Martes 24, Maio 2022
HomeDestacadasGALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA III

GALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA III [ECONOMÍA]

por Gonzalo Rodríguez Rodríguez
Profesor de Economía

Capital, mercados e I+D

De ser eu Presidente, preocuparíame sobre todo de que Galiza fora unha boa base para que as nosas empresas compitan e contribúan a transformar o PIB en benestar. Un dos focos específicos da política de desenvolvemento debe estar en posibilitar o crecemento das pequenas empresas e a consolidación das medianas. Ás empresas para medrar véñenlle moi ben tres cousas: capital, mercados (que posibiliten economías de escala) e capacidade (innovación). E non van por separado, van xuntas. Ou se dan á vez ou é difícil que se dean.

A entrada de fondos en sectores estratéxicos, como o do complexo mar-industria, é o reverso do baleiro deixado pola desaparición das Caixas e provoca unha substitución de vínculos locais por vínculos globais.

A entrada de fondos de investimento en sectores estratéxicos, como o do complexo mar-industria, é o reverso do baleiro deixado pola desaparición das Caixas e provoca unha substitución de vínculos locais por vínculos globais, así como un maior cortoplacismo nos obxectivos. Cómpre recuperar o financiamento endóxeno.

En canto ás economías de escala, as empresas poden acadalas a través dunha combinación de investimento propio e das economías externas que proporciona o territorio. É dicir, de factores dependentes da masa crítica acadada que facilitan que as empresas poidan producir e comercializar máis eficientemente. No caso galego, esa masa crítica só pode acadarse coa colaboración co norte de Portugal. A política que resposta a esta necesidade é a creación de proximidade, non só xeográfica, a través de infraestruturas que faciliten as comunicacións, senón institucional, organizativa, social, lingüística e mesmo informativa. A información cultural, política, económica, etc sobre Oporto ou Braga debería ser igual de relevante que a existente sobre Coruña ou Ourense, pois só deste xeito se pode crear conciencia a ambos lados da raia dos retos e oportunidades compartidas.

A innovación ten tamén as súas dúas condicións: require empresas medias ou grandes e apoio público. Pois ben, en 2018 (último dato publicado polo INE) Galiza invertía en I+D o 0,94% do PIB, por baixo do modesto 1,24 do conxunto do Estado e a unha distancia sideral de algo máis do 2% da media da UE28. E máis, o esforzo en I+D real é, de feito, menor xa que esa cifra é a do gasto orzamentando, non do executado. Por término medio, a Xunta vén deixando de executar unha cuarta parte do orzamento en I+D. Ese gasto non realizado responde fundamentalmente a créditos brandos a empresas. Se ano tras ano non se executa e tampouco se reasigna, é sinal de que en realidade é un mero truco contable para disimular un gasto paupérrimo. Mentres, quen si ten capacidade e, sobre todo, necesidade -as tres universidades, centros de investigación como o IIM-CSIC e o IEO ou os centros tecnolóxicos, etc.- sobreviven a niveis de emerxencia vendo como cada día se perden investigadores por falta de medios para os reter. Se no futuro as empresas gañan en tamaño e demandan máis recursos para innovación, será o momento de asignarlle máis fondos e apertar o acelerador, non antes. O de agora é facérmonos trampas ao solitario.

Por certo, unha das razóns polas que facerse trampas ao solitario é sinxelo: é a ausencia de suficiente pluralidade e independencia nos medios de comunicación de masas, a empezar pola RTVG. Como se ve, propósitos para o ano novo non faltan.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]