Martes 24, Maio 2022
HomeDestacadasGALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA IX

GALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA IX [CIENCIA]

por Pilar Bermejo
Profesora de Química

Desandar malas políticas

Hai catro anos, presentouse no Congreso dos Deputados un Informe sobre Ciencia e Tecnoloxía encargado pola Fundación Alternativas a un grupo de recoñecidos investigadores, e as súas conclusións foron realmente moi preocupantes. A Ciencia Española perdeu posicións como consecuencia da diminución do financiamento público, e ademais o previsto aumento do investimento privado non se produciu como se esperaba. A nivel galego, a RAGC elaborou dous informes sobre a situación da Ciencia en Galicia, e as conclusións tamén son moi preocupantes. O último informe estuda a evolución da produción científica en Galicia no período 2010-2020, e compróbase a perda de posicións non só a nivel internacional, senón tamén nacional. A nosa produción científica medra cun valor inferior á media española. Que está pasando?

“Só cando recoñezamos que é necesario repensar as políticas científicas que non funcionan correctamente poderemos saír do camiño descendente no que nos atopamos”.

Na miña opinión, son varios os factores que nos están levando por este camiño. En primeiro lugar, o modelo de financiamento actual. O coñecemento científico é acumulativo e froito do traballo de moitos anos de traballo, polo que o financiamento debe ser estable. Precísase unha política de financiamento continuada a longo prazo coa participación das Administracións, pero tamén do sector empresarial. Pero ademais, está claro que o modelo de financiamento actual non funciona ben, non só no que se refire á estabilización do financiamento, senón tamén  no que respecta a súa distribución. Co modelo actual, aínda que é certo que se apostou por novos centros de investigación excelentes, isto non é suficiente. Este modelo tamén tivo como efectos secundarios que un importante número de investigadores consolidados, que tiveron unha boa produtividade científica durante moitos anos, abandonaron a súa carreira científica por falta de apoio.

Por outra banda, os que traballamos neste campo levamos moitos anos denunciando o emprego precario dos mozos investigadores e as súas poucas posibilidades de conseguir un futuro estable. Formamos un número importante de investigadores, moitos deles moi bos, enviámolos a centros internacionais para completar a súa formación, e ao final unha grande porcentaxe deles ten que marchar porque aquí non teñen futuro. É escandaloso que os poucos que o fan se estabilicen con máis de 40 anos. Os programas de estabilización e reinserción son claramente moi escasos. Todo isto significa que estamos quedando sen canteira. O número de mozos que deciden facer unha carreira investigadora está a diminuír. Algúns fan a Tese de Doutoramento porque lles gusta moito a investigación, pero cando ven as dificultades do futuro, acaban acudindo ao sector empresarial ou educativo.

Ademais, é fundamental concienciar á sociedade da importancia da Ciencia, e sobre todo da ciencia básica, aquilo que non se ve pero que é imprescindible. Por iso é necesario implicarse máis na formación na educación básica, e tamén educar aos medios de comunicación de todo tipo. Necesitamos expertos en comunicación científica, necesitamos bos programas de divulgación que saiban transmitir os avances científicos con rigor pero dun xeito asumible. Só cando teñamos unha boa percepción social da Ciencia, e sexamos capaces de recoñecer que é necesario repensar as políticas científicas que non funcionan correctamente, poderemos saír deste camiño descendente no que nos atopamos.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]