Mércores 28, Setembro 2022
HomeDestacadasGALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA VI

GALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA VI [SAÚDE MENTAL]

por Miguel Anxo García
Psicólogo clínico

As penas con pan son menos

A COVID-19, as medidas necesarias para mitigar o seu dano, e as reaccións sociais e políticas producidas dende a sua aparición, provocaron importantes efectos sobre o estado psicolóxico da poboación.  A maior parte deles son reaccións esperables, dolorosas pero non destrutivas, solucionables cos medios comúns dos que dispoñemos para resolver as adversidades da vida. En non poucos casos, sen embargo, a intensidade do sufrimento experimentado, a carencia de recursos materiais e/ou psicolóxicos para facerlle fronte de forma saudable, ou a súa prolongación no tempo, aconsellan a sua atención sanitaria.

“Foise instalando a conciencia de que estamos a asistir a un incremento de trastornos psíquicos cando o que temos diante é a foto movida da desigualdade inxusta no sufrimento“.

Progresivamente foise instalando a conciencia xeral de que estamos a asistir a un relevante incremento de trastornos psíquicos e a unha gran necesidade de atención por psicólogos ou psiquiatras, cando o que temos diante é a foto movida da desigualdade inxusta no sufrimento .

Son factores “causais” relevantes dos efectos psicolóxicos da pandemia os seguintes: perdas afectivas de difícil elaboración (dor sen despedida), reducción das relacións e do contacto social directo (limitación que vai, en especial, contra as necesidades fundamentais da etapa madurativa de pre-adolescentes, adolescentes e xóvenes), empobrecemento material (causa angustia, carencias, tensións), incertidume ameazante ante o futuro (crea tensión, angustia, ansiedade, desánimo, agotamento), convivencia forzosa en espazo reducido (provoca conflictos, agresións, medo, danos relacionais), acción política destructiva contra a dirección lexítima da resposta (estimula paranoidismo, insolidariedade, actitudes antisociais, e impide a identificación coa comunidade de pertenza).

Cómpren medidas acordes con estes factores:

  • Corrección dos danos materiais que causan e sosteñen a incertidume ameazante: estabilidade laboral (ante a precariedade), vivenda segura (fronte a desafiuzamentos), accesibilidade á atención sanitaria (fronte a longas listas de espera ou sucedános de consulta), garantía de satisfacción das necesidades básicas.
  • Orientación da resposta, e en particular da sanitaria e social, dende un enfoque respetuoso cos dereitos humanos, conforme ás indicacións que para a atención á saúde mental levan acordado OMS e ONU, e comezar a aplicar o previsto na Lei 8/2021 pola que se reforma a lexislación civil e procesal para o apoio ás personas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.
  • Planificación, dotación e organización adecuada do subsistema sanitario de atención á saúde mental (cómpre recordar que o plan de saúde mental cuatrienal presentado no 2020 non prevé nin o 50% do incremento de dotacións profesionais recomendadas como urxentes á Consellería de Sanidade en 1998) e potenciación da Atención Primaria de Saúde, xunto co reforzamento, axilización e extensión dos recursos de protección social dende o seu recoñecemento como medios de xustiza distributiva e de satisfacción de dereitos dos seus usuarios/as.

 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]