre profesións masculinizadas e feminizadas non pode quedar nunha vindicación simbólica do mes de marzo, debe ser unha prioridade da planificación política de ministerios e consellarías. A maiores da necesidade de seguir eliminando os “teitos de cristal”, hai que facer moito fincapé neses “chans pegañentos” que manteñen as mulleres nuns índices de vulnerabilidade social e de pobreza por riba dos masculinos.

Por último, quixera determe nun aspecto fundamental das políticas de igualdade, nomeadamente, a violencia contra as mulleres. Os mensaxes da ultradereita foron enchoupando a unha parte importante da mocidade. Na aula, as e os docentes, vemos con certa preocupación esa negación da violencia machista, ou o desprezo ao traballo realizado desde o feminismo argumentado desde os prexuízos e os datos falsos. As leis foron ata o de agora unha ferramenta que permitiu incorporar, no papel, os Plans de Igualdade. Aínda fica por darlle traslado á realidade dos centros educativos o redactado nos mesmos. A sobrecarga de traballo do profesorado nestes dous anos relegou a un segundo plano labores tan importantes como é desenvolver as accións de igualdade e de diversidade afectivo sexual. Cómpre dispor dun Plan xeral de Coeducación que valore o labor docente e titorial, preste atención á formación e, o máis importante desde a miña óptica, xere tempo de calidade para o alumnado e o profesorado que permita traballar na aula a tan nomeada como esquecida “transversalidade de xénero”.

Dado que educa a tribo, se cadra, o 2022 é un bo ano para comezar a revisar todas e todos os prexuízos que se manteñen nunha sociedade que permite que volvan a emerxer discursos fascistas que negan a violencia machista, homófoba ou xenófoba.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]